CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Outras especies (...)

Abutilon theophrasti Medik. (Malvaceae).

É unha herba ornamental de flores amarelas e follas longas que se naturaliza esporadicamente en Galicia, aínda que está considerada como unha invasora noutras zonas da Península (Sanz Elorza et al., 2001). Provén do sudeste de Europa e zona sur mediterránea. En Galicia constatouse a súa presenza nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra.


Acer negundo L. (Aceraceae).
Diferénciase do resto dos pradairos presentes en Galicia por ter as follas compostas imparipinnadas. É orixinario de América do Norte e emprégase en xardinaría e, talvez, como estabilizadora de noiros. Pode ser invasora en zonas alteradas con alta humidade edáfica. Está presente nas canles e balsas da antiga lagoa de Antela (Ourense).


Agave americana L. (Agavaceae).
Especie proveniente de México que se emprega en xardinaría. As follas son basais, carnosas, picudas e cada certo tempo produce unha inflorescencia de ata 9 metros. Coñécese en Galicia como subespontánea a partir do século XIX. É unha invasora problemática no sur e leste da península Ibérica. En Galicia atópase en zonas costeiras como a costa de Oia (Pontevedra), ou o Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, onde recentemente se desenvolveron tarefas de erradicación desta especie.


Ambrosia artemisiifolia L. (Compositae).
Provén de América do Norte, introducida como mala herba de cultivo por medio das súas sementes. En Galicia citouse en Poio e no Grove (Pontevedra). É unha herbácea anual de follas divididas e flores en capítulos pequenos que se agrupan en espigas.


Araujia sericifera Brot. (Asclepiadaceae).
Planta herbácea, lianoide, con follas opostas ovadas e con base truncada. As flores son brancas, pentámeras e dispostas en inflorescencias cimosas axilares. Produce moitas sementes viables e propágase tamén vexetativamente. Provén de América do Sur e en diferentes lugares citouse como especie perigosa. En Galicia apareceu esporadicamente nalgúns puntos da costa de Pontevedra, na Rúa e en Bande (Ourense).


Artemisia verlotiorum Lamotte (Compositae).
En distintas localidades das catro provincias galegas está citada esta especie de orixe chinés e utilizada como ornamental en diferentes lugares do mundo. Naturalízase en zonas degradadas, pero tamén en hábitats naturais con certa humidade edáfica. Debe vixiarse o seu comportamento, xa que noutras zonas como o Levante español é unha invasora moi daniña.


B. catharticus Vahl (=Bromus wildenowii Kunth). (Gramineae).
Esta gramínea anual ou perenne de vida curta de grosas espigas péndulas de orixe americana estendeuse como mala herba en cultivos e prados de Galicia. Noutras zonas descríbese con esta mesma ecoloxía, polo que non parece perigosa para os hábitats naturais. En cambio, Sanz Elorza et al. (2001) considérana unha especie con carácter invasor constado na Península.


Calendula officinalis L. (Compositae).
Composta anual de flores alaranxadas, de orixe incerta. Cultivada desde antigo, en Inglaterra coñécese a partir do século XII. É común en cunetas e zonas alteradas e tamén en prados manexados dalgunhas zonas galegas. Non se considera unha especie invasora e é posible que se trate dun arqueófito.


Chamomilla suaveolens (Pursh.) Rydb. (Compositae).
Non se coñece con exactitude a orixe desta pequena camomila de follas divididas. Vive en solos areosos alterados, costeiros ou non, a partir da costa ata as serras do Courel (Lugo) ou Queixa (Ourense).


Chenopodium ambrosioides L. (Chenopodiaceae).
Planta anual de talo erecto e inflorescencia paniculada de pequenas flores verdellas. Nativa en América tropical e naturalizada en diversas zonas do mundo. En Galicia está presente en cunetas e marxes de cultivos algo húmidas das zonas costeiras da Coruña e Pontevedra, pero tamén no interior, incluído Lugo e Ourense. Propágase por semente, pero non parece ser unha especie perigosa para os hábitats naturais.


