CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Sebes (Senecio mikanioides)

Descrición
Planta perenne lianoide, rubideira, con talos moi ramificados que se apoian na vexetación. As follas son palmadas, con varios lóbulos, de ata 10 cm, algo carnosas. Os capítulos son amarelos e sen lígulas. Dispóñense en corimbos axilares e terminais e están formados por un involucro de brácteas e 8-12 flores flosculosas. Os aquenios son pequenos e cilíndricos, de 1-2 mm.


Lugar de proveniencia
África do Sur, rexión do Cabo.


Propagación
Os talos parecen enraizar con facilidade, polo que a dispersión vexetativa parece ser a principal.


Comportamento e problemática
A especie é unha lianoide de crecemento rápido que pode alterar as condicións naturais das zonas que ocupa, formando unha cuberta continua que lles pode provocar problemas ás árbores e evitar a xermolación das plántulas. É unha especie invasora nos Estados Unidos, Australia e outros lugares, e tamén en Europa. Na península Ibérica está dispersa principalmente polo litoral cantábrico.


Introdución
Como ornamental. En Galicia coñécese desde tempos recentes; as primeiras citas son de Bellot, de 1945, en Lalín e Pontevedra (Pontevedra) e Santiago de Compostela (A Coruña).


Hábitats en que aparece
Marxes forestais algo alteradas de salgueiros ou ameneirais, sebes, comunidades nitrófilas con Rubus, etc.


Distribución en Galicia

Parece encontrarse na zona térmica costeira e subcosteira da Coruña, Lugo e Pontevedra.


Outras especies

Existen varias especies de senecios rubideiros empregados en xardinaría. En Galicia S. tamoides DC. atópase asilvestrado en Monteferro (Nigrán, Pontevedra). Outros senecios non son rubideiros, como S. elegans L., unha especie ornamental amplamente naturalizada nas praias de Porto do Son (A Coruña). É unha planta anual con capítulos vistosos de cor violácea, orixinaria da rexión do Cabo en Sudáfrica, e coñécese como invasora nos Estados Unidos, Nova Celandia, Australia e as illas Azores. S. petasites (Sims) DC. emprégase tamén en xardinaría e naturalízase en diferentes lugares, Ferrol (A Coruña), Cangas, Moaña, Bueu ou Marín (Pontevedra).


Mecanismos de control
O control desta invasora é moi problemático, xa que ten unha extraordinaria capacidade de rexeneración, de tal maneira que calquera fragmento dos estolóns ou dos órganos subterráneos que se deixe no terreo, por pequeno que sexa, agromará para dar lugar a unha nova planta.

Polo tanto, neste caso é especialmente importante o seguimento dos lugares dos que a planta foi erradicada, para tratar de evitar que reabrolle. As medidas de control contra o reabrollamento son, polo tanto, indispensables, xa que de non levalas a cabo a planta podería reinfestar unha ampla zona en seis meses. A partir do segundo ano, só será necesario realizar controis anuais. Estas revisións cobran, se cabe, maior importancia nas ribeiras de cursos de auga ou en zonas que estean sometidas a inundacións periódicas.


Control mecánico
A retirada manual foi utilizada con éxito en parques naturais de California (EE.UU.). Para iso é necesario acceder ás raíces e aos talos que xorden do solo, tarefa que pode ser realizada máis facilmente con anciños de tres puntas. No caso de graves invasións, existe tamén unha técnica menos laboriosa que permite limpar grandes superfi cies nun curto espazo de tempo. Igual que con Carpobrotus, esta técnica consiste en retirar a plana mediante enrolamento, utilizando sachas ou forcas, tal e como se se tratase dunha alfombra. No control mecánico desta planta é necesario facer fincapé nun punto: dada a extraordinaria totipotencialidade que presenta, neste caso máis que nunca é necesario asegurarse da inviabilidade de todos os anacos que son retirados do campo antes de desfacerse deles. Se as bolsas cos anacos son deixadas nun vertedoiro de lixo, isto traerá como consecuencia a dispersión da planta.


Control químico
En Australia controláronse poboacións desta praga con aplicacións de produtos cun 36% de glifosato, aínda que existe controversia sobre a eficacia dos produtos que conteñen unicamente glifosato como substancia activa, xa que Bossard e Benefield (1995) afirman que, malia que estes produtos teñen efecto sobre a cuberta foliar, unha vez pasado un tempo, prodúcese o reabrollamento. En California, comprobouse que tratamentos foliares cunha combinación de 5% de triclopir + 5% de glifosato (e mais un surfactante) a 6,4 L/ha foron efectivos para controlar poboacións moi extensas e longamente establecidas de S. mikanioides. Este tratamento é máis efectivo ao cabo da primavera, cando a planta ten unha grande actividade fotosintética pero xa pasou a floración. Así, a substancia activa é translocada para os órganos de reserva. Esta combinación consta dunha baixa concentración de ingredientes activos, polo que o efecto sobre a planta será lento, pero efectivo. Por último, tamén en Australia se utilizou con éxito clopiralida en concentracións de 150 g/L e 6-8 L/ha aplicado coa técnica de rope-wick (aplicación con corda ou vasoira). Esta aplicación danou unicamente especies pertencentes ás familias Asteraceae, Solanaceae, Urticaceae e Bignoneaceae.

Control biolóxico

Estudos sobre esta planta no seu lugar de orixe (Sudáfrica) mostraron que alí, sorprendentemente, non ten unha distribución moi ampla, o que suxire que se atopa controlada por inimigos naturais. Na actualidade o Departamento de Agricultura dos Estados Unidos está levando a cabo un vasto programa para explorar as posibilidades de controlar bioloxicamente esta praga con varios axentes:

Parafreutreta regalis (Díptera: Tephritidae) (mosca bugalladora)
Digitivalva delaireae (Lepidóptera: Plutellidae) (couza minadora da folla e tradeadora do talo)
Diota rostrata (Lepidóptera: Arctiidae) (couza desfoliadora)
Cercospora sp. (fungo moi agresivo e potencialmente específico)

 


Bibliografía
Bellot, 1945: 79; Bellot& Casaseca, 1954: 22; Bossard & Benefield, 1995; Forbert, 1998; Starr et al., 2003; Gómez Vigide et al., 2005: 64.

Nome común
Sebes
Nome científico
Senecio mikanioides
Clase
Plantas superiores
Familia
Compositae

Documento/s relacionados
Subir