CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Sempreviva (Helichrysum petiolare)

Descrición
Nanofanerófito de ata 1 m de altura, con talos leñosos erguidos ou prostrados enraizantes. Talo tomentoso, grisáceo. Follas simples, alternas, ovadas ou redondeadas, tomentosas. Flores abrancazadas, en capítulos globosos, dispostos en corimbos terminais. O froito é un aquenio con lanuxe.


Orixe
Rexión do Cabo, Sudáfrica.


Comportamento e problemática

A especie pasa con facilidade das zonas alteradas, onde se naturaliza, a hábitats seminaturais como é a matogueira térmica costeira. Na zona en que se naturalizou converteuse en especie dominante e a súa expansión é impredicible. A área onde está máis estendida na ría de Ferrol sufriu incendios reiterados nos últimos anos, o que parece favorecer a expansión da especie. Coñécese como invasora incipiente en California (Estados Unidos) e Nova Celandia. En Europa está en Inglaterra e Portugal. En España soamente en Castropol (Asturias) e Galicia.


Introdución
Probablemente como ornamental. A primeira cita como naturalizada é de 1974. En Portugal coñécese desde 1943.


Hábitats en que aparece

En zonas próximas a zonas habitadas, pero expandíndose logo a zonas máis ou menos naturais, comunidades de toxeira, marxes de cultivos forestais e incluso cantís costeiros.


Distribución en Galicia
Está en Ribadeo, talvez en fase de aclimatación nas marxes da estrada que bordea a ría, e permanece abundante na illa de Tambo (Pontevedra) desde 1974. A zona máis afectada é a ría de Ferrol, especialmente a beira sur, concellos de Ares e Mugardos no LIC da Costa Ártabra. Alí a especie colonizou amplas zonas e a expansión é notable. Non a localizamos en Punta Candelaria (Cedeira), onde tamén se ten citado.


Outras especies

Helichrysum foetidum (L.) Cass. diferénciase do anterior por ser anual, con talo erguido pouco ramificado e follas oblongas ou lanceoladas. Os capítulos agrúpanse no extremo do talo. Esta especie reprodúcese por sementes e colonizou gran parte da xeografía galega, principalmente hábitats costeiros onde vive en zonas alteradas como cunetas, en ocasións penetrando en medios naturais como dunas ou matogueiras.


Mecanismos de control


Control mecánico
O control manual por arranque é unha boa opción para a erradicación desta planta. Pola contra, a capacidade que ten para reproducirse vexetativamente condiciona o uso doutras técnicas mecánicas como a rozadura. Os talos poden enraizar, de tal maneira que será necesario retiralos do terreo.


Control químico
Non existe ningún dato que indique que esta planta non sexa susceptible a tratamentos con herbicida; non obstante, á hora de aplicar calquera produto, débese ter en conta que a densa cuberta pilosa das follas pode inhibir a absorción foliar do herbicida, polo que será necesario seleccionar un surfactante adecuado para aumentar a penetración do produto.


Control biolóxico

Non existe ningún axente que se comercialice para o control desta planta, pero observouse que o lepidóptero minador da folla (Tebenna gnaphaliella, Familia Choreutidae) lle causa grandes danos a esta planta.


Bibliografía
Pinto da Silva, 1956: 45; Laínz, 1974: 17; Guitián et al., 1989: 564; Soñora et al., 1996: 5.

Nome común
Sempreviva
Nome científico
Helichrysum petiolare
Clase
Plantas superiores
Familia
Compositae

Documento/s relacionados
Subir