CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Bacopa anana (Bacopa monnieri)

Descrición

Planta herbácea, perenne, enraizante nos nós. Follas pequenas redondeadas ou espatuladas, enteiras, de ata 2 cm. As fl ores son brancas ou lixeiramente coloreadas de rosa, pentámeras e actinomorfas, dispostas en solitario na axila das follas. O froito é unha cápsula de 5-8 mm, con numerosas sementes.


Lugar de proveniencia
Orixe tropical. Según algúns autores é nativa do sur dos Estados Unidos e Centroamérica, mentras que outros sinalan a súa proveniencia doutras zonas tropicais de África ou Asia.


Propagación
Os talos fragméntanse e enraízan con facilidade. A especie forma froitos e sementes, pero descoñecemos a súa viabilidade.


Comportamento e problemática
Presente en hábitats acuáticos ou con certa humidade na costa, tapiza grandes extensións, desprazando especies nativas. Non está citada como invasora na península Ibérica nas listas consultadas. Ao parecer, está citada como alóctona en California e Australia, pero non como especie perigosa. Ten propiedades terapéuticas e comercialízase tamén como planta para acuarios.


Introdución
Previsiblemente accidental. Citada por primeira vez para Galicia por Merino en 1906 como Vandellia erecta.


Hábitats en que aparece

Comunidades acuáticas ou con humidade edáfica. Nas lagoas costeiras de Corrubedo, Louro ou Caldebarcos. Tamén noutros ambientes costeiros con humidade, como marxes de acantilados.


Distribución en Galicia
Zona costeira desde as Cíes a Carnota, con poboacións importantes en A Lanzada ou Louro (Muros).


Mecanismos de control


Control mecánico
A única técnica de control mecánico que podería ser aplicable contra esta planta sería o manual por arranque, unha tarefa que é moi laboriosa, xa que esta planta se establece en zonas húmidas. Por outra parte, a erradicación desta especie presenta o problema de que a súa dispersión se realiza de maneira vexetativa por medio de fragmentos, polo que é necesario non deixar ningún fragmento no terreo. Ademais, o feito de que o seu hábitat sexa semiacuático agrava este problema, pois os anacos que caian ao solo e non sexan recollidos inmediatamente poden ser dispersados polas correntes de auga superficiais, propiciando a aparición de novas poboacións en zonas afastadas da zona húmida.


Control químico
Igual que noutros casos de plantas que se establecen en zonas húmidas, o control químico atópase aquí co grave problema dos efectos colaterais que poden ter as aplicacións de herbicida sobre as plantas nativas. A presenza de augas superficiais no terreo favorece a deriva do praguicida, algo que é moi difícil de evitar. É posible que se poidan aplicar tratamentos en casos particulares en que a planta forme grandes comunidades monoespecíficas ou en casos en que se agrupe en zonas illadas ou onde non haxa auga no terreo. Os herbicidas rexistrados en España que inclúen zonas húmidas entre os seus ámbitos de uso son, principalmente, herbicidas de glifosato. Non existe ningún dato que suxira que esta planta non sexa susceptible a esa substancia activa.


Control biológxico

Non existe ningún axente, comercializado ou en estudo, descrito ata a actualidade para o control desta planta.


Bibliografía
Merino, 1906: 95; Guitián & Guitián, 1986: 148.

Nome común Bacopa anana Nome científico Bacopa monnieri Clase Plantas superiores Familia Scrophulariaceae

Documento/s relacionados
Subir