CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Lilar (Buddleja davidii)

Descrición
Arbusto leñoso, moi ramificado, de ata 4 metros de altura. As follas son elípticas, pecioladas, con face verde e envés glauco. As flores dispóñense en inflorescencias compactas de moitas flores, estas de cor purpúrea ou violácea de 3 mm con 4 lóbulos, actinomorfas. O froito é unha cápsula con numerosas sementes moi lixeiras que se poden desprazar a moita distancia.


Lugar de proveniencia
Provén de China central, de zonas de montaña con altitudes de ata 3.000 m s.n.m.


Propagación
En xardinaría obtense facilmente de semente, pero descoñecemos a importancia da reprodución sexual nas plantas naturalizadas. Segundo algúns autores, estas reprodúcense principalmente por semente. Describiuse a posible dispersión destas sementes polo aire ou vehículos de motor, e poden permanecer no banco do solo durante bastante tempo. Tamén enraízan ben os gallos, que se poden desprazar pola corrente en cursos de auga.


Comportamento e problemática
B. davidii está considerada unha especie invasora importante en diferentes lugares do mundo, como Nova Celandia, Estados Unidos ou Europa central. En España é frecuente no Levante, costa cantábrica e outros lugares.


Introdución
Utilízase como ornamental e esta é a causa da súa introdución. Introduciuse en Inglaterra en 1890. A primeira cita galega como naturalizada é de 1983 en Ourense cidade.


Hábitats en que aparece
Principalmente preto de zonas habitadas, en medios alterados como támaras ou cunetas. En ocasións en medios seminaturais, como pasteiros ou marxes de matogueiras. Noutras zonas, en ambientes riparios.

Distribución en Galicia

En zonas dispersas das Rías Baixas, zona de Santiago e área da Coruña-Ferrol, tamén nas proximidades das cidades de Lugo e Ourense.


Mecanismos de control


Control mecánico
Segundo os intentos realizados en distintos parques de Nova Celandia, pódese afirmar que o control mecánico desta planta é unha tarefa difícil que non vai resultar efectiva. Se as plantas son cortadas, reabrollarán con moito máis vigor, empeorando a situación, de tal forma que isto é algo que non se debe facer, a non ser que a sega das plantas vaia seguida da aplicación dun tratamento químico (descrito máis abaixo). Por outra parte, esta planta produce grandes cantidades de semente e ademais compite moi eficazmente en terreos alterados ou perturbados. A consecuencia destas dúas características é que a retirada manual tampouco vai ser efectiva, xa que se incentiva a xermolación das sementes que colonizarán a gran velocidade o terreo. De feito, e como conclusión, desaconséllanse as técnicas de control mecánico polo perigo que implican, a non ser que se poida repoboar a zona con especies desexables nun breve período de tempo.


Control químico
Esta planta é susceptible a aplicacións de calquera herbicida para malas herbas de folla longa ou non específico, utilizando as doses recomendadas polo fabricante. Aínda así, o tratamento foliar desta planta non é moi aconsellable, dado o risco de danar outras plantas nativas. A mellor opción é usalo como complemento do control mecánico, tal e como se indica no parágrafo anterior. En Hawai, tras ser cortada esta especie, tratouse con éxito mediante aplicacións basais coa seguinte mestura: 1 litro de auga, 5 g dun produto con metsulfuron metil ao 60%, 0,5 litros dun produto con glifosato ao 36% e 2,5 ml de surfactante.


Control biolóxico
En Nova Celandia estase desenvolvendo un programa para avaliar as posibilidades de controlar bioloxicamente esta praga. Un dos axentes usados é o gurgullo (Cleopus japonicus) (Coleoptera: Curculionidae). Os danos causados por este insecto resultan nunha redución significativa da lonxitude do talo e da cantidade de biomasa, conducindo eventualmente á morte da planta. Por outra parte, tamén se está avaliando o escaravello tradeador do talo (Mecyslobus erro).


Bibliografía
Soñora et al., 1993a: 25; Brockerhoff et al., 1999; Starr et al., 2003; Sanz Elorza et al., 2004: 112-113.

Nome común Lilar Nome científico Buddleja davidii Clase Plantas superiores Familia Buddlejaceae

Documento/s relacionados
Subir