CMATI

|
|
|
Compartir

O medio mariño

O ambiente mariño, ao igual que o terrestre, non é homoxéneo. Trátase dun medio dinámico, moi influenciado por fenómenos astronómicos, que xeran as mareas e son responsables da circulación en profundidade da auga; por fenómenos atmosféricos, que inflúen na formación das ondas e as correntes, afectando deste xeito á temperatura, osixenación, salinidade e densidade da auga; e por último por fenómenos de convección, que interveñen na produción de correntes tanto locais como globais.

Debido ás súas propiedades físico-químicas, o ambiente mariño acolle ecosistemas moi variados cunha gran diversidade e abundancia de organismos pertencentes a todos os grupos animais. Entre estes ambientes cabe destacar o ambiente peláxico (a columna de auga) e o bentónico (asociado ao substrato), que están influenciados por correntes superficiais e profundas.

A acción do vento, xunto coa combinación dos movementos de masas de augas profundas, xera afloramentos de elevado interese ecolóxico, xa que constitúen a base alimentaria dun gran número de animais que viven na columna de auga. A riqueza mariña das augas galegas é, polo tanto, unha das maiores da Unión Europea.

A fauna propia do medio mariño pode situarse a diferentes alturas en función da súa capacidade de desprazamento; así, haberá especies que pasan toda a súa vida nadando na zona máis superficial, como as xardas (Scomber scombrus) e as sardiñas (Sardina pilchardus), ou cetáceos como o arroaz (Tursiops truncatus) ou a toniña (Phocoena phocoena), frecuentes na nosa costa. Máis abaixo, entre as rochas do fondo mariño, habitan os pintos (Labrus bergylta), doncelas (Coris julis), sargos (Diplodus sargus), serráns (Serranus spp.) ou fanecas (Trisopterus luscus).

En posicións máis próximas ás nosas costas (inframareal), onde as condicións de luz e nutrientes son maiores, prodúcese un aumento das poboacións de vexetais mariños. Aquí, sobre un substrato rochoso, orixínanse os bosques de laminarias (Laminaria ochroleuca, L. hyperborea, L. sacharina), unhas grandes algas pardas e robustas que se fixan ás rochas cos seus rizoides e que orixinan importantes refuxios para multitude de organismos, como anémonas e actinias (Actinia spp., Anemonia sulcata), estrelas de mar (Asterina gibbosa, Marthasterias glacialis) ou ofiuras (Ophiothrix fragilis, Ophiocomina nigra), esponxas mariñas (Tethya aurantium), moluscos mariños (Calliostoma ziziphinum, Trivia spp.), bivalvos como a vieira (Pecten maximus), gran cantidade de pequenas algas epífitas (por exemplo Rhodimenia pseudopalmata) que viven sobre os estipes e frondes destas algas. Estes bosques de laminarias constitúen un importante recurso trófico para peixes como a saboga (Sarpa salpa), moluscos como Patella pellucida e o ourizo de mar, Paracentrotus lividus, que se alimentan dos talos destas grandes algas.

Estes bosques de laminarias son, polo tanto, ecosistemas moi importantes que actúan como reservorios de biodiversidade no medio mariño.

Os fondos areosos pouco profundos son o hábitat doutros animais que, ante a ausencia de refuxios como os anteriormente mencionados, desenvolven outras estratexias para protexerse. Tal é o caso dos peixes planos, como o rodaballo (Scophthalmus maximus) ou as raias (Raja spp.), que se camuflan na area axudados grazas aos seus corpos planos; escorpións e peixes araña (Trachinus spp.), peixes con aletas velenosas que viven semienterrados na area, cangrexos ermitáns (Pagurus spp., Diogenes pugilator¿), que camiñan e se enterran rapidamente no substrato, e bivalvos como as ameixas e navallas, que viven uns centímetros por debaixo do substrato, etc.

En definitiva, o medio mariño constitúe un importante ecosistema cunha variada flora e fauna adaptada a unhas condicións de vida moi especiais. Galicia sitúase nun dos lugares privilexiados de Europa no que á diversidade biolóxica deste medio se refire.