CMATI

|
|
|
Compartir

Plan de seguimento das DOT e da sustentabilidade territorial (PSST)

Coa aprobación, por decreto da Xunta de Galicia, do procedemento para o seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial, iníciase un ambicioso proxecto que permitirá, tanto á Administración como á cidadanía, ter unha ferramenta que sexa quen de avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade enunciados nas DOT e, polo tanto, coñecer se o rumbo das políticas implementadas é concorrente  con estes obxectivos.

O modelo territorial definido polas DOT leva implícito realizar un constante seguimento do cumprimento dos obxectivos dos instrumentos que as desenvolven a través da evolución do estado das variables e elementos considerados estratéxicos no proceso de avaliación ambiental estratéxica.

Neste senso, a función do plan de seguimento das determinacións e obxectivos das DOT responde ás seguintes necesidades obxectivas:

  • Valorar o grao de cumprimento, é dicir, se facemos o que establecemos nas DOT.
  • Valorar os efectos das determinacións das DOT, é dicir, se é eficaz cara a sustentabilidade.
  • Coñecer a percepción da cidadanía, ou como percibe a cidadanía ese desenvolvemento.

Órganos e procesos

Aos efectos de levar a cabo o seguimento das Directrices de ordenación do territorio, a Consellería aproba o Decreto 156/2012, do 12 de xullo, que crea a Comisión de Seguimento das DOT como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que será a responsable de desenvolver e adaptar o sistema de seguimento aos obxectivos e determinacións das DOT.

Este decreto prevé un sistema de traballo interdisciplinar e interdepartamental, mediante a constitución de grupos técnicos de traballo, que analicen, propoñan e validen as ferramentas que constitúan o plan de seguimento.

Nel, sinálase ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) como o soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión de Seguimento que levará a cabo labores de coordinación entre os GTT e a Comisión. Estas tarefas están incardinadas no cometido de prestar apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial, que lle atribúe os estatutos (Decreto 244/2011, do 29 de decembro).

Órganos e procesos


O punto de partida para a elaboración das ferramentas do seguimento da sustentabilidade territorial é o plan de seguimento da Memoria ambiental do procedemento de AAE das DOT e o indicado no seu ISA.

Nel proponse un sistema de indicadores que permita avaliar a sustentabilidade da planificación territorial derivada das DOT mediante o seguimento da súa evolución e a verificación do cumprimento dos obxectivos xerais propostos, así como dos obxectivos específicos establecidos para cada unha das variables de sustentabilidade identificadas.

O sistema de indicadores contempla unha dobre avaliación do cumprimento dos obxectivos das DOT; por unha banda o que se refire ao desenvolvemento dos instrumentos de ordenación do territorio que nela se citan, e pola outra, unha batería de indicadores que midan a evolución cara a unha sociedade sustentable.

De xeito análogo ao sistema de indicadores, formúlase a inclusión no seguimento que se faga, dun instrumento que permita coñecer a percepción da cidadanía sobre os efectos dos instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo na calidade de vida; para o cal se propón a realización dunha enquisa.

Ferramentas

Os resultados acadados recolleranse anualmente nun informe segundo se establece no propio decreto: Informe do plan de seguimento.