ES0000373
2 de abril de 2004.
Plan director da Rede Natura 2000. Decreto 37/2014
564 ha.
Foz e Barreiros.
No cuadrante nordés da provincia de Lugo, entre as comarcas da Mariña Central e a Mariña Oriental. A vila de Foz é a entidade de poboación máis importante no contorno do espazo natural.
A área correspóndese parcialmente coa IBA 007 “Ría do Eo-Praia de Barayo-Ría de Foz”, incluída no inventario de SEO/BirdLife (2012).
Interesantes poboacións de aves acuáticas, especialmente durante o inverno e o paso migratorio outonal. Destaca sobre todo como zona de parada regular para unha fracción significativa de poboación do cullereiro (Platalea leucorodia), de orixe holandesa, o que lle confire importancia internacional. Ademais de cantidades moderadas de anátidas (principalmente lavanco (Anas platyrhynchos), cerceta (Anas crecca), asubiador (Anas penelope), e o escaso ganso de cara negra (Branta bernicla) raro en España), o esteiro alberga interesantes núcleos hibernantes de limícolas, como o mazarico real (Numenius arquata) e o mazarico rubio (Limosa lapponica), que xunto ao moi escaso pilro gordo (Calidris canutus) alcanzan importancia a escala estatal. Con todo, durante os pasos migratorios recala un continxente moito maior e máis variado destas especies, incluíndo concentracións infrecuentes do citado pilro gordo.