CMATI

|
|
|
Compartir

Decreto de aprobación das Directrices de paisaxe de Galicia

Calquera plan, programa ou proxecto que se desenvolva en Galicia deberá tomar en consideración no seu deseño, na súa aplicación e na execución das actuacións que implique, os valores paisaxísticos e o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes, identificados e analizados no Catálogo das paisaxes de Galicia.

A consideración da paisaxe atende a todos os valores de tipo natural, cultural, e perceptivo que a configuran.

A aprobación do Decreto 238/2020 sinala no seu contido as Directrices a seguir nas actuacións que considera  cunha maior incidencia da paisaxe sen prexuízo da restante normativa en materia ordenación do territorio, urbanismo, conservación da natureza, patrimonio cultural, protección do dominio público, ou calquera outra, ben teña por obxecto a protección de valores presentes no medio, ben a regulación de infraestruturas, recursos ou actividades de calquera clase que poidan ter algún tipo de incidencia sobre a paisaxe.

O contido das directrices aplicarase cun carácter complementario á devandita normativa, coa finalidade de integrar a consideración da paisaxe en cada un dos sectores que poidan ter algunha incidencia sobre ela. Neste sentido, as directrices de paisaxe se aplicarán en todos os proxectos ou actuacións que se desenvolvan ao abeiro da lexislación sectorial, ou que estean reguladas por ela, como condicionantes ou orientacións engadidas ás que establece a devandita lexislación. Sen prexuízo das funcións específicas que lle corresponden ao órgano competente en materia de paisaxe, as entidades ou organismos que ostentan competencias relativas á citada lexislación sectorial, en virtude das cales deban promover, autorizar, informar ou aprobar proxectos, deberán velar porque nestes se recollan adecuadamente as determinacións das Directrices de paisaxe.

Para os efectos do artigo 10.3 da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia, non todo o contido das Directrices de Paisaxe ten o mesmo grao de vinculación, de xeito que atoparemos directrices formuladas como normas, as cales terán carácter obrigatorio para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística e para as estratexias rexionais e locais e, a pesares de estar  formuladas en termos vinculantes, terán diferentes niveis de intensidade; ben expresando unha limitación ou condición directa, non susceptible de diversas variantes ou alternativas, ou ben deixando un maior grao de liberdade en canto ao modo de chegar ao resultado previsto; e directrices formuladas como  recomendacións, que establecen suxestións, formuladas en termos para orientar e apoiar certos criterios a empregar no caso de aplicarse ou non pero deste último dunha maneira xustificada.

Todo elo neste último caso (recomendacións) implica que carecen dese carácter obrigatorio que é predicable das normas.

Os plans, programas ou proxectos deben xustificar, na súa memoria, o cumprimento destas directrices de paisaxe. No caso das normas de carácter excluínte, mediante a oportuna acreditación ou descrición dos medios e do fin a alcanzar; e no caso nas normas cun maior grao de flexibilidade en canto aos medios, dun xeito máis aberto, sen prexuízo do fin vinculante a alcanzar.

Finalmente, as directrices de carácter orientativo (recomendacións), se ben non obrigan a seguir as súas prescricións, si esixen que se deba describir e xustificar a solución concreta pola que se opta para o caso de que non se cumpra con estas determinacións e se opte por separarse dos criterios recollidos nelas.

Deste xeito, o órgano autonómico competente en materia de paisaxe comprobará, nos informes que deba emitir consonte coa Lei 7/2008 e estas directrices, ou de acordo coa lexislación ambiental, territorial ou sectorial, o cumprimento das Directