CMATI

|
|
|
Compartir

Proxecto LIFE+ STOP Cortaderia

O proxecto LIFE+ Stop Cortaderia – Medidas urxentes para controlar a expansión do plumeiro da Pampa (Cortaderia selloana) no Arco Atlántico ten como obxectivo principal a posta en marcha dunha estratexia común e transnacional de loita fronte a esta especie exótica invasora, en todo o Arco Atlántico desde Portugal a Francia pasando por todo o litoral cantábrico.

Para iso, deseñáronse un total de 20 accións que serán implementadas por un equipo formado por seis socios procedentes de España e Portugal, ao longo dun período que vai desde 2018 a 2022, grazas ao apoio financeiro do Programa LIFE da Comisión Europea.

 Algúns dos obxectivos do proxecto:

  • Comprometer aos principais axentes concernidos do Arco Atlántico na Estratexia de loita contra o plumeiro, cunha serie de compromisos de actuación e difusión a medio e longo prazo no marco das súas competencias.
  • Conseguir que o Grupo de Traballo de loita contra o plumeiro no Arco Atlántico funcione sen límite de tempo, servindo de foro de intercambio de experiencias e de difusión de metodoloxías e materiais.
  • Ensaiar novas metodoloxías no control e xestión da especie en áreas de alta densidade, e difundir as leccións aprendidas desta maneira
  • Sensibilizar á poboación do Arco Atlántico sobre os plumeiros e o seu efecto prexudicial sobre a biodiversidade.

A  Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participa neste proxecto en calidade de cofinanciador, achegando 18.000€ co obxecto de acadar os seguintes resultados en Galicia:

  • Como produto acabado, un Plan de Acción contra o plumeiro da Pampa en Galicia. Este Plan detallado, estará adaptado á realidade territorial Galicia.
  • Incorporación con voz e voto ao Grupo de Traballo de loita contra o plumeiro da Pampa no Arco Atlántico, que aprobará a Estratexia a nivel de arco atlántico, supervisará a evolución da especie, realizarase intercambio de experiencias sobre metodoloxías, etc.
  • Acoller en Galicia polo menos unha das reunións do Grupo de Traballo.
  • Celebrar en Galicia polo menos dúas xornadas de difusión do Proxecto: charla, visita ao campo, rolda de prensa, etc
  • Ademais, as entidades galegas interesadas recibirán a final de 2019 o denominado Kit Cortaderia, con varios produtos do Proxecto: Manual de Boas Prácticas para o control e erradicación do plumeiro da Pampa, material xenérico de difusión do Proxecto, a Estratexia Transnacional de Loita contra o plumeiro da Pampa no Arco Atlántico (aberta á sinatura das institucións que se queiran adherir) e Recomendacións para a integración da problemática do plumeiro da Pampa nas diferentes políticas sectoriais.