CMATI

|
|
|
Compartir

Estrutura da Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural estrutúrase  nas seguintes unidades:

Subdirección Xeral de Espazos Naturais

Exercerá as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación dos hábitats naturais, dos elementos senlleiros da xea e das paisaxes naturais e rurais que conforman no seu conxunto o patrimonio natural.
b) A conservación, protección e promoción da Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000, así como doutras zonas de alto valor ambiental.
c) A avaliación das repercusións de plans e proxectos sobre a Rede Natura 2000.
d) A ordenación dos usos do patrimonio natural, no ámbito das súas competencias.
e) A elaboración e implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión dos espazos naturais protexidos.
f) O fomento de medidas de colaboración e coordinación nas campañas relativas á obtención da bandeira azul.
g) A coordinación de procedementos de queixas e denuncias.
h) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, ou calquera outro instrumento que se considere idóneo, das actuacións, dos informes técnicos ou das autorizacións emitidas polos órganos territoriais e unidades administrativas que deles dependan, no eido das súas competencias.
i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.

Para o exercicio das súas funcións, a subdirección xeral contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

  • Servizo de Conservación de Espazos Naturais, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos espazos protexidos.
b) O fomento, consolidación e promoción da Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 e doutras zonas de alto valor ambiental.
c) A elaboración dos instrumentos de planificación e xestión.
d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.

  • Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración dos informes, así como das propostas de concesión das autorizacións daqueles plans, programas e proxectos que requiren da avaliación das repercusións as que se refire o artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, sometidos a avaliación ambiental de conformidade coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, sen prexuízo da solicitude dos datos técnicos que sexan necesarios ao servizo provincial correspondente.
b) A elaboración das propostas de concesión das autorizacións relativas aos usos e actividades, plans, programas ou proxectos que afecten a máis dunha provincia.
c) A emisión de informes relativos a obras, instalacións e actividades que se precisen e, en particular, no referido a accións que afecten a Rede galega de espazos protexidos ou a Rede Natura 2000.
d) A elaboración de directrices e criterios técnicos sectoriais en relación cos procedementos de avaliación dos proxectos, plans e programas que afecten o medio natural e os valores do patrimonio natural.
e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.

  • Servizo de Parques Naturais, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O exercicio de funcións relativas á dirección e xestión executiva ordinaria dos parques naturais das Fragas do Eume, do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, do Monte Aloia, e dos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, do Invernadeiro e da Serra da Enciña da Lastra, así como o seguimento das actuacións das xuntas consultivas dos devanditos espazos protexidos. Neste sentido, coordinará as actuacións dos servizos provinciais de patrimonio natural relativas ao persoal que desenvolve as súas funcións nestes espazos.
b) A elaboración de instrucións para a formulación das propostas dos orzamentos e dos programas de xestión de cada un dos espazos relacionados no parágrafo anterior, así como para a execución e desenvolvemento e seguimento dos plans reitores de uso e xestión.
c) A realización das actuacións necesarias nos supostos de emerxencia que se poidan producir no interior dos parques.
d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da subdirección xeral.

Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas

Exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.
b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación das especies silvestres.
c) A elaboración de normativa que afecta o exercicio da caza e da pesca fluvial e o benestar e protección dos animais de compañía animal, sen prexuízo, neste último suposto, das competencias que respecto diso teña atribuídas o órgano competente en materia de produción animal.
d) A tramitación dos expedientes administrativos para a declaración de terreos sometidos a réxime cinexético especial, así como das distintas figuras das augas continentais.
e) O control e policía da riqueza cinexética e piscícola nas augas continentais.
f) A coordinación dos establecementos e instalacións relacionados coa actividade cinexética e piscícola cuxa xestión dependa da Administración autonómica.
g) A coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre dependentes da Administración autonómica.
h) A elaboración, implementación e seguimento dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión das especies silvestres.
i) A emisión de informes sectoriais en relación cos procedementos de aprobacións e/ou modificacións de centros de acuicultura en augas continentais.
j) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos ou calquera documento que se considere idóneo, das actuacións, dos informes técnicos ou das autorizacións emitidas polos órganos territoriais e unidades administrativas que deles dependan, no eido das súas competencias.
k) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

  • Servizo de Caza e Pesca Fluvial, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A divulgación, formación e promoción específica dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais.
b) A inspección e coordinación dos establecementos e instalacións relacionados coa actividade cinexética e/ou piscícola cuxa xestión dependa da Administración autonómica.
c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da subdirección xeral.

  • Servizo de Conservación da Biodiversidade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre e a elaboración das propostas de catalogación de especies ameazadas e a dos plans para a súa xestión, así como a execución e seguimento destes.
b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade, con atención particular ás especies introducidas de carácter invasor.
c) A aplicación de medidas de protección e benestar de animais de compañía.
d) A coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre.
e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da subdirección xeral.

Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a dirección xeral estrutúrase nos seguintes órganos administrativos, con nivel  orgánico de servizo:

  • Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia,  ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A xestión executiva ordinaria do parque nacional e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación e xestión.
b) A coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polos axentes forestais e axentes facultativos ambientais no ámbito do parque nacional no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade.
c) O outorgamento das autorizacións que, segundo a normativa aplicable ao Parque Nacional, lle sexan atribuidas ao director-conservador.
d) A coordinación de actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar os valores naturais do parque nacional, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan de emerxencias.
e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da dirección xeral.

  • Servizo Xurídico-Administrativo, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración das resolucións dos procedementos administrativos sancionadores que, por razón da súa competencia, correspondan á persoa titular desta dirección.
b) A elaboración das propostas de informe dos recursos interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

  • Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria, exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración dos anteproxectos de orzamentos da dirección xeral, a súa execución, seguimento e coordinación.
b) As funcións inherentes á xestión económica execución, seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividades de fomento no ámbito da súa competencia por razón da materia.
c) A xestión dos expedientes de contratación menores de competencia da dirección xeral por razón da materia.
d) O seguimento e control dos convenios e protocolos de colaboración.
e) A tramitación das propostas de modificación de créditos consignados no orzamento da dirección xeral.
f) O impulso da tramitación administrativa de expedientes e propostas de gasto das unidades dependentes da dirección xeral.
g) A coordinación, seguimento e control dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos finalistas do Estado xestionados pola dirección xeral.
h) A planificación, habilitación, e seguimento da provisión de crédito para gastos correntes dos distintos órganos e unidades administrativas dependentes da dirección xeral, incluído o aprovisionamento, o mantemento e a renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da dirección xeral.
i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da dirección xeral.