CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Reynoutria (Reynoutria japonica)

Descrición
Planta herbácea perenne, rizomatosa, con talos algo volubles, anuais, de ata 3 metros de altura. Follas ovadas de marxe enteira, truncadas na base, dispostas de forma alterna, de ata 15 cm. Flores pentámeras, unisexuais, dispostas en inflorescencias laxas de numerosas flores, brancas. O froito é un aquenio duns 4 mm.


Lugar de proveniencia
Japón, Taiwán e nordeste de China.


Propagación

Na primavera prodúcese o crecemento dos talos aéreos a partir do rizoma. Estes medran vigorosamente e a rexeneración vexetativa complétase coa fragmentación e o enraizamento destes talos, ou coa fragmentación do rizoma e a súa dispersión (Brock et al., 1995). Fóra da súa área de orixe, non parece producir sementes fértiles.


Comportamento e problemática
Describiuse como unha das especies exóticas máis persistentes e agresivas. Naturalízase en medios alterados pero tamén en medios naturais ou seminaturais, onde pode desprazar as especies autóctonas. É unha especie invasora e perigosa no Reino Unido e noutros lugares de Europa, así como nos Estados Unidos, Nova Celandia e Australia. En España a área máis afectada é o Cantábrico, presente en Navarra, País Vasco, Cantabria e Asturias, onde se aloxa en medios riparios ocupando grandes superficies (De la Torre, 2003). Está considerada unha das 100 peores especies invasoras pola UICN.


Introdución
Moi utilizada como ornamental, aínda que tamén se empregou como estabilizadora de solos espidos en medios costeiros. En Europa introduciuse ao redor de 1825 e en 1866 naturalizouse en Inglaterra (De Waal 1995). En España coñécese desde 1976 en Frieres (Asturias) e en Baiona (Pontevedra) (Izco, 1976).


Hábitats en que aparece
Naturalízase en medios alterados con alta humidade, en medios antrópicos pero tamén en medios naturais. En Asturias preséntase en medios riparios favorecida por obras de canalización.


Distribución en Galicia
Pouco estendida en Galicia, coñécese nalgúns puntos do sur de Pontevedra e de Ferrol (A Coruña). As características desta invasora fan que sexa unha especie que cómpre vixiar se aparece en novas localidades.


Outras especies

Fallopia baldschuanica (Regel) J. Holub é outra poligonácea lianoide de follas simples cordadas na base, con inflorescencia en panícula formada por numerosas flores de periantio branco con tépalos externos alados. Especie de uso frecuente ornamental que se naturaliza con facilidade, cubrindo zonas próximas a vivendas. Considérase unha especie con comportamento invasor incipiente. No Reino Unido hibrida con facilidade con R. japonica (F. x conollyana Bailey). F. dumetorum (L.) J. Holub é similar á especie anterior e tamén está presente nalgunhas localidades costeiras.


Mecanismos de control


Control mecánico
Existe gran controversia respecto á posibilidade de controlar ou erradicar esta especie mediante técnicas de control mecánico. Por unha parte, é certo que R. japonica é dificilmente controlable por medio de sega, poda, arranque ou escavación de rizomas e material radicular. Isto é debido ao extraordinario potencial da rexeneración vexetativa. Reyonutria é capaz de se rexenerar a partir de 5 gramos de material radicular ou de rizoma enterrado a máis dun metro de profundidade. Mesmo se observaron casos de gromos que lograron emerxer a través de capas de 5 cm de asfalto fendido. Non obstante, algunhas destas técnicas si que se mostraron efectivas, como se describe a seguir.

