CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Borrador de PXOM

O borrador do plan xeral de orden(PXOM) é un documento que debe conter as liñas esenciais do planeamento para permitir a súa análise ambiental e urbanística. O Regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia especifica o seu contido no artigo 145:

1. Documentación escrita: unha memoria xustificativa co seguinte contido:

a. Parte I. Información:

a.1) Características naturais do territorio, tales como as xeolóxicas, topográficas, hidrolóxicas, climatolóxicas ou análogas.

a.2) Usos actuais do solo.

a.3) Identificación das zonas do territorio en que, por razóns técnicas, sexa desaconsellable o desenvolvemento urbanizador e edificatorio por concorreren riscos tecnolóxicos, xeotécnicos ou naturais que podan afectar a seguridade das persoas e dos bens.

a.4) Relación dos núcleos de poboación existentes no municipio, agrupados por parroquias.

a.5) Determinacións establecidas polos instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no ámbito do plan.

a.6) Identificación das afeccións derivadas da normativa sectorial que incidan no ámbito do termo municipal.

a.7) Análise do planeamento vixente nos concellos limítrofes, nos límites estremeiros co termo municipal obxecto do plan.

a.8) Análise do planeamento vixente na actualidade e do seu grao de cumprimento, de ser o caso.

a.9) Análise do grao de adecuación das dotacións urbanísticas existentes ás necesidades da poboación.

a.10) Características demográficas da poboación asentada sobre o territorio.

a.11) Análise das necesidades de vivenda e de solo para actividades produtivas.

a.12) Outros datos informativos de interese para a redacción do plan xeral.

b. Parte II. Xustificación:

b.1) Xustificación, en liñas xerais, do modelo de desenvolvemento elixido e descrición da ordenación proposta, logo de análise das alternativas valoradas.

b.2) Establecemento das clases e categorías de solo incidentes no plan con expresión dos criterios xerais utilizados para a súa delimitación.

b.3) Identificación dos ámbitos delimitados de solo urbano non consolidado, dos sectores delimitados en solo urbanizable, e das delimitacións de áreas de actuación integral nos núcleos rurais, de ser o caso, con expresión das súas superficies, e asignación dos usos globais e intensidades cando corresponda.

b.4) Reservas mínimas de solo exixidas para sistemas xerais.

b.5) Reservas mínimas de solo exixidas para vivenda protexida.

b.6) Xustificación da coherencia do plan cos instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no ámbito do plan; en particular, xustificación da coherencia e conformidade do plan coas determinacións e criterios establecidos polas directrices de ordenación do territorio, incorporando unha valoración da correspondencia dos seus contidos con respecto ao disposto nelas.

b.7) Informe xustificativo do cumprimento da normativa sectorial de aplicación. b.8) Memoria xustificativa de adaptación ao ambiente e da protección da paisaxe.

2. Análise do modelo de asentamento poboacional, co contido determinado no artigo 138 respecto dos planos e das fichas informativas de cada núcleo.

3. Documentación gráfica:

a. Planos de información:

a.1) Planos de información xeral, a escala e co contido definido no artigo 140.

a.2) Planos de información do solo urbano: planos, a escala mínima 1:5.000, que sexan precisos para expresar o estado actual do solo urbano en canto ao seu perímetro e ás características das obras de urbanización e das edificacións existentes.

b. Planos de ordenación:

b.1) Planos de ordenación xeral do territorio a escala mínima 1:5.000:

1º. Planos da estrutura xeral e orgánica do territorio, nos cales se sinalen os sistemas xerais, así como os núcleos de poboación existentes no municipio.

2º. Planos de clasificación e categorización do solo propostas.

b.2) Planos de ordenación do solo urbano, a escala mínima 1:5.000, que recollan, cando menos, a determinación do seu ámbito concreto a partir da delimitación do seu perímetro e a diferenciación do solo urbano consolidado do solo urbano non consolidado.

b.3) Planos de ordenación do solo urbano consolidado, a escala mínima 1:2.000, referidos aos seguintes aspectos:

1º. A delimitación dos espazos libres e zonas verdes públicos existentes e previstos.

2º. Localización dos equipamentos existentes e previstos, sinalando o seu carácter público ou privado.

3º. Trazado da rede viaria e, en particular, do viario de conexión co sistema xeral de infraestruturas de comunicacións, de ser o caso.

4º. Trazado das redes de servizos que o plan prevexa, así como as conexións previstas co sistema xeral de infraestruturas de redes de servizos.

b.4) Planos de ordenación xeral do solo urbano non consolidado, das áreas en que se prevexan actuacións integrais nos núcleos rurais e do solo urbanizable que o plan xeral non ordene detalladamente, a escala mínima 1:5.000, referidos aos seguintes aspectos:

1º. Ámbito delimitado de cada sector de solo urbanizable, de cada ámbito de solo urbano non consolidado e de cada área de actuación integral, con expresión da súa superficie.

2º. Desenvolvemento dos sistemas da estrutura xeral do territorio afectos ao ámbito ou sector.

3º. Asignación de usos usos globais nas diferentes zonas coas súas intensidades.

Modificación do PXOM
Cando se pretenda tramitar a modificación dun plan xeral xa aprobado o contido do borrador poderá variar en función do tipo e do alcance da dita modificación.

Formato de entrega

Achegarase un exemplar do borrador do PXOM  en formato electrónico con sinatura dixital (do/s autor/es) ou ben unha copia auténtica do orixinal (cos requisitos que establece o artigo 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas).

No soporte electrónico incluiranse os arquivos en formato PDF con toda a documentación gráfica e textual, así como a información cartográfica nun formato compatible cos sistemas de información xeográfica (SIX) conforme coas "Instrucións técnicas sobre a información xeográfica" publicadas na secciónInformación cartográfica”.

Contacto/s relacionados