CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Vinagreta, pan de cuco (Oxalis pescaprae)

Descrición
Xeófito bulboso de 10-30 cm. Varios bulbos pequenos. Follas trifoliadas, os folíolos escotados. Talo glabro, cilíndrico, simple, sen follas. Inflorescencia en umbela de 4-8 flores. Flores actinomorfas con 5 pezas, os pétalos soldados na base de cor amarela limón. Androceo composto por 10 estames con anteras amarelas. Xineceo formado por un ovario pentalocular e 5 estilos. Froito en cápsula.


Lugar de proveniencia
Sudáfrica, rexión do Cabo.


Propagación

Sempre vexetativa polos bulbiños. Non parece producir sementes viables fóra do seu territorio de orixe. Os bulbiños dispérsanse polos movementos de terras, os cursos de auga ou os animais.


Comportamento e problemática
Gran capacidade de dispersión e colonización, aínda que case sempre asociada a alteracións do terreo. Causa problemas como mala herba de cultivos, pero a súa incidencia sobre os hábitats naturais é baixa. Está presente en distintas zonas do mundo e tamén na Península, principalmente no Levante.


Introdución
Pola trasfega de material de cultivo, aínda que é posible que se utilice como ornamental.


Hábitats en que aparece
Pasteiros, marxes de cultivo e solos alterados, pero tamén aparece en areais costeiros alterados.


Distribución en Galicia
Principalmente na zona costeira, presente en toda a Comunidade.


Outras especies
O. corniculata L. diferénciase polos seus talos reptantes e por teren as flores máis pequenas en inflorescencias axilares; tamén está moi estendida en zonas alteradas. Común por toda a xeografía galega. O. articulata Savigny, O. purpurea L. e O. corimbosa DC son outras especies presentes en Galicia como subespontáneas de forma ocasional.


Mecanismos de control


Control mecánico
O control mecánico pódese realizar con dous obxectivos: eliminar fisicamente os bulbos, ou tratar de consumir as súas reservas. Para eliminar os bulbos, as plantas deben ser arrancadas ao comezo da tempada, antes de que formen novos bulbiños. O solo debe ser examinado con detalle para intentar extraer o maior número posible deles, algo que debe realizarse con certo coidado para evitar unha gran perturbación do terreo, o que favorecería a reinvasión con outras malas herbas, especialmente por parte doutras especies de Oxalis. Ao terminar as tarefas de erradicación, é importante retirar todos os bulbos das ferramentas, botas ou vehículos para evitar a súa dispersión a outras áreas. En relación coa opción de consumir as reservas acumuladas nos bulbos, será necesario arrancar a parte aérea da planta durante sucesivas campañas.


Control físico

En Australia, en áreas gravemente invadidas, utilizáronse con éxito técnicas de recubrimento, tanto con cuberta vexetal (mulching) como con cobertores artifi ciais, por exemplo esteiras (weed matting). Observouse que este método é especialmente útil contra Oxalis purpurea, xa que a defoliación nesta especie ten un especial efecto inhibidor no desenvolvemento dos bulbos. Paraiso, a zona a limpar debe ser tapada cun cartón, que ao mesmo tempo estará recuberto de materia vexetal. Recoméndase deixar esta cuberta ata que tanto a materia vexetal como o cartón podrezan. Entón, a zona poderá ser repoboada con plantas indíxenas sobre a mestura de terra e cuberta vexetal degradada. Neste momento os bulbos estarían o suficientemente febles como para non poderen competir coas especies nativas.


Control químico
O momento de aplicación ten unha especial importancia na loita contra estas especies. Os tratamentos deben ser aplicados antes da floración, xusto cando os bulbos vellos están exhaustos e os novos aínda non se desenvolveron. En California conseguiuse un control do 95% con aplicacións antes da floración de produtos que contiñan glifosato (ao 36%) en solucións ao 2%. O momento da floración vai depender da localización xeográfica da poboación e pode variar de ano en ano. Debido a que non todas as plantas se van atopar no mesmo estado de desenvolvemento, será necesario aplicar o tratamento en anos sucesivos. Hai que ter en conta que as especies de Oxalis se estresan facilmente durante períodos de seca, o cal reducirá a eficacia de herbicidas sistémicos.


Control biolóxico
Non existe ningún axente de control que se comercialice na actualidade. En cambio, considerouse o uso dunha larva minadora dos talos de O. pescaprae (Klugeana philoxalis) como axente biolóxico contra esta praga.


Bibliografía
Kluge& Claassens, 1990; Peirce, 1990; Soñora et al., 1993b: 206; Pulgar et al., 2002: 20.

Nome común
Vinagreta, pan de cuco
Nome científico
Oxalis pescaprae
Clase
Plantas superiores
Familia
Oxalidaceae

Documento/s relacionados
Subir