CMATI

|
|
|
Compartir

Principais problemas de conservación

A biodiversidade

Por biodiversidade enténdese, de acordo co establecido no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, “a variabilidade de organismos vivos de calquera fonte, incluídos, entre outras cousas, os ecosistemas terrestres e mariños e outros ecosistemas acuáticos e os complexos ecolóxicos de que forman parte; comprende a diversidade dentro de cada especie, entre as especies e dos ecosistemas”.

¿Por que é importante a biodiversidade?

A biodiversidade é importante e faise necesario loitar contra os factores que a ameazan. O ser humano necesita a riqueza biolóxica dos ecosistemas porque vivimos nun grande ecosistema (ecosfera) no que todos os elementos están intimamente relacionados e onde os graves danos nalgunha das súas partes derivan, indefectiblemente, en desequilibrios a escala planetaria. A humanidade necesita vivir nunha biosfera saudable e nun planeta equilibrado. Fenómenos importantes que deben seguir manténdose para vivir nun ambiente saudable son, por exemplo, o completo desenvolvemento dos ciclos dos elementos químicos, a posibilidade de purificar os residuos que producimos e o control das numerosas enfermidades, e todos eles van depender dun bo funcionamento da natureza no seu conxunto.

A diversidade de especies e de xenes é importante porque segue a ser o principal recurso para a obtención de alimentos, medicinas e substancias químicas de moi diferentes usos. Considerado a longo prazo, a evolución e a adaptación das especies aos cambios ambientais vai depender da riqueza de xenes e especies. Por iso, a extinción dunha especie constitúe tamén unha desgraza desde o punto de vista máis utilitario.

Ademais, a destrución do ambiente non é inevitable. Non é necesario destruír ou danar gravemente os ecosistemas e os recursos que estes conteñen co fin de manter un adecuado nivel de desenvolvemento, senón que o problema radica máis ben en realizar un uso racional dos recursos.

Principais causas da pérdida da biodiversidade

A presión que durante séculos exerceu o ser humano sobre os distintos compoñentes da biodiversidade modificou inevitablemente as características orixinais do medio natural. A magnitude e intensidade destas modificacións sobre o espazo físico foi variable en función do momento histórico. Gran parte destas actuacións causaron un impacto negativo sobre o medio ambiente e a súa biodiversidade, que levou a que moitas especies, xenotipos, hábitats e ecosistemas se extinguisen ou caesen nunha situación de ameaza de maior ou menor intensidade. 

A continuación exponse unha lista das principais factores que interveñen na erosión da nosa biodiversidade:

  • Fragmentación, modificación e destrución de ecosistemas. Trátase da primeira causa de extinción de especies. Os ecosistemas máis fráxiles son os que máis padecen as consecuencias da alteración. Así, moitas zonas húmidas foron desecadas durante séculos polo home para convertelas en terras de labor, as marismas costeiras foron utilizadas para construír portos e cidades, e todo isto contribuíu a que a extensión destes ecosistemas diminuíse drasticamente no pasado. Así mesmo, a fragmentación dos ecosistemas naturais constitúe un dos problemas máis importantes na extinción de especies, posto que desta forma se eliminan os corredores biolóxicos que actúan favorecendo o intercambio xenético interpoboacional, o que se traduce no mantemento das especie
  • Introdución de especies exóticas invasoras (EEI). A introdución de EEI foi considerada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) como a segunda causa de perda de biodiversidade, xusto por detrás da destrución do hábitat. As bioinvasións poden provocar a extinción ou redución da abundancia e/ou área de distribución de certos taxons, ademais de causar importantes alteracións na estrutura e funcionamento dos ecosistemas. Este fenómeno é especialmente perigoso en ambientes altamente sensibles desde o punto de vista ecolóxico, como as illas, que adoitan ser lugares ricos en endemismos. Ademais, ten repercusións negativas na economía e na sanidade vexetal, animal e humana.
  • Cambio climático. O clima é  un dos principais factores que regula a distribución de especies.Está previsto que nas próximas décadas o cambio climático se converta progresivamente na maior ameaza para a biodiversidade. Os primeiros efectos que se evidencian por esta problemática son cambios nas datas de floración e nos patróns migratorios así como na distribución de especies.
  • Prácticas agrícolas. Algunhas prácticas agrícolas modernas poden chegar a ser moi perigosas para o mantemento da diversidade biolóxica, como a intensificación dos monocultivos, que introducen unha uniformidade en contra da biodiversidade, ou o uso de pesticidas tóxicos para moitos organismos.
  • Sobreexplotación e eliminación intencionada. A práctica da caza e pesca iracional sen atención á sostenibilidade do recurso ase como a persecución e eliminación intencionada de determinadas especies, como depredadores (mamíferos carnívoros, aves rapaces,..) foron ata hai algún tempo unha importante causa de empobrecemento da biodiversidade. Ademais, o coleccionismo e a captura ou a recolección de especies polas súas propiedades constitúen actividades que poden ter un elevado impacto en determinadas especies.
  • Contaminación. Aínda que a contaminación local en xeral ten un impacto menor na extinción de especies, as formas de contaminación máis xerais poden ter efectos moi daniños sobre a biodiversidade, en especial o enriquecemento en nutrientes das augas e dos solos, que favorece a determinadas especies fronte a unha grande variedade adaptada a niveis limitados destes.