CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ludwigia (Ludwigia grandiflora)

Descrición
Planta herbácea perenne, rizomatosa, con talos erguidos que poden medir máis dun metro. Enraíza baixo a auga, cunha parte aérea de 40-80 cm. As follas son lanceoladas, de ata 12 x 2 cm e dispóñense de forma alterna nos talos aéreos. As fl ores atópanse nas axilas das follas superiores, presentan un curto pedúnculo e son pentámeras, actinomorfas. Son vistosas, de gran tamaño e cor amarela, con 10 estames e estilo capitado. O froito é unha cápsula cilíndrica con numerosas sementes moi pequenas.


Lugar de proveniencia

América do Sur.


Propagación

Na primavera prodúcense o crecemento dos talos aéreos a partir do rizoma. Tamén medran as novas plantas provenientes de fragmentos desprendidos na época de non-crecemento, o inverno. No verán a planta desenvolve os talos aéreos que finalmente florecen e frutifi can en xullo, agosto e setembro. Tamén desenvolve dous tipos de raíces, unhas ancoradas ao substrato e outras nos talos mergullados, que emprega para respirar e asegurar a fixación ao fragmentarse o talo principal. Non se ten demostrado que as sementes xermolen en medio natural fóra da súa rexión de orixe.


Comportamento e problemática
É unha especie con gran capacidade de colonización e propagación. Unha vez establecida, produce unha gran cantidade de biomasa e ocupa unha área extensa contribuíndo a modifi car as condicións fi sicoquímicas da auga, cunha achega de follas e nutrientes importante e unha alta competencia con hidrófi tos autóctonos. Ademais, presenta problemas no aproveitamento das augas para rega e outros usos. É catalogada como especie invasora e perigosa en Francia, Suíza, Italia, Reino Unido, Países Baixos e Estados Unidos. En España parece estar estendéndose no Júcar e o marxal de Pego-Oliva, en Valencia (Laguna, 2004).


Introdución
Introducida como ornamental en estanques e xardíns, tamén se empregou para favorecer a pesca, xa que a vexetación enraizada crea un bo nicho para o desove dos peixes. En Europa introduciuse en 1823 no xardín botánico de Montpellier e estendeuse a partir de 1830. En España coñécese desde 1916, descuberta polo botánico Sennen en Barcelona. En Galicia cítase por primeira vez no ano 2004.


Hábitats en que aparece

Zonas húmidas con certa profundidade e sen seca, en rexións térmicas, en augas tranquilas ou remansadas e solos ricos, preferiblemente ácidos. Aínda que é unha especie con gran capacidade de adaptación, prefire zonas abertas, sen cobertura arbórea nas marxes da zona húmida.


Distribución en Galicia
Unha única localidade en Sandiás (Ourense), onde se introduciu nas proximidades dunha canteira xunto ás balsas da antiga Lagoa de Antela (Romero et al., 2004). Estes autores sinalan a súa presenza noutras ''zonas húmidas do sur de Ourense''.


Mecanismos de control
Ludwigia grandiflora, igual que todas as invasoras acuáticas, é unha especie de difícil control, ben que presenta unha característica que a fai aínda máis complexa, que é a posible capacidade de reproducirse a través das sementes. Desta maneira, aínda que se conseguise erradicar esta especie dunha zona, existiría o risco de recolonización por medio das devanditas sementes. Ademais, debido ao seu gran tamaño, a acumulación da biomasa retirada é un gran desafío loxístico, dado o medio en que se efectúa. Este punto débese ter moi en conta e avalialo con seriedade antes de afrontar unha actuación contra grandes invasións desta especie, para así evitar danos inesperados ao medio que se quere protexer.


Control mecánico
O control mecánico é factible mediante a recollida manual ou mecánica das augas. No entanto, esta técnica implica o risco de favorecer a dispersión da planta por medio dos fragmentos que se vexan liberados durante o proceso de retirada. Na actualidade non existen datos claros sobre a eficacia deste método nin sobre o tempo que necesita esta especie para recolonizar a zona.


Control físico
O control físico por ensombrecemento con cubertas opacas resultou efectivo contra esta planta en Inglaterra e California. É máis recomendable que o control mecánico porque non leva implícito o risco de incentivar a dispersión da especie. O maior inconveniente deste método é que a súa aplicación a grande escala vai ter un impacto negativo sobre os outros organismos do medio.


Control químico
O control químico de Ludwigia é factible con herbicidas de contacto como o glifosato. É necesario mesturalo cun surfactante adecuado que facilite a penetración na planta. Segundo datos obtidos no plan de erradicación desta especie no parque da Lagoa de Santa Rosa (California), aplicacións con glifosato obtiveron un control só do 75% (en tres semanas). Considérase que quizais este herbicida non teña a capacidade de translocación necesaria para matar a planta enteira, aínda que a súa baixa toxicidade para outros organismos do medio e a súa rápida desaparición fai factible o seu uso. As concentracións de glifosato en auga tras a súa aplicación foron 5.000 veces inferiores ás necesarias para afectarlle a unha troita.


Control biolóxico
Como na maioría dos casos, na actualidade non se comercializa ningún axente contra esta especie, pero numerosas investigacións apuntan ao xénero de crisomélidos Lysathia como un potencial controlador. En estudos levados a cabo coa especie Lysathia ludoviciana observouse unha eliminación de ata o 90% de Ludwigia en 3 meses. Esta especie é un fitófago específico cuxos hospedadores principais son Myriophyllum aquaticum e Ludwigia peploides.

O uso de carpas, efectivas contra un bo número de acuáticas invasoras, non é útil contra esta especie, xa que non a atopan atractiva, probablemente por ter unha constitución máis leñosa e robusta que outras macrófitas acuáticas.


Bibliografía
Cuerdo & DeLoach, 1982; McGregor et al., 1996; Agence Méditerranéenne de l¿Environnement, 2002; Laguna, 2004; Romero et al., 2004: 63.

Nome común
Ludwigia
Nome científico
Ludwigia grandiflora
Clase
Plantas superiores
Familia
Onagraceae

Documento/s relacionados
Subir