CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia

 

A infraestrutura verde é un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.

As especiais características do territorio galego fan que este proporcione unha gran diversidade e potencialidade de servizos ecosistémicos. Algúns datos que reflicten esta potencialidade son as 1.400.000 hectáreas de superficie arborada (48% do territorio), os 50.000 km de ríos, os 1.498 km de costa, os 72 tipos de hábitats de interese comunitario (a terceira comunidade autónoma con maior número de hábitats) ou unha densidade de hábitats que dobra a media española (17,4 hábitats/100 km2 fronte a 8,2), ao que hai que engadir certas características, como a existencia dunha actividade agrícola tradicional ou unha estreita relación entre as zonas urbanas e rurais. Todo isto fai, se cabe, máis necesaria a conservación, potenciación e aproveitamento de todos estes valores, polos seus beneficios ambientais e sociais, pero tamén pola súa capacidade para xerar emprego.

A finalidade da estratexia é a creación dunha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Trátase en definitiva de levar a cabo unha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental para asegurar a provisión de servizos de regulación (biodiversidade, adaptación e mitigación do cambio climático, fertilidade do solo, regulación hídrica, calidade do aire, control de inundacións e erosión, etc.), servizos de abastecemento (produción e seguridade alimentaria, abastecemento de auga e enerxía, etc.) e servizos culturais (ocio, benestar, saúde, paisaxe, etc.).

Estas redes estratexicamente planificadas de espazos verdes poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.

A Comisión Europea adoptou no ano 2013 unha estratexia destinada a fomentar a infraestrutura verde nas distintas políticas: agrícola, forestal, ambiental, auga, pesca, medio mariño, desenvolvemento rexional, mitigación e adaptación ao cambio climático, transporte, enerxía, prevención de catástrofes e ordenación do territorio.

Este traballo estase a desenvolver dentro dun convenio de colaboración cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña no que participan cinco grupos de investigación:

  • Laboratorio de Biodiversidade, do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC, que desenvolve a súa actividade na caracterización, avaliación e xestión da biodiversidade e do patrimonio natural.
  • Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, que ten como obxectivo xerar coñecemento sobre a realidade socioeconómica e territorial de Galicia, mediante a análise do desenvolvemento sostible desde unha perspectiva rexional, é dicir, considerando a dimensión medioambiental, económica e social conxuntamente.
  • O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) do Grupo de Investigación Territorio e Biodiversidade da USC, que está especializado en ordenación do territorio rural.
  • O departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da UDC, que ten o urbanismo como principal liña de actuación, polo que é a referencia para a planificación dos espazos urbanos da infraestrutura verde.
  • Grupo de Investigación sobre Visualización Avanzada e Cartografía (videaLAB/cartoLAB) da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da UDC, que estuda as características das infraestruturas de transporte, incluíndo o seu impacto ambiental e paisaxístico e as medidas de corrección ou mitigación destes efectos.