CMATI

|
|
|
Compartir

Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira

Código ZEPA

ES0000087

Data de declaración

2 de xaneiro de 1990.

 Data de modificación

19 de abril de 2001.

Instrumentos de planificación

Plan director da Rede Natura 2000. Decreto 37/2014

Superficie

2.813 ha.

Concellos

Sanxenxo, O Grove, Meaño, Ribadumia, Cambados, A Illa de Arousa.

Situación

Na beira sur da ría de Arousa, ao noroeste da provincia de Pontevedra, na comarca do Salnés. O Grove, Cambados e A Illa de Arousa son as localidades de referencia.

Outras figuras de protección

  • Zona Especial de Conservación “Complexo Ons-O Grove”, ZEC ES1140004; 7.607 ha.
  • Humidal Protexido “Complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira"; 2.813 ha.
  • Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Complexo Ons-O Grove” de 7.608 ha, e “Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira”, de 2.813 ha.
  • Humidal de Importancia Internacional (Convenio Ramsar) “Complexo intermareal Umia-O Grove,; 2.561 ha.

A área correspóndese parcialmente coa IBA 003 “Ría de Arousa – Corrubedo”, incluída no inventario de SEO/BirdLife (2012).

Avifauna

Pola súa riqueza específica e a súa abundancia, é a principal zona de hibernada de aves acuáticas en Galicia e, xuntamente coas marismas de Santoña (Cantabria), a máis destacada das costas cántabro-galaicas. A ZEPA acolle regularmente (mes de xaneiro) de 13.000 a 16.000 aves acuáticas (sen ter en conta láridas), incluíndo medias de 3.800 anátidas e 10.000 limícolas. É un dos principais estacionamentos galegos de corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) (incluíndo importante dormitorio na illa de Rúa) e ardeidas (garza real, Ardea cinerea, e garzota, Egretta garzetta). O núcleo invernal de cullereiro (Platalea leucorodia) confírelle á zona importancia internacional. Entre as anátidas destacan os patos de superficie, e especialmente a cerceta (Anas crecca), o lavanco (Anas platyrhynchos), o pato rabilongo (Anas acuta), e o cullerete (Anas clypeata). Preséntanse, ademais, algúns mergos cristados (Mergus serrator) antano moito máis abundantes, nas inmediacións do Carreirón. Así mesmo, a zona acolle durante o verán centenares de lavancos que realizan aquí a muda das rémixes (mancada). Polo menos 19 especies de limícolas hibernan regularmente, e alcanzan case todas niveis de importancia a escala estatal ou autonómica. Entre elas sobresaen a píllara real (Charadrius hiaticula) o mazarico rabinegro (Limosa limosa), o mazarico real (Numenius arquata), o mazarico chiador (Numenius phaeopus), o bilurico patirrubio (Tringa totanus), e o bilurico claro (T. nebularia) pero sobre todo a gabita (Haematopus ostralegus), a píldora cincenta (Pluvialis squatarola), o mazarico rubio (Limosa lapponica), que teñen aquí o seu cuartel de hibernada máis importante en España, e o pilro común (Calidris alpina), que é a especie máis numerosa, mantendo tamén una das súas principais concentracións a escala estatal. Ademais, a zona acolle regularmente efectivos significativos de limícolas escasas en Galicia ou de distribución invernal localizada, como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), o pilro gordo (Calidris canutus), o mazarico chiador (Numenius phaeopus), ou o bilurico escuro (Tringa erythropus). Por outra parte, é un importante punto de parada migratoria para diversas especies (píllara real, mazarico rubio, mazarico chiador, etc.), que poden recalar por milleiros. Esiste a cría de píllara das dunas, moi localizada na provincia de Pontevedra. Moi notable, ademais, polas súas grandes concentracións de gaivotas e carráns, incluíndo un dos puntos de hibernada regular de gaivota cana (Larus canus) en España, así como pequenas colonias de cría de gaivota patiamarela en varios illotes. No tocante á avifauna non acuática, hibernada de esmerillón (Falco columbarius), curuxa das xunqueiras (Asio flammeus), gralla pequeña (Corvus monedula), pardal das rochas (Petronia petronia), e escribente das canaveiras (Emberiza schoeniclus), entre outras moitas especies. A garza pequena (Ixobrychus minutus) e o escribente das canaveiras (Emberiza schoeniclus), foron sinalados como nidificantes en zonas húmidas da periferia da enseada.

Documento/s relacionados
  • Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural. Anexo IV Espazos da Área Litoral Descargar
Subir