CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Té de horta (Bidens aurea)

Descrición
Planta herbácea de gran tamaño, ata 2 metros, perenne. As follas son opostas, lanceoladas e serradas na marxe. As inflorescencias son capítulos solitarios, con brácteas involucrais en dúas filas. Lígulas brancas e flores tubulares amarelas. O froito é un aquenio con dous apéndices ríxidos, escábridos.


Lugar de proveniencia
América do Norte, sur dos Estados Unidos.


Propagación
Por sementes. A dispersión é epizoócora, mediante os apéndices ríxidos que se enganchan aos animais e son transportadas en ocasións a longa distancia. Tamén se describiu propagación vexetativa por medio do rizoma.


Comportamento e problemática
Especie en expansión por diferentes tipos de hábitat. En ocasións forma poboacións abundantes que exclúen outras especies. É unha especie invasora en varios lugares do mundo. Na península Ibérica está dispersa por gran parte do Levante, Cantábrico e centro-oeste.


Introdución
Especie de introdución accidental, relativamente frecuente, con citas en Galicia a partir de 1980.


Hábitats en que aparece

Comunidades nitrófilas de cunetas e solos alterados, e comunidades seminaturais de prados. En ocasións, como mala herba en cultivos ou en ambientes urbanos. Parece admitir variacións na humidade edáfica, incluso encharcamento temporal.

 

Distribución en Galicia
Principalmente na Galicia térmica costeira, aínda que tamén na provincia de Ourense, no Barco de Valdeorras.


Outras especies
O xénero Bidens ten outras especies exóticas presentes en Galicia, como son Bidens frondosa L., especie tamén americana que se diferenza polas súas follas pinnatisectas, e que se atopa en diferentes pantanos e enclaves húmidos, costeiros ou de interior, das catro provincias galegas. Bidens pilosa L. coñécese soamente en Santiago de Compostela e na Guarda. Citouse tamén en Galicia Bidens bipinnata L.


Mecanismos de control


Control mecánico
A eliminación de poboacións desta especie mediante o control mecánico é factible, xa que a súa principal forma de reprodución e propagación é por medio de sementes. Polo tanto, poderase rozar, segar ou arrancar manualmente sen esperar problemas de dispersión vexetativa. No entanto, será necesario realizar un seguimento da poboación para estimar a capacidade de reabrollamento. Outras especies similares, como Bidens pilosa, foron controladas satisfactoriamente mediante estes métodos. Tamén se indica que esta especie pode ser controlada se se consegue deixar a súa poboación en sombra (sombreo), algo que pode lograrse se se realiza unha repoboación con plantas nativas propias da zona e que teñan un porte superior. Tendo en conta que tamén se describiron casos de reprodución vexetativa por medio do rizoma, será necesario comprobar durante o seguimento posterior se esa propagación ocorre ou non.


Control químico
Estas plantas son susceptibles a numerosos tipos de herbicidas,incluídos os residuais, de contacto ou sistémicos. Probablemente sexa susceptible a calquera herbicida recomendado para malas herbas de folla longa. Non atopamos ningunha información ou experiencia sobre doses límite.


Control biolóxico
Ata o momento non se ensaiou ningún axente, pero unha lista de inimigos naturais pódese atopar en Waterhouse (1994).


Bibliografía
Izco et al., 1985: 132; Rodríguez Gracia, 1986: 16; González, 1988: 21; Waterhouse, 1994; Soñora et al., 1996: 3; Swarbrick, 1997; Pulgar et al., 2002: 15; Pulgar et al., 2002: 15; Pulgar & Fagúndez, 2003: 227; Amigo & Pulgar, 2005: 47.

Nome común Té de horta Nome científico Bidens aurea Clase Plantas superiores Familia Compositae

Documento/s relacionados
Subir