Coronopus didymus (L.) Sm. (Cruciferae).
Especie anual, rastreira, con follas divididas. Naturalizada en toda Galicia, aínda que principalmente en toda a costa, ocupa zonas degradadas, solos pisados, ambientes urbanos, cultivos, etc. Coñécese desde antigo sempre en medios antropizados, polo que non parece unha especie perigosa.


Datura stramonium L. (Solanaceae).
Especie robusta de talo cilíndrico, ramificada, con follas grandes irregularmente dentadas. As flores son tubulares, brancas de ata 20 cm, erectas. O froito é unha cápsula espiñenta. É de orixe americana, e en Galicia aparece como mala herba en cultivos por toda a xeografía, raramente en ambientes seminaturais, húmidos.


Dittrichia viscosa (L.) Greuter (Compositae).
Planta erecta de ata 1,5 metros, con follas caulinares enteiras, glandulosa. Os capítulos amarelos, ligulados, agrúpanse en forma terminal. Dispérsase por semente e é unha especie tipicamente viaria que aparece en marxes de estradas principalmente, ademais de noutros solos alterados. É común na Península, no sur e no leste como nativa. En Galicia detectouse nalgunhas zonas esporádicas como Carnota ou Moeche (A Coruña). É unha especie dubidosa na súa categoría de exótica ou nativa.


Eichhornia crassipes (C. F. P. Mart.) Solms-Laub. (Pontederiaceae).
Aínda que esta especie non se atopa naturalizada en Galicia, si está noutros lugares da Península, e é unha especie invasora das máis perigosas. Trátase dun hidrófito flutuante con follas crasas e vistosas flores malvas en inflorescencias espiciformes. Debe vixiarse calquera posible aparición desta especie, que ten consecuencias nefastas para os ecosistemas acuáticos que invade.


Eleocharis bonariensis Nees (Eleocharidaceae).
Especie que forma xa parte das xunqueiras e carriceiras de augas doces e salobres en medios costeiros. Provén de América do Sur. Aínda que non está considerada unha especie invasora perigosa, o certo é que habita medios naturais ben conservados e pode estar desprazando especies autóctonas.


Eleusine tristachya (Lam.) Lam. (Gramineae).
Trátase dunha especie americana, anual, de baixo porte, con inflorescencia en espigas terminais ou subterminais, contraídas. É unha especie invasora en diferentes lugares do mundo. En Galicia coñécese en Dumbría (A Coruña) e na Illa de Arousa e Bueu (Pontevedra). Provén de América do Sur. Tamén está presente en Galicia Eleusine indica (L.) Gaertner, de orixe paleotropical e con comportamento e ecoloxía similar a E. tristachya.


Eragrostis curvula (Schrad.) Nees (Gramineae).
Emprégase na revexetación de noiros na construción de grandes vías, de dispersión recente a partir destes usos. Utilizouse para diversos usos, como forraxeira, revexetación de solos espidos e outros con efectos beneficiosos nos Estados Unidos, Arxentina, Uruguai ou Australia. Porén, tamén se considera unha especie invasora nalgúns destes puntos. Provén do sur de África, e en España coñécese naturalizada desde 1979.


Erigeron karvinskianus DC. (Compositae).
Herbácea perenne, moi ramificada con flores en capítulos ligulados, as lígulas brancas ou rosadas. Medra en muros e zonas alteradas. Introducida como ornamental e frecuentemente asilvestrada por diversas zonas de Galicia. Provén de México. Non parece unha especie que supoña un perigo para os hábitats naturais ou as especies de interese.


Eschscholzia californica Cham. (Papaveraceae).
Planta moi vistosa con grandes flores amarelas proveniente de Norteamérica. Dana et al. (2004) considérana unha especie moi agresiva que pode formar mantos monoespecíficos en comunidades naturais. En Galicia hai algunhas citas de localidades esporádicas.


