CMATI

|
|
|
Compartir

Especies extintas

Algúns exemplos de especies presentes en Galicia cuxas poboacións se consideran extintas
A continuación amósanse algúns exemplos de taxóns que están ou poderían estar extintos a nivel local en Galicia. No Catálogo Galego de Especies Ameazadas aínda poden figurar algunhas destas especies. A razón é que se ben na actualidade non se dispón de información recente da súa presencia, para descartar que queden individuos no medio natural fanse necesarias prospeccións realizadas en períodos de tempo apropiados ao ciclo e formas de vida da especie.

Flora

  • Rhynchospora fusca. Segundo todas as evidencias, este taxon atópase en franca regresión, posto que non se volveron encontrar 3 dos seus 6 núcleos ibéricos coñecidos, concretamente os de Galicia, Asturias e Gipuzkoa. A principal causa do seu declive é a alteración e destrución do seu hábitat. Vive en turbeiras, mananciais e esfagnais, ambientes todos eles moi sensibles á alteración (drenaxe, pisaduras, eutrofización, etc.). Ademais, selecciona lugares especialmente encharcados dentro da zona húmida, o que reflicte unha grande especificidade e baixa plasticidade ecolóxica.
  • Rhynchospora modesti-lucennoi. Especie que se distribúe polo suroeste da península Ibérica (Cádiz e Huelva) e noroeste de África (Alxeria e Marrocos). Vive en solos higroturbosos pertencentes á asociación Caricetum pseudocypero-lusitanicae. A poboación de Pontevedra (Gándaras de Budiño) parece estar actualmente extinta debido ao desecamento da turbeira en que vivía. A maior ameaza para esta especie é, como para todas as das zonas húmidas, o desecamento do seu hábitat, ben por descenso da capa freática, ben polo cambio do curso de auga. Ademais, parece que a proliferación doutras plantas como Molinia caerulea, tamén propia de zonas húmidas, non favorece o desenvolvemento de R. modesti-lucennoi.
  • Christella dentata. Trátase dun fieito tropical e subtropical que na península Ibérica se encontra en franca regresión e corre o risco de extinguirse pronto. A poboación que se coñecía da provincia de Ourense parece que desapareceu, e prevese a extinción a curto prazo da poboación andaluza (Cádiz). Canarias (rexión macaronésica) conta tan só con oito poboacións, algunha delas máis ou menos viables para o seu mantemento. A principal ameaza con que se enfronta esta especie é a transformación do seu hábitat por drenaxe, pisaduras, utilización de herbicidas, gandaría, introdución de especies invasoras, etc.

 

Fauna vertebrada

  • Lince ibérico (Lynx pardina). Trátase dunha especie que desapareceu de Galicia, se ben nunca foi abundante na nosa Comunidade. Os últimos rexistros desta especie na nosa Comunidade Autónoma son do leste e sur da provincia de Ourense.
  • Gaivina negra (Chlidonias niger). Os efectivos reprodutores desta especie en España diminuíron acusadamente durante os últimos anos. En Galicia existiu unha poboación nidificante na desecada lagoa de Antela (Ourense), pero a destrución do hábitat e as molestias ocasionadas en época de cría causaron a súa desaparición.
  • Pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus). A pita do monte cantábrica nidificaba tradicionalmente na nosa montaña oriental (Os Ancares), de onde podería ter desaparecido. A transformación e fragmentación do seu hábitat, o cambio climático e o furtivismo, foron e seguen sendo as súas principais ameazas.
  • Cabra montés galega ou cabra montés portuguesa (Capra pyrenaica lusitanica). Esta subespecie de cabra montés autóctona de Galicia, norte de Portugal, Asturias e Cantabria occidental extinguiuse a finais do século XIX. A súa desaparición debeuse, ao parecer, á destrución e perda do seu hábitat e á caza indiscriminada. Na actualidade existe en marcha un plan de reintrodución dunha subespecie moi similar á cabra montés galega ou portuguesa, a Capra pyrenaica victoriae. Os exemplares utilizados para a cría en catividade e posterior reintrodución no medio natural proceden da Serra de Gredos, e na actualidade xa poden verse individuos en liberdade nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e Montes do Invernadoiro.
  • Esturión (Acipenser sturio). Trátase dunha extinción en período histórico. Actualmente está desaparecida a poboación que antano poboou o río Miño no que era tan abundante neste río que a súa carne se chegou a utilizar como fertilizante e os seus ovos como alimento para porcos. A alteración do seu hábitat por medio da regulación dos álveos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos nas zonas de freza, foron as principais causas de extinción da especie, así como as capturas accidentais e/ou pesca de individuos para a extracción dos ovos.