CMATI

|
|
|
Compartir

O Observatorio Galego de Educación Ambiental

O Observatorio Galego e Educación Ambiental (OGEA) é o órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en relación co desenvolvemento da Educación Ambiental en Galicia.

Os fins principais son a promoción, o seguimento e a avaliación permanente de Educación Ambiental na Comunidade Autónoma en base ás recomendacións contidas na EGEA.

Está nestes momentos nunha fase de redefinición e concreción cos axentes sociais, desde o Instituto de Estudos do Territorio, preténdese promover a súa actividade asignando ao CEIDA un papel fundamental na súa xestión.

Creado polo Decreto 78/2001, e modificado polo Decreto 68/2006, o Observatorio Galego de Educación Ambiental exerce as seguintes funcións:

  1. Asesora os organismos das administracións públicas no deseño, avaliación e desenvolvemento dos programas e iniciativas de educación ambiental.
  2. Analiza as necesidades educativas e formativas en materia ambiental da poboación galega no seu conxunto, así como dos seus sectores específicos.
  3. Realiza un seguimento do nivel de aplicación da Estratexia Galega de Educación Ambiental, propoñendo e suxerindo directrices e liñas de actuación que faciliten o logro dos fins e obxectivos xerais e específicos nela establecidos.
  4. Propón a elaboración de indicadores, instrumentos e procedementos de avaliación, especificamente dirixidos ao ámbito da educación ambiental.
  5. Colleita experiencias, recursos e programas que se consideran de referencia, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación, promoción, adaptación e aplicación á realidade galega.