Descrición
Moi parecida á anterior. Presenta un tamaño que non chega aos 15 cm de lonxitude e un corpo cunha forma moi alongada e estreita, cun grande número de escamas de moi pequeno tamaño. Boca con seis barbelas curtas. A liña lateral é incompleta, estando o corpo percorrido por manchas ovais que nos machos adoitan formar bandas.
Reprodución
A reprodución ten lugar nas pedras do fondo, durante a primavera e principio do verán. As femias poñen entre 400 e 2.000 ovos dunha cor abrancazada.
Alimentación
A súa alimentación é a base de materia orgánica diversa e pequenos invertebrados do limo.
Hábitat
Peixe bentónico de augas estancadas ou de corrente non moi forte nos cursos medios e baixos dos ríos, encoros, lagoas, lagos, charcas e quenllas, en zonas con fondos areentos ou limosos e con presenza de vexetación acuática.
Distribución
Trátase dun endemismo ibérico que en Galicia está citado no río Miño. En franca regresión no contexto ibérico, constatouse a súa desaparición de varios ríos españois. A introdución de peixes depredadores, a contaminación das augas, o seu uso como cebo na pesca deportiva e a introdución do cangrexo vermello americano parecen ser as principais causas que levaron a especie á situación en que se atopa.
Nome común
Colmilleja
Nome científico
Cobitis paludica
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Cobítidos