CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Cana, xunco xigante, falso bambú (Arundo donax)

Descrición

Planta herbácea, perenne, rizomatosa, de ata 5 metros de altura. O talo é unha cana leñosa, con longas follas sentadas, planas, escábridas, alternas. A infl orescencia é plumosa, de ata 70 centímetros, composta por espiguiñas con 2-5 fl ores, con 2 glumas subiguais, con lema arestada e pálea mútica. O froito é unha cariópside, e non parece producir sementes viables fóra da súa área de distribución natural.


Lugar de proveniencia
A distribución natural da especie parece ser o sur de Asia, a partir da India ata Tailandia. A súa introdución é moi antiga e algúns autores considerárona autóctona en Oriente Próximo e no Mediterráneo.


Propagación
A rexeneración é exclusivamente vexetativa, a partir de fragmentos do rizoma que poden dispersarse pola circulación da auga.


Comportamento e problemática
Considérase unha das principais especies invasoras a escala internacional. Atópase en diferentes zonas do mundo, como Australia, Estados Unidos, América do Sur, etc. Segundo a UICN, está entre as 100 especies invasoras máis perigosas. Coloniza zonas húmidas alteradas e ocupa grandes extensións en pouco tempo, non permitindo a recuperación da vexetación natural.


Introdución
A introdución desta especie é moi antiga, polo que é posible que sexa un arqueófi to nalgunhas zonas do Mediterráneo. Úsase como ornamental, para formar sebes ou tamén se aproveita a súa madeira. Recentemente describiuse o seu interese como planta descontaminadora e para empregar nas plantas de biomasa.


Hábitats en que aparece

Sempre en sitios cunha certa humidade edáfica, en zonas alteradas. Lugares de vías de augas en regatos, marxes de carriceiras, etc. Tolera a salinidade na costa, alta nitrofilia e solos areosos. Tamén en quenllas e canalizacións, creando un problema de manexo.


Distribución en Galicia

Principalmente na zona costeira, sempre en baixas altitudes. Nas Rías Baixas e en toda a franxa costeira de Pontevedra a especie é moi abundante.

 

Mecanismos de control


Control mecánico
O control desta planta por medios mecánicos vese dificultado pola capacidade que presenta para formar extensos rizomas e para reproducirse vexetativamente a través deles. A retirada manual só é aplicable contra xuvenís de menos de 2 metros de porte. É necesario eliminar o rizoma, algo que se pode realizar con maior facilidade se as tarefas de retirada se levan a cabo despois dun período de fortes choivas, de tal maneira que o terreo non estea compactado. O procedemento consiste en cortar o talo primeiro, para despois escavar o rizoma con pas ou sachos. É importante non deixar os talos ou os rizomas no solo, xa que poden enraizar e reabrollar. As plantas adultas ben establecidas poden chegar a desenvolver rizomas de ata 3 metros, polo que a única a alternativa neste caso é cortar os talos e logo aplicar un herbicida (proceso detallado máis abaixo). No caso de que a planta se atope no bordo dun curso de auga, e dada a súa capacidade para dispersarse vexetativamente corrente abaixo, é recomendable comezar as tarefas de erradicación río arriba.


Control químico

Esta planta atópase moi frecuentemente en zonas húmidas, bordos de cursos de auga, augas estancadas, etc., polo que só se poderán aplicar herbicidas que estean rexistrados para o seu uso nestes ámbitos. O tratamento de Arundo pódese realizar ben foliarmente, ou ben despois de segar a planta. Para o tratamento foliar son efectivas aplicacións de solucións ao 2-5% de produtos que conteñan glifosato ao 36%, preferentemente aplicados despois da floración, pero antes do período de latencia, xa que é neste momento cando a planta está translocando unha maior cantidade de nutrientes para a raíz. Unha vez que se consegue matar a planta, haberá que valorar se se retira a biomasa ou non. Por norma xeral aconséllase non retirala a non ser que sexa tan densa que impida por completo a repoboación por parte de especies autóctonas. A outra opción de tratamento é a aplicación en postsega. Inmediatamente despois de cortar os talos a unha altura de 5-10 cm do solo, débese aplicar con brochas ou esponxas un herbicida concentrado (por exemplo, 180 g de glifosato por litro de auga). Á mestura pódeselle engadir un colorante, de tal maneira que é posible saber con rapidez que zonas ou talos foron tratados. Para esta técnica cómpre máis tempo, esforzo e investimento que para a aplicación foliar, e, ademais, ten unha eficacia menor (un 50% fronte ao 100% da fumigación), pero presenta claras vantaxes ambientais, xa que se usa menos herbicida, que, ademais, se aplica dunha forma máis dirixida e precisa e evítase a deriva. Isto é de especial importancia neste caso, xa que as plantas se atopan en zonas húmidas, co que se consegue reducir a contaminación do acuífero con praguicida. Como se indica con anterioridade, é importante retirar os talos verdes do terreo, porque poden reabrollar se existen as condicións de humidade necesarias.


Control biolóxico
Ata o momento non hai coñecemento de ningún plan de control biolóxico levado a cabo contra Arundo donax, aínda que si se están a investigar algúns inimigos naturais que poderían ser comercializados como axentes biolóxicos nun futuro próximo. O pulgón verde (Schizaphis graminum) foi observado alimentándose de Arundo durante o inverno. En Francia, eirugas de Phothedes dulcis (Lepidóptera: Noctuidae) tamén lle causan danos a esta planta, e en Paquistán observouse como Zyginidia guyumi (Typholocyloinae: Cicadellidae) utiliza esta planta como fonte de alimento. Por último, en Barbados descubriuse unha couza buraqueira (Diatraea saccharalis.)


Bibliografía
Bell, 1997; Dudley, 2000; Michael et al., 2003; Hoshovsky, 2005.

Nome común Cana, xunco xigante, falso bambú Nome científico Arundo donax Clase Plantas superiores Familia Gramineae

Documento/s relacionados
Subir