CMATI

|
|
|
Compartir

Serra do Careón

Serra do Careón e subconcas dos ríos Furelos e Seco, que se estende ata o río Tambre polo sur, na súa maior parte dentro dos termos municipais de Toques, Melide e Santiso. Área dun grande interese xeolóxico e dunha excepcional relevancia botánica. O rango altitudinal vai dos 320 aos 798 m s.n.m., cunha media de 550 m.

A serra do Careón, pertencente á Dorsal Galega, é un pequeno cordal montañoso de perfil en chanzos e amesetado e relevos suaves, cuxa máxima altitude non alcanza os 800 m s.n.m. (O Careón, 798 m; Pena Armada, 760 m) e está cuberto por extensas áreas de matogueira. O río Furelos, afluente do Ulla, xuntamente cos numerosos pequenos afluentes da súa cabeceira, que nacen tanto nos montes do Bocelo como no Careón, presenta unha baixa sinuosidade e un caudal considerable (media anual de 6,36 m3/seg). Desde este río esténdese, sobre todo cara ao sueste de Melide, unha ampla chaira de nivel aquitaniano. Esta chaira sitúase sobre un substrato pétreo de gran dureza, responsable desta morfoloxía chá, que se conservou ata hoxe sen verse afectada por movementos tectónicos. A área, coñecida como "Gándaras de Melide" está cuberta tamén por amplas matogueiras variablemente higrófilas.

 

A elevada singularidade da área reside no substrato litolóxico, que constitúe o afloramento de rochas ultrabásicas máis extenso do noroeste ibérico, esténdese entre o sur de Melide e os arredores de Sobrado. A área está atravesada por masivas pero complexas bandas de anfibolitas, rochas ultrabásicas serpentinizadas e rochas metabásicas en facies granulítica, que son substituídas por gneis de biotita máis ao oeste do espazo natural. Parte da área foi incluída polo Instituto Geológico y Minero de España no rexistro de Puntos de Interese Xeolóxico, e constitúe o PIG C-17 ("Pregamentos tombados no complexo ultrabásico de Melide"), rasaltándose a aparición de rochas ultrabásicas serpentinizadas, anfibolitas en flocos e anfibolitas granatíferas, así como a existencia dos pregamentos en rochas deste tipo e a singular tectónica.

A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Dominio climático oceánico continental, cunha precipitación media de 1.629 mm, concentrada entre os meses de decembro e febreiro, e unha temperatura media de 10,8 ºC.

Documento/s relacionados
Subir