CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Capuchina, flor de sangue (Tropaeolum majus)

Descrición
Especie herbácea, anual ou perenne de vida curta, de talo delgado, prostrado ou rubideiro por medio dos pecíolos foliares que actúan como gabiáns. Follas peltadas de ata 15 cm, alternas, con limbo de nervación radial e con marxe lixeiramente ondulada. Flores axilares, solitarias, de ata 6 cm, zigomorfas. O cáliz ten sépalos desiguais. Os pétalos son grandes e libres. O androceo está formado por 8 estames e o xineceo é un ovario súpero trilocular. O froito é un esquizocarpo. Ten diferentes propiedades, polo que foi utilizado como planta medicinal.


Lugar de proveniencia
América do Sur: Perú, Bolivia e Colombia.


Propagación

Describiuse como xeófita. Reabrolla de raíces tuberosas e tamén ten capacidade de rexeneración a partir de semente.


Comportamento e problemática
É unha especie naturalizada en diferentes lugares do mundo, en Europa e na península Ibérica. En Galicia é frecuente na zona costeira próxima a zonas habitadas, aínda que é susceptible de invadir áreas naturais a través de zonas alteradas.


Introdución
Amplamente utilizada como ornamental, coñécese o seu uso desde moi antigo en Europa. Aínda que probablemente estea presente desde moito antes, as primeiras citas galegas son de 1977.


Hábitats en que aparece
Zonas rurais próximas a xardíns e casas ou máis raramente en hábitats seminaturais ou naturais como marxes de dunas.


Distribución en Galicia
Rías Baixas, rías da Coruña e Ferrol, e en xeral zona costeira galega.


Mecanismos de control


Control mecánico
Esta planta é unha rubideira herbácea que, polo tanto, pode ser arrancada con facilidade de forma manual ou coa axuda de aparellos de labranza. Ten a capacidade para reproducirse vexetativamente e reabrollar a partir de raíces tuberosas, o que quere dicir que, para asegurar un control efectivo, será necesario retirar do solo esas estruturas.


Control químico
Esta especie é sensible a numerosos herbicidas aplicados ás doses recomendadas polo fabricante, pero non existe información ata o momento de tratamentos realizados en zonas de interese ecolóxico en que se teñan probado concentracións inferiores. Respecto á aplicación de pesticidas, é necesario lembrar que esta planta, ao ser rubideira ou reptante, pode aparecer sobre outras especies, que se verán tamén afectadas pola aplicación dun tratamento con herbicida.


Control biolóxico
Non se coñece ningún inimigo natural ou patóxeno que poida ser utilizado eficazmente contra esta especie.


Bibliografía
Soñora et al., 1993a: 28, Sanz-Elorza et al., 2004.

Nome común
Capuchina, flor de sangue
Nome científico
Tropaeolum majus
Clase
Plantas superiores
Familia
Tropaeolaceae

Documento/s relacionados
Subir