CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Guía de Boas Prácticas para a Integración Paisaxística das Actividades Extractivas

O Convenio Europeo da Paisaxe (Consello de Europa, 2000) definiu a paisaxe como “calquera parte do territorio tal como a percibe a poboación, cuxo carácter sexa o resultado da acción e a interacción de factores naturais e/ou humanos.”, poñendo así o acento no carácter global da paisaxe, e no papel fundamental que nela xogan as intervencións humanas.

Desde o mesmo momento en que o ser humano comezou a habitar o territorio comezou a súa transformación, inicialmente como consecuencia de actividades elementais relacionadas co aproveitamento básico dos recursos naturais, para ir sucesivamente desenvolvendo operacións e intervencións cada vez máis complexas, de forma que as pegadas do home sobre a natureza foron acumulándose, e como resultado delas podemos falar, por exemplo, de “paisaxes agrarias” ou “paisaxes urbanas”.

A pesar do paso do tempo e a introdución de técnicas e procedementos cada vez máis desenvolvidos, determinadas actividades humanas seguen sendo conceptualmente as mesmas que hai séculos. Unha delas é o aproveitamento dos recursos minerais, que continúan a ser necesarios para cubrir as demandas da sociedade.

A explotación dos recursos minerais implica en determinados casos unha transformación importante da morfoloxía do territorio, e por tanto da paisaxe, como tamén o fan outras moitas actividades humanas. Unha das particularidades dos cambios na paisaxe que introducen as actividades extractivas é que son susceptibles de seren restaurados mediante solucións baseadas na natureza, o que permite, en definitiva, que a pegada final non só se vexa reducida, senón que incluso poida achegar novos elementos de composición paisaxística.

Esta guía ofrece criterios e recomendacións para a súa aplicación nos sucesivos procesos que implican as actividades extractivas de recursos minerais, desde a fase de exploración ou investigación, o proxecto e a explotación, ata a restauración final.

O contido da guía conxuga unha introdución xeral á caracterización xeolóxica de Galicia e ao sector mineiro con referencias e solucións técnicas máis detalladas, e inclúe así mesmo unha serie de exemplos que amosan como as boas prácticas de explotación e de restauración permiten acadar bos resultados de integración paisaxística.

A Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das actividades extractivas enmárcase na colección Paisaxe Galega, da que fai o seu noveno número. Con estas publicacións a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende afondar no estudo e explicación de boas prácticas para a integración paisaxística, así como cumprir tamén unha función divulgativa moi necesaria para que todas e todos comprendamos mellor os valores das nosas paisaxes e avancemos cara a súa adecuada protección, xestión e ordenación.

Documento/s relacionados
  • Guía de Boas Prácticas para a Integración Paisaxística das Actividades Extractivas Descargar  (20.487 KB)