Descrición
Planta perenne, lianoide. Os talos ascenden apoiándose na vexetación. As follas son lobuladas, con 3 lóbulos redondeados e acuminados. As flores son grandes, de ata 9 cm, de cor purpúrea ou violácea, con corola infundibuliforme con 5 pétalos. Dispóñense en cimas axilares. O froito é unha cápsula con 4 sementes.
Lugar de proveniencia
Continente americano: Centroamérica e América tropical.
Propagación
Descoñecemos se ten reprodución sexual, a rexeneración vexetativa parece ser a de maior importancia, mediante o enraizamento dos talos.
Comportamento e problemática
A especie está moi estendida pola área costeira galega, principalmente a próxima a zonas urbanas, onde se desenvolve con rapidez tapizando muros, sebes e árbores. O mesto tapiz que forma pode convertela nunha especie que modifica as condicións ambientais dunha zona. É unha especie invasora en diferentes lugares do mundo, incluíndo a Europa mediterránea.
Introdución
Como ornamental polas súas flores vistosas e a súa capacidade para tapizar rapidamente.
Hábitats en que aparece
Principalmente medios antropizados, aínda que en ocasións está en hábitats seminaturais rubindo polas árbores, arbustos ou sebes.
Distribución en Galicia
Zona costeira, principalmente as áreas urbanas de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol.
Outras especies
Ipomoea purpurea Roth., que se distingue por ter follas enteiras, mentres que as de I. indica son claramente lobuladas. Esta especie citouse nas Rías Baixas e en Pobra de Trives (Ourense).
Mecanismos de control
Control mecánico
Pequenas poboacións desta planta poden ser eliminadas mediante a retirada manual das partes aéreas e subterráneas. Non obstante, esta especie ten unha gran capacidade de reprodución vexetativa e, ademais, produce unha elevada cantidade de biomasa, o que dificulta a retirada manual, non só pola carga de traballo que supón, senón porque, ao posuír unha biomasa tan grande, aumentan as posibilidades de que durante a retirada da planta se deixen fragmentos no terreo que poden enraizar. Para poboacións que ocupen grandes superficies é máis recomendable combinar o control mecánico coa aplicación de herbicidas.
Control químico
Dado que esta especie rube moi habitualmente sobre outras plantas, a fumigación con herbicidas non é, de por si, unha alternativa que se poida usar moi frecuentemente, e que deberá ser limitada aos casos en que a planta se atope sobre muros e valados. Porén, o control químico ten unha clara vantaxe que se fai especialmente importante neste caso, e é que, ao matar a planta, non existe a posibilidade de que esta reabrolle a partir de anacos dispersos polo terreo, como ocorre cando se corta. Así, a opción máis axeitada sería a combinación entre o control químico e mecánico. Para iso existen dúas posibilidades. Unha consiste en cortar os talos e tratar as súas bases con herbicidas. Se a base está lignificada, será necesario eliminar a cortiza ata chegar aos vasos condutores, para aplicar sobre eles o herbicida cunha brocha, pincel, ou esponxa. É importante que a aplicación se realice nos 10-15 minutos posteriores á poda. Para o control desta planta en parques naturais de Nova Celandia, recoméndanse dilucións de 1 parte de produto por 4 de auga con produtos que conteñan glifosato ao 36% ou con produtos que conteñan un 33% de 2-4D + 15% dicamba. Unha boa maneira de desfacerse dos talos que foron cortados, sen que haxa perigo de que reabrollen, é xuntalos todos nunha zona próxima onde non haxa plantas nativas e fumigalos con herbicida.
A segunda opción de tratamento químico consistiría en cortar os talos, esperar a que medren uns 60 cm e aplicar entón herbicidas con glifosato a razón de 3,6 gramos de glifosato por cada litro de auga, ou o que é o mesmo: 10ml/L dun produto con glifosato ao 36% (recoméndase o uso de surfactante).
Control biolóxico
Coñécese moi pouco sobre as posibilidades de controlar bioloxicamente esta especie. Ademais, atopar un axente adecuado é unha tarefa moi difícil neste caso por varios motivos. Para empezar, esta planta pertence a unha familia de distribución cosmopolita que inclúe moitas especies beneficiosas, polo que o axente de control debería ser moi específico. Por outra parte, existe discrepancia sobre o lugar do cal é orixinaria esta especie, de tal maneira que non se sabe con certeza onde ir buscar os inimigos naturais. Como posible candidato estaría o xeminivirus chamado Ipomoea yellow vein virus (IYVV), que foi atopado en España. Existen moitas especies de insectos que lle causan danos significativos a Ipomoea, pero son tan polífagos que non poden ser considerados como candidatos a axentes biolóxicos.
Bibliografía
González, 1988: 41; Costa & Morla, 1989: 188; Gómez Vigide et al., 1989:106.
Nome común
Campaíña
Nome científico
Ipomoea indica
Clase
Plantas superiores
Familia
Convolvulaceae