CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Bledo (Amaranthus retroflexus)

Descrición
Herba anual con talos erguidos, follas alternas, enteiras e con pecíolo de forma ovada ou lanceolada. É unha especie monoica con flores bracteoladas unisexuais, en inflorescencia en espigo terminal. As flores teñen dous tépalos. O froito é indehiscente e monospermo, con sementes negras, comprimidas, de 1 mm. Floración principalmente estival.


Lugar de proveniencia
Provén de América do Norte, centro e leste dos Estados Unidos e Canadá.


Propagación
Reprodúcese por sementes. Estas permanecen durante longos períodos no banco do solo de cultivos e zonas alteradas.


Comportamento e problemática
Como mala herba, está presente por todo o mundo, causando importantes perdas económicas. En Galicia é máis rara en comunidades seminaturais, onde aparece en ocasións Amaranthus albus.


Introdución
Mala herba en cultivos, introducida desde antigo de forma accidental probablemente co uso de especies de cultivo americanas. O botánico J. Lange herborizou A. deflexus en Ferrol en 1851 e é posible que a súa introdución sexa bastante anterior.


Hábitats en que aparece
Arvense, cultivos, barbeitos, cunetas ás veces con certa humidade. En ocasións aparece en comunidades seminaturais de prados ou areais húmidos.


Distribución en Galicia

Toda Galicia, onde hai cultivos. No interior en zonas baixas e vales.


Outras especies

Hai varias especies de Amaranthus de orixe americana en Galicia. Algunhas delas, como A. powellii Watson ou A. hybridus L., son tamén relativamente frecuentes e viven en comunidades arvenses. A. deflexus L. é perenne e aparece en zonas alteradas, urbanas ou antropizadas, cultivos, etc. Outras especies son A. albus L., A. blitum L. subsp. emarginatus (Moq. ex Uline & Bray) Carretero, Muñoz Garmendia & Pedrol, citados en Pontevedra, A. blitoides Watson, etc. Ademais, son frecuentes os híbridos.


Mecanismos de control


Control mecánico
O control mecánico é unha ferramenta moi útil contra Amaranthus, especialmente cando é utilizado contra poboacións xuvenís. Para isto non é necesario ir arrancando manualmente planta por planta, senón que a sega ou a rozadura son moi efectivos, especialmente cando se realizan a ras de solo para evitar que as ramas laterais reabrollen e florezan. Porén, nestas tarefas débese ter coidado coa flora nativa, e, en caso de que os individuos estean rodeados por unha densa cuberta desta flora, será necesario actuar planta por planta cortando a súa base.

As técnicas de control mecánico están consideradas como non-efectivas en ámbitos agrícolas, pero non porque non sexan efectivas, senón porque son menos rendibles que outras técnicas como o uso de herbicidas a grande escala.


Control químico
Amaranthus é unha mala herba moi común e problemática en cultivos. É coñecida a súa sensibilidade a numerosos herbicidas de postemerxencia nas doses recomendadas polos fabricantes. En cambio, non existe información sobre ningún caso en que, co obxecto de minimizar os danos para a flora local en zonas protexidas, especies de Amaranthus sexan tratadas experimentalmente con doses reducidas de herbicida. Como alternativa ao control químico tradicional, suxeriuse a utilización de extractos de Leucaena, xa que inhibe a súa xermolación.


Control biolóxico
Dado o gran problema que supoñen as especies de Amaranthus no campo agrícola, a posibilidade de aplicar un control biolóxico sobre estas malezas foi amplamente explorada. Nunha recente revisión contabilízanse un total de 241 inimigos naturais de 21 especies de Amaranthus. Existen xa algúns casos de éxito, como o de A. spinosus en Tailandia, no cal o axente biolóxico (Hypolixus truncatulus; Coleoptera: Curculionidae) foi tan eficaz que se puideron substituír totalmente as aplicacións de herbicidas. Respecto ao control con axentes patóxenos, observouse que o fungo Phomopsis amaranthicola é selectivo contra especies do xénero Amaranthus, e que é o suficientemente daniño como para poder controlar poboacións. Outros dous axentes que poderían ser usados son os fungos Alternaria alternata e Trematophoma lignicola.


Bibliografía
Carretero, 1990; Aydam & Bürki, 1997; Rosskopf et al., 2000; Sanz Elorza et al., 2004.

Nome común Bledo Nome científico Amaranthus retroflexus Clase Plantas superiores Familia Amaranthaceae

Documento/s relacionados
Subir