CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Baixa Limia - Serra do Xurés

Código ZEPA

ES0000376

Data de declaración

2 de abril de 2004.

Instrumentos de planificación

Plan director da Rede Natura 2000. Decreto 37/2014

Superficie

31.287 ha.

Concellos

Quintela de Leirado, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños, Calvos de Randín.

Situación

No extremo sudoccidental da provincia de Ourense, facendo fronteira con Portugal. As localidades de referencia son Leirado, Bande, A Vila (Lobeira), Muíños, Lobios e Calvos.

Outras figuras de protección

A área forma unha unidade coa ZEPA PT002 (62.922 ha) e Parque Nacional Peneda-Gerês (70.290 ha), en Portugal.

Avifauna

Avifauna moi rica, produto da posición bioxeográfica da área e da complexidade ambiental derivada do gradiente altitudinal e a diferente orientación das cadeas montañosas. Destaca a presenza de aves rapaces, incluíndo especies moi ameazadas e de distribución moi localizada, como a aguia real (Aquila chrysaetos), que aínda que non nidifica desde hai anos, utiliza habitualmente as serras como área para campar desde os seus territorios do Parque Nacional Peneda-Gerês; a aguia perdigueira (Hieraaetus fasciatus), que ten aquí a súa zona de presenza máis frecuente en Galicia; e o bufo real (Bubo bubo), cuxa poboación foi reforzada mediante a solta de varios exemplares. Así mesmo, nidifican a aguia cobreira (Circaetus gallicus) o miñato abelleiro (Pernis apivorus), a gatafornela (Circus cyaneus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus), e o falcón peregrino (Falco peregrinus). Avifauna mediterránea e montana, ligada a rochedos e matogueiras, con moitas especies de distribución máis ou menos localizada en Galicia (nalgúns casos con poboacións moi reducidas), entre elas o pombo pequeno (Columba oenas), a andoriña dáurica (Hirundo daurica), a pica campestre (Anthus campestris), o pedreiro rubio (Oenanthe hispanica), os merlos rubio (Monticola saxatilis), e azul (Monticola solitarius), a choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax), e o escribente das hortas (Emberiza hortulana). En contraste, o espazo natural (xuntamente co Parque Nacional Peneda-Gerês) acolle algunhas das poboacións máis sudoccidentais de especies tipicamente eurosiberianas, como a pica das árbores (Anthus trivialis), a papuxa picafollas (Sylvia borin), o picanzo vermello (Lanius collurio), o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), e o escribente amarelo (Emberiza citrinella). O cruzabico (Loxia curvirostra), ten aquí unha das súas poucas (quizais a única) zonas de cría en Galicia. Entre a avifauna acuática, ligada aos encoros, destaca a presenza como hibernante do mergullón cristado (Podiceps cristatus), e a cría da píllara pequena (Charadrius dubius).

Documento/s relacionados
  • Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural. Anexo VI Espazos das Áreas de Montaña Descargar
Subir