CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Orella de gato (Tradescantia fluminensis)

Descrición
Planta herbácea, decumbente, radicante nos nós. Follas alternas anchamente elípticas a ovadolanceoladas, de 2,5-5 x 1-2 cm, coa base algo desigual, de redondeada a subcordada, a marxe ciliada e o ápice agudo, normalmente glabras, algo pilosas na vaíña, verdes ou ás veces con tinguiduras purpúreas no envés, aínda que existen formas con variegado de cor branca ou crema na face. Inflorescencias terminais e laterais, con dúas brácteas foliáceas, ás veces reducidas. Flores sobre pedicelos pilosos de 1-1,5 cm de lonxitude, con cáliz de sépalos libres, de 5-7 mm de longo, pilosos no nervio central e corola de pétalos libres, de 8-9 mm de longo, de cor branca. Estames libres, cos filamentos densamente barbados. Froito en cápsula trilocular.


Lugar de proveniencia
É orixinaria de América do Sur, sudeste de Brasil e Arxentina.


Propagación

Reprodución vexetativa por medio dos talos enraizantes que se fragmentan e dispersan. Nas poboacións nonnativas non produce sementes viables.


Comportamiento e problemática
É unha especie invasora en diferentes lugares do mundo como Australia e Nova Celandia, Xapón, Estados Unidos e varios países de Europa. A especie afecta á rexeneración natural das especies nativas, xa que forma alfombras monoespecíficas en hábitats naturais.


Introdución

Amplamente utilizada en xardinaría, escapa dos xardíns e ocupa zonas próximas. Tamén se emprega como planta tapizante en támaras. A primeira presenza galega coñecida é un prego de herbario de Bellot e Casaseca de 1949 recollido en Tui (Pontevedra).


Hábitats en que aparece
Naturalízase en ambientes antrópicos próximos a zonas urbanas ou habitadas, pero tamén en ambientes nemorais, sombreados, sobre solos frescos e con certa nitrofilia, como ameneirais riparios.


Distribución en Galicia
Moi frecuente na Galicia térmica costeira e nalgúns puntos do interior.


Mecanismos de control


Control mecánico
O control mecánico desta planta é unha boa ferramenta para a eliminación de pequenas poboacións; no entanto, considérase que grandes extensións só son erradicables coa axuda do control químico. A retirada manual é unha boa opción, xa que Tradescantia non ten estruturas de resistencia como tubérculos, co que non vai ser necesario remover en exceso o solo. Por outra parte, esta planta é unha das especies que pode ser retirada por enrolamento, xa que chega a adquirir densas coberturas. Non obstante, Tradescantia presenta o inconveniente de posuír unha alta capacidade de reprodución vexetativa a partir de raíces adventicias ou por fragmentación de talos. De feito, pódese rexenerar de anacos menores de 1 cm de lonxitude. Isto trae dúas consecuencias: por unha parte, como cada un dos anacos de planta que queden no solo vai reabrollar, cumprirá retirar ata o último deles con todo coidado. Por outra parte, e tendo en conta a dificultade deste proceso, vai ser necesario repetir as tarefas de erradicación en dúas ou tres ocasións para conseguir retirar os fragmentos que enraícen. Por iso, no caso desta planta cobra unha especial importancia a monitorización da zona, para así asegurarse de que as medidas de control se toman a tempo e evitar a necesidade de levar a cabo actuacións máis complexas. A retirada manual foi utilizada con éxito en parques de Nova Celandia, aínda que se necesitaron repetidas actuacións. Por outra parte, considérase que unha redución no 40% da cobertura desta planta permitiría unha rexeneración das especies nativas. Probas realizadas neste mesmo país indican que a retirada manual é máis efectiva que o control químico.

Control físico/cultural: Outra forma de control mecánico é a denominada ''sombreo''. A eficacia desta técnica xa foi contrastada, pero aínda non foi aplicada en ningún plan de control. Esta técnica é unha combinación do control mecánico e cultural e consiste en manter as poboacións de Tradescantia á sombra, por exemplo plantando especies nativas de porte superior que medren sobre esta planta, aínda que tamén se pode situar unha estrutura simple que proxecte sombra sobre a poboación a controlar. As probas realizadas en Nova Celandia con este método conseguiron unha redución do 40% na cobertura das parcelas cun 95% de sombra durante un período de dezasete meses, obténdose un mellor control con esta técnica que coa retirada manual ou coa aplicación de herbicidas.


Control químico
Aínda que a aplicación de herbicidas está recomendada para o control de grandes poboacións, algúns estudos indican que a súa eficacia non é moi alta (mesmo contra pequenas poboacións). Unha das substancias activas máis efectivas é o paraquat. Aplicacións de 2 kg por hectárea conseguiron unha redución dun 50% na cobertura en dez semanas. En cambio, tratamentos con outras substancias activas, como glifosato ou amitro a razón de 4 e 10 kg/ha, apenas tiveron ningún efecto. Na actualidade, as autoridades neocelandesas recomendan a utilización de produtos con triclopir ao 40-60% (Grazon®), xa que se mostrou moi efectivo incluso a moi baixas concentracións; mesmo solucións de 3 ml de produto por litro de auga conseguiron bos resultados. Porén, recentes estudos indican que aplicacións deste produto a razón de 6ml/L en pequenas poboacións non conseguen mellores resultados que a retirada manual. Ademais, as aplicacións de triclopir van ter efectos negativos na flora local.


Control biolóxico
Tradescantia fluminensis presenta flavonoides nas súas follas que repelen os insectos xeneralistas, aínda que isto pode implicar a existencia de inimigos naturais específicos. Os candidatos máis prometedores son insectos pertencentes á familia Miridae (Hemiptera), descritos nos Estados Unidos, e que provocan malformacións nas plántulas, o que se traduce nunha redución substancial da biomasa. Por outra parte, existen varios fungos que son tamén moi prometedores como axentes fitopatóxenos: Phakosora tecta, que é específico da familia Commelinaceae, Uromyces commelinae, Botrytis cinerea, do que se detectaron illados específicos de T. fluminensis e Septoria tradescantiae, que é específica do xénero Tradescantia, aínda que polo momento non se illou en T. fluminensis.


Bibliografía
Bellot, 1952; Castroviejo, 1975; Kellyj & Skipworth, 1984; Amigo & Romero, 1997; Standish, 2002.

Nome común
Orella de gato
Nome científico
Tradescantia fluminensis
Clase
Plantas superiores
Familia
Commelinaceae

Documento/s relacionados
Subir