En xeral pódese dicir que a escavación é totalmente desaconsellable en caso de grandes poboacións ben establecidas, xa que é case imposible retirar todo o material radicular subterráneo. Esta técnica ten ademais un forte impacto no medio natural. Pola contra, a erradicación sería factible se se lograsen esgotar os recursos do rizoma mediante a eliminación sucesiva das partes aéreas da planta. En total será necesario levar a cabo a poda/sega ou o arranque un mínimo de cinco veces por tempada. Este método require moito tempo e un grande investimento económico, pero é efectivo e non ten un grande impacto no medio. Algúns autores rexeitan que a sega sexa efectiva, pero documentáronse actuacións nas cales si que foi. Por exemplo, en Inglaterra, conseguíronse erradicar invasións considerables mediante unha sega repetida cada dúas semanas durante dous anos, e en parques dos Estado Unidos tamén se conseguiu eliminar esta especie realizando cortes semanais durante o primeiro ano ata que o crecemento se detivo no outono, e cortes mensuais durante o segundo e terceiro ano. A sega das plantas pode proporcionar un bo grao de control se tamén se combina coa aplicación localizada de herbicidas ou coa colocación de lonas (control físico). Pola contra, cómpre ter moi en conta que, se non se realiza en combinación con estas técnicas nin se levan a cabo cortes repetidos, a sega da planta provocará un aumento na densidade de talos e gromos laterais, empeorando polo tanto a invasión.


Control físico
Unha técnica que se probou como efectiva para a erradicación desta planta en Inglaterra é o uso de lonas. Tras eliminar a parte aérea, débese cubrir o solo cunha lona, para que os novos gromos morran por falta de luz. Estas lonas deben ser o suficientemente duras como para evitar que os gromos sexan capaces de atravesalas. É importante eliminar previamente os talos maduros, xa que teñen bordos afiados e leñosos e poderían romper con certa facilidade a lona. Para isto non só haberá que cortar a parte aérea, senón que, en caso de individuos establecidos durante longo tempo, será necesario cavar un pouco para eliminar as bases leñosas deses talos. Os inconvenientes desta técnica son que a erradicación se consegue a longo prazo, que é aplicable só a pequenas extensións e que, ademais, a cobertura do solo danará tamén as especies nativas. Existe, igualmente, a posibilidade de recubrir a lona con solo artificial ou natural para restablecer flora nativa durante o longo período que dura a erradicación.


Control químico
Esta especie é sensible a herbicidas de contacto, como o glifosato ou o 2,4-D. O método máis adecuado consiste en cortar os talos a uns 5 cm sobre o solo e aplicar o produto sobre a sección dos talos cortados. É necesario realizar o tratamento varias veces por ano ao longo duns tres a cinco anos. Se as plantas teñen un porte pequeno, pódense tratar mediante aplicación foliar con brocha ou con pulverización dirixida. A aplicación foliar tamén é efectiva contra plantas maduras. O British Nature Conservancy Council recomenda aplicacións de 2 kg/ha antes do outono, en agosto, para facilitar a translocación aos rizomas, cun corte previo a comezos do verán ou finais da primavera. Por suposto, será necesario repetir o tratamento durante varias tempadas.


Control biolóxico
Na actualidade non existe ningún axente dispoñible para o control biolóxico de Reyonutria. Unha revisión de insectos fitófagos que se alimentan desta especie en Inglaterra (39 especies) pode ser consultada en Shaw (1995). A asociación internacional Japanesee Knotweed Aliance, participada polo Instituto Internacional para o Control Biolóxico (CABI), comezou no ano 2005 un proxecto para o desenvolvemento de programas de control desta planta. Tres especies están consideradas como potenciais axentes: un homóptero psillido pertencente ao xénero Aphalara, un gurgullo pertencente ao xénero Lixus e unha especie de fungo, Mycosphaerella. Os estudos levados a cabo ata 2006 indican que estas tres especies poderían ser utilizadas con éxito nun futuro próximo como axentes para o control biolóxico de R. japonica.


Bibliografía
Izco, 1976; Locandro, 1978; Soñora et al., 1993la; Bailey et al., 1995; Brock et al., 1995; De Waal, 1995; Shaw, 1995; Shaw y Seiger 2002; De lana Torre, 2003.

Nome común
Reynoutria
Nome científico
Reynoutria japonica
Clase
Plantas superiores
Familia
Polygonaceae

Documento/s relacionados
Subir