Ficus carica L. (Moraceae).
A figueira é unha árbore cultivada desde moi antigo. Crese que procede de Asia menor e cultívase en todo o Mediterráneo. Ten gran capacidade de enraizamento e en ocasións considerouse como especie invasora.


Galinsoga parviflora Cav. (Compositae).
Planta anual, grácil, con follas ovadas de ata 5 cm e flores en capítulos curtamente ligulados. Froito en aquenio. É unha especie de orixe americana que se estendeu en tempos recentes por Galicia, sobre todo en cultivos, solos alterados, zonas urbanas, etc. Tamén se detectou G. ciliata (Raf.) S. F. Blake en varios lugares. Ambas parecen estar en expansión.


Gamochaeta spicata (Lam.) Cabrera (Compositae).
Igual que a anterior, esta especie anual aparece en medios nitrófilos e urbanos. É nativa de América do Sur e en Galicia aparece nalgunhas zonas das Rías Baixas ata Santiago de Compostela e zonas da provincia de Ourense. Tamén se citou G. subfalcata (Cabrera) Cabrera preto do Miño.


Gladiolus undulatus L. (Iridaceae).
Un gladíolo utilizado en xardinaría e que ao parecer se atopa naturalizado nas proximidades da lagoa de Louro, en Muros (A Coruña), (Lence et al., 2005; Ortiz, 2005). Non se coñece como especie invasora, e o máis probable é que a súa dispersión se produza exclusivamente de forma vexetativa.


Hakea sericea Schrader (Proteaceae).
É unha especie invasora en ambientes abertos do norte de Portugal, con aparición no Parque Natural Baixa Limia-serra do Xurés (Pulgar 2006). Orixinaria de Australia, é unha planta leñosa de follas crasas espiñentas.


Hydrocotyle bonariensis Lam. (Umbelliferae).
Planta herbácea perenne, con talos prostrados, enraizantes nos nós. As follas son su borbiculares con base cordiforme, longamente pecioladas, algo carnosas. A inflorescencia é unha umbela ou grupo de umbelas. As flores son hermafroditas con pétalos amarelo-verdellos. O froito está formado por dous mericarpos unidos lateralmente, de 1 x 2 mm aproximadamente. Provén das zonas mornas do continente americano e en Galicia está presente en zonas costeiras con humidade, como ameneirais ou depresións dunares, sempre en contacto con auga doce.


Juncus tenuis Willd. (Juncaceae).
Pequeno xunco de follas estreitas de orixe americana que se considera unha invasora importante noutras rexións de Europa. En Galicia está presente de forma relevante na zona de Ferrol (A Coruña), Fagúndez, 2003 e hai citas tamén de Vigo (Pontevedra) e nos Ancares (Lugo). Aparece en solos nitrificados, alterados con certa humidade.


Lonicera japonica Thunb. (Caprifoliaceae).
É unha lianoide utilizada en xardinaría de orixe asiática que se describiu como invasora noutras zonas do mundo como nos Estados Unidos. En Galicia coñecémola como naturalizada nas inmediacións de Ferrol e Santiago de Compostela (A Coruña), onde coloniza muros ou sebes en zonas antropizadas.


Matthiola incana (L.) R. Br. (Cruciferae).
Planta perenne, leñosa na base, algo carnosa, bastante ramificada. Follas de marxe sinuosa ou enteiras, inflorescencias en acio con flores purpúreas ou abrancazadas e froitos alongados con sementes de 3 mm. Considérase nativa da zona mediterránea, polo que sería unha exótica en Galicia, aínda que existen dúbidas a este respecto. Aparece esporadicamente en zonas antropizadas, pero tamén na costa en cantís e areais. Debe concretarse mellor a súa orixe alóctona.


Mirabilis jalapa L. (Nyctaginaceae).
O dondiego é unha especie con comportamento invasor constatado (Sanz Elorza et al., 2001) que aparece como subespontánea en Galicia. Citouse de diferentes localidades por toda a costa.


