CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Eixerón (Conyza canadensis)

Descrición
Planta anual herbácea de ata 150 cm. O talo é erguido, ramificado na parte superior. Numerosas follas simples, alternas. As flores están dispostas en capítulos moi pequenos agrupados nunha inflorescencia terminal. As lígulas son abrancazadas, moi curtas, parecidas aos flósculos. O froito é un aquenio con lanuxe. Floración estival e outonal.


Lugar de proveniencia
América do Norte.


Propagación
Exclusivamente por sementes. Os aquenios son lixeiros e poden desprazarse a grandes distancias. A produción de sementes é moi alta.


Comportamiento e problemática
É unha especie problemática principalmente pola súa aparición en cultivos. No medio natural aparece en ocasións en areais costeiros, sobre todo en zonas algo alteradas. Na península Ibérica é tamén moi abundante, e en case todo o mundo está presente con ecoloxía parecida.


Introdución
Probablemente accidental. Introducida en Europa no século XVI. En Galicia, malia que a primeira cita é de 1852, de Planellas, é probable que exista desde tempos moi antigos.


Hábitats en que aparece

Principalmente como mala herba en cultivos ou en ambientes ruderais, aínda que tolera todos os ambientes, medios alterados de todo tipo, cunetas, solos espidos en solares e obras, noiros, etc. Máis raramente en ambientes naturais, sobre todo costeiros, como dunas ou marxes de lagoas costeiras ou marismas.


Distribución en Galicia
Moi común na costa pero presente en toda a xeografía galega.


Outras especies
Existen outras especies de Conyza en Galicia das cales a máis estendida é C. bonariensis (L.) Cronq. Diferénciase polos capítulos maiores e por ser moi pilosa. Ten unha distribución e ecoloxía similar a C. canadensis. Tamén é frecuente C. albida Willd. e citouse C. sumatrensis (Retz.) E. Walker. Ademais destas, Aster squamatus (Sprengel) Hieron ten unha aparencia parecida, igual que a súa ecoloxía, aínda que a súa distribución é maioritariamente costeira. En ocasións está presente en medios naturais costeiros con humidade, como as marxes das marismas.


Mecanismos de control

 

Control mecánico

Resulta unha boa opción para controlar esta especie, xa que se reproduce por sementes e non ten órganos de resistencia. Basicamente habería dúasformas de levar a cabo este control. Un sería mediante a sega ou a rozadura con aparellos de labranza. Esta é unha opción que non require de moito tempo nin esforzo, pero ten a desvantaxe de que Conyza ten unha forte capacidade de reabrollamento, de tal maneira que será necesario cortar a planta totalmente a rentes do solo. Pola contra, unha técnica totalmente eficaz é o arrancado manual. Esta opción ten unha eficacia do 100%, xa que, como se dixo anteriormente, a planta non vai deixar no solo órganos de resistencia como bulbos ou tubérculos. Por outra parte, non posúe un sistema radicular mesto e extenso, senón unha dura raíz vertical e estreita, o que facilita o arranque. Outra vantaxe da retirada manual é que, debido a este sistema radicular, o arranque da planta non vai provocar unha excesiva perturbación no terreo. A desvantaxe deste método é que resulta moi laborioso.


Control físico
Unha técnica de control que foi utilizada con éxito contra Conyza stricta foi o recubrimento con plástico. De feito, estudos recentes indican que esta técnica, xunto á retirada manual, é a que presenta unha maior eficacia, incluso superior ás herbicidas.


Control químico

As especies do xénero Conyza constitúen un dos grupos de malas herbas máis frecuentes e problemáticos no campo da agricultura. Durante anos foron obxecto de tratamentos químicos e, como consecuencia, numerosas variedades desenvolveron resistencia a herbicidas de distinto tipo, como glifosato ou 2,4-D. Esta especie pode ser controlada con aplicacións puntuais de distintos herbicidas ás doses recomendadas polo fabricante; porén, será necesaria unha boa monitorización dos resultados para comprobar que non nos atopamos ante unha variedade resistente. Aínda que o control químico é unha opción, e tendo en conta a efi cacia que presentan o control físico e mecánico, considéranse máis recomendables estas dúas alternativas.


Control biolóxico
Non existen axentes para o control desta planta nin inimigos naturais ou patóxenos que sexan identificados para tal fin.


Bibliografía
Guitián y Guitián, 1986: 152; Lago et al., 1989: 125; Soñora, 1991: 100; Khan et al., 2001.

Nome común Eixerón Nome científico Conyza canadensis Clase Plantas superiores Familia Compositae

Documento/s relacionados
Subir