CMATI

|
|
|
Compartir

Complexo litoral de Corrubedo

Código ZEPA

ES0000313

Data de declaración

19 de xuño de 2003.

Instrumentos de planificación

Plan director da Rede Natura 2000. Decreto 37/2014

Superficie

971 ha.

Concellos

Ribeira.

Situación

No extremo sudoeste da provincia da Coruña (península do Barbanza). Corrubedo e Aguiño son poboacións limítrofes co espazo natural, mentres que a capital municipal, Santa Uxía de Ribeira, dista pouco máis de 2 km.

Outras figuras de protección

A área correspóndese parcialmente coa IBA 003 “Ría de Arousa – Corrubedo”, incluída no inventario de SEO/BirdLife (2012).

Avifauna

Malia que as súas poboacións avifaunísticas son en xeral relativamente discretas en canto a cantidades, destaca pola súa elevada diversidade, en consonancia coa variedade de hábitats, e alberga regularmente especies infrecuentes ou de distribución moi localizada. Son particularmente destacables as poboacións nidificantes, en areais e dunas, de dúas especies de limícolas ameazadas en Galicia: o alcaraván (Burhinus oedicnemus), que ten aquí un dos seus poucos puntos de cría e o único situado actualmente na costa, e a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), cuxo núcleo é o segundo en importancia na Comunidade Autónoma. O alcaraván mantén así mesmo o continxente hibernante máis numeroso de Galicia. Fóra da época de nidificación, estes mesmos hábitats son utilizados pola píldora dourada (Pluvialis apricaria), que tamén ten na zona o seu principal núcleo de invernada en Galicia, así como por aves rapaces como a gatafornela (Circus cyaneus), o esmerillón (Falco columbarius), ou a curuxa das xunqueiras (Asio flammeus). As marismas e praias manteñen pequenos continxentes de limícolas hibernantes, entre os que destaca a gabita (Haematopus ostralegus) e o pilro tridáctilo (Calidris alba), aínda que esta e outras especies son moito máis abundantes en migración. A lagoa de Vixán, ademais de acoller moderadas cantidades de anátidas (principalmente cerceta (Anas crecca), pato frisado (Anas strepera), cullerete (Anas clypeata), e pato cristado ( Aythya fuligula)) e outras aves nadadoras, dá acubillo a especies nidificantes e hibernantes infrecuentes ou localizadas, como a garza pequena (Ixobrychus minutus), o pato frisado, a tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus), e varios paseriformes, como a folosa grande (Acrocephalus arundinaceus), ou o escribente das cavaneiras (Emberiza schoeniclus).

Documento/s relacionados
  • Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural. Anexo IV Espazos da Área Litoral Descargar
Subir