Opuntia humifusa (Rafin.) Rafin. (Cactaceae).
Diversas especies de chumbeiras e outras opuntias considérase especies invasoras, aínda que a súa presenza en Galicia é moi puntual. O. humifusa está presente nos vales dos ríos Xares e Bibei (Ourense), (Costa & Morla, 1986). Tamén se citou O. maxima Miller na lagoa de Louro (Lence et al., 2005) e é posible que outras especies de Opuntia se naturalicen nalgún momento.


Panicum dichotomiflorum Mich. (Gramineae).
Recentemente descuberta en Galicia, en concreto no pantano do río Tambre en Negreira (Romero et al., 2004), tamén está presente noutras zonas costeiras, como Louro (Muros, A Coruña), (Lence et al., 2005). Está catalogada entre as especies con carácter invasor constatadas en España (Sanz Elorza et al., 2004). P. repens L. está máis estendida en zonas costeiras e diferénciase polos seus estigmas de cor purpúrea.


Petasites fragans (L.) Presl. (Asteraceae).
Especie ornamental de orixe mediterránea asilvestrada en ameneirais riparios, herbeiras húmidas e cunetas de diferentes zonas de Galicia. Coñecida desde Merino (1914). É unha herba perenne caracterizada polos seus talos e follas laúdos, algunhas veces de aparición tardía, longamente pecioladas, cordadas e dentadas na marxe e laúdas polo envés. Os seus capítulos presentan brácteas de lixeira cor púrpura e flores liguladas de cor branca rosadas dun forte cheiro a vainilla. Reprodúcese de forma vexetativa por medio de seu rizoma.


Prunus laurocerasus L.
Arbusto ou árbore pequena, perennifolia, de follas simples e de consistencia coriácea. As flores brancas, olorosas, groman en abril. As aves comen os froitos e son o vector que permite a dispersión. Ademais, a especie rexenérase ben a partir dos tocos cortados e produce gromos a certa distancia da planta nai. O tipo de dispersión zoócora favorece que esta especie se desenvolva en hábitats naturais de grande interese e ben conservados. Exclusivamente para uso ornamental. É probable que se empregue desde a antigüidade. Ao ser unha especie europea, é máis difícil determinar o momento de introdución en zonas próximas. A primeira cita galega como naturalizada é de 1990 (Izco et al., 1990).


Salpichroa origanifolia (Lam.) Thell. (Solanaceae).
É unha herba perenne, rizomatosa, de aproximadamente un metro, con talo zigzagueante e follas enteiras. As flores son brancas, péndulas, urceoladas. O froito é un baga comestible. É unha especie invasora en medios costeiros alterados nos EE.UU., Australia, Tasmania, as Illas Británicas e Macaronesia (Canarias, os Azores e Madeira). Provén de América do Sur: Brasil, Arxentina e Uruguai. En Galicia citouse por primeira vez en 1945 por Bellot en Santiago de Compostela, e É unha herba perenne, rizomatosa, de aproximadamente un metro, con talo zigzagueante e follas enteiras. As flores son brancas, péndulas, urceoladas. O froito é un baga comestible. É unha especie invasora en medios costeiros alterados nos EE.UU., Australia, Tasmania, as Illas Británicas e Macaronesia (Canarias, os Azores e Madeira). Provén de Amérien 1989 polo Grupo Botánico Galego do Rosal (Pontevedra). En Ferrol, Santiago de Compostela e outros lugares está naturalizada en varios puntos, talvez en período de aclimatación.


Setaria parviflora (Poiret) Kerguélen (Gramineae).
O xénero Setaria está representado en Galicia por 9 especies (Bujan et al., 1993) que están dispersas por toda Galicia, con maior ou menor importancia, algunhas delas de orixe americana. Son malas herbas de cultivo.


Solanum chenopodioides Lam. (= S. sublobatum Willd. ex Roem. & Schult) (Solanaceae).
Provén de América do Sur. É unha especie herbácea de pequenas flores brancas e froito carnoso, cualificada como especie con comportamento invasor incipiente en España (Sanz Elorza et al., 2001). En Galicia está estendida na zona de Arousa e noutras zonas costeiras das Rías Baixas, en medios alterados, cunetas e cultivos. Outras especies do xénero tamén exóticas están consideradas invasoras noutros lugares.


Sorghum halepense (L.) Pers. (Gramineae).
Planta perenne con rizomas, talos erectos de ata 1,5 metros, follas de 1 a 1,5 cm de longo. Inflorescencias en panículas de 15 a 25 cm de longo, de cor avermellada. Introduciuse a partir do leste de Europa, probablemente a través de sementes con especies de cultivo. Está presente en Galicia a partir do século XIX, principalmente en cultivos ou solos alterados e non parece unha especie que constitúa un perigo para os ecosistemas naturais.


Sporobolus indicus (L.) R.Br. (Gramineae).
Orixinaria de América tropical, perenne de talos de ata 1 metro. As follas son planas, de 20-30 cm. Inflorescencia en panícula de ata 30 cm. Está estendida pola costa da Galicia atlántica, tamén na provincia de Ourense, en solos areosos alterados, costeiros ou non, como camiños ou noiros.


Veronica persica Poiret (Scrophulariaceae).
Planta anual de pequeno tamaño, con follas dentadas pubescentes, flores solitarias azuis con centro branco e froito en cápsula, lobulado. Dispérsase por semente. É unha especie de orixe asiática naturalizada desde moi antigo que algúns autores consideran como invasora (Domingues & Freitas, 2002), pero sempre aparece en prados ou cultivos e non parece que constitúa un perigo para hábitats naturais ou especies autóctonas. Planta anual de pequeno tamaño, con follas dentadas pubescentes, flores solitarias azuis con centro branco e froito en cápsula, lobulado. Dispérsase por semente. É unha especie de orixe asiática naturalizada desde moi antigo que algúns autores consideran como invasora (Domingues & Freitas, 2002), pero sempre aparece en prados ou cultivos e non parece que constitúa un perigo para hábitats naturais ou especies autóctonas.


Xanthium spinosum L. (Compositae).
Esta especie herbácea anual provén de América do Sur e está naturalizada en diferentes lugares do mundo e amplamente en España. En Galicia aparece en ambientes máis ou menos antropizados como cultivos abandonados. O froito ten unhas espiñas que lle serven como medio de dispersión ao engancharse na pelaxe dos animais ou na roupa das persoas. Tamén existen testemuños desde Merino de especies do complexo de Xanthium strumarium L. como X. echinatum Murray subsp. italicum (Moretti) Bolôs & Vigo de diferentes lugares da Coruña, Ourense e Pontevedra (Amigo & Pulgar, 2005: 52) ou X. orientale L. da contorna da Coruña (Dupont & Dupont, 1959: 10).


Yucca gloriosa L. (Agavaceae).
Planta arbustiva de talo leñoso. Follas arrosetadas no extremo do talo, ríxidas, puntiagudas, de ata 60 cm. Flores en panícula terminal, brancas, globosas, periantio con 6 lóbulos. 6 estames. Moi utilizada en xardinaría, naturalízase en lugares costeiros en ocasións en medios naturais. É orixinaria de Centroamérica. Existen varias especies do xénero que se comercializan e a diferenciación en ausencia de floración é complicada.


Zantedeschia aethiopica (L.) Spreng. (Araceae).
A cala é unha especie de orixe sudamericana moi empregada en xardinaría e que en ocasións se asilvestra en medios máis ou menos alterados con certa humidade, mesmo en marxes de fragas de frondosas autóctonas.

Nome comúnOutras especiesNome científico...ClasePlantas superioresFamilia

Documento/s relacionados
Subir