CMATI

|
|
|
Compartir

Introdución

Unha especie exótica ou alóctona é aquel taxon que se atopa fóra da súa área natural de distribución por causas humanas, ben de maneira intencionada  ou accidental. Inclúe calquera parte das ditas especies (gametos, sementes, propágulos, ovos, esporas, etcétera) que teña capacidade para sobrevivir e perpetuarse no medio natural. Esta especie considérase invasora cando supón un perigo para a diversidade biolóxica orixinal, é dicir, cando constitúe un factor que ameaza os ecosistemas orixinais e a supervivencia das especies autóctonas.

Por tanto, unha especie invasora caracterizarase pola súa capacidade para reproducirse e perpetuarse no novo medio, competindo e nalgúns casos desprazando dos seus nichos ecolóxicos as especies nativas, alterando algunhas das características propias do medio, transformando algúns dos parámetros ambientais, consumindo con maior efectividade algún dos recursos do contorno, etc. Isto termina producindo unas condicións previamente inexistentes no medio e que algunhas das especies autóctonas non son capaces de asimilar.

Non todas as especies exóticas introducidas son invasoras. Moitas especies de plantas introducidas, sobre todo de uso agrícola ou ornamental (millo, pataca,..), son extremadamente beneficiosas desde o punto de vista económico e non supoñen ningún perigo de invasión, posto que necesitan duns coidados específicos, como poden ser a continua rega ou a achega de nutrientes suplementarios.

A introdución de especies animais ou vexetais exóticas con comportamento invasor é  considerada como unha das principais causas de perda de biodiversidade, ademais de ter repercusións negativas na economía e na sanidade vexetal, animal e humana.
 
O proceso de invasión biolóxica

Nun proceso de invasión biolóxica poden diferenciarse tres fases principais. Nun primeiro momento a especie é transportada desde a súa área orixe ata unha zona da cal non é nativa. A continuación desenvólvese un proceso de aclimatación ao novo ambiente e finalmente, a especie propágase e coloniza novas zonas.

As vías de entrada das especies son diversas e actualmente vense potenciadas polo proceso de globalización do comercio, os mercados e o transporte. A introdución dunha especie exótica pode realizarse dunha forma accidental ou ben intencionadamente.

As introducións accidentais ocorren xeralmente durante o transporte de mercadorías, como son os organismos transportados na auga de lastre de grandes barcos cargueiros ou como polisóns adheridos á madeira importada dos trópicos, nas partidas pouco puras de gran, na introdución de palmáceas para xardinaría, nas remocións de terra para obras ou o transporte accidental ligado ao turismo que traslada sementes, esporas, ovos, postas,... e outras formas de dispersión de fungos, plantas e animais.

As introducións intencionadas son produto xeralmente dunha neglixencia aínda que en moitas ocasións se descoñecen as consecuencias da introdución no medio natural. Como exemplos destas témos, entre a fauna, a do cangrexo americano (Procamburus clarkii) ou do visón americano (Mustela vison), e entre a flora invasora a da herba da pampa (Cortaderia selloana). Outras veces prodúcense polo abandono de mascotas como o sapoconcho de Florida (Trachemys scripta), ou o bico de coral (Estrilda astrild).

Unha vez que unha especie invasora se estableceu nunha nova rexión, resulta extremadamente difícil erradicala ou controlar a súa poboación.

Impactos das especies invasoras no medio natural

As especies exóticas invasoras producen diversas alteracións na estrutura e funcionamento dos ecosistemas, como a creación de novas relacións de competencia por recursos e hábitats, variacións nas densidades poboacionais, perturbación do ciclo dos nutrientes e da auga, hibridación (perda de identidade xenética), transmisión de pragas e enfermidades, alelopatías, etc. As condicións ambientais que se ven alteradas con maior frecuencia no caso das plantas invasoras son a insolación, a riqueza de humus no horizonte superficial do solo e, no caso do medio acuático, a osixenación e os niveis de nutrientes disoltos. Certas plantas invasoras teñen un efecto favorecedor sobre os incendios forestais, xa que as especies pirófitas poden modificar as condicións do medio e propiciar a aparición do lume.

A escala máis específica, as invasións biolóxicas poden provocar a extinción ou redución da abundancia e/ou área de distribución de certos taxons, sobre todo daqueles especialmente fráxiles como os endemismos. Este feito sucede cando a especie invasora compite polo mesmo nicho ecolóxico que a especie nativa ou preda sobre ela.

Pero as especies exóticas invasoras non só provocan desequilibrios ecolóxicos que afectan á perda de biodiversidade, senón que tamén producen enormes danos económicos nos sectores forestal, agrícola, pesqueiro ou sanitario. A lista de danos socioeconómicos derivada da invasión e o crecemento desproporcionado destas poboacións é innumerable.

Noutros casos poden afectar á saúde humana, por exemplo, en animais que son portadores dun axente patóxeno ou en plantas que causan reaccións alérxicas a través do seu pole ou que presenten certo grao de toxicidade nalgunha das súas partes.

Documento/s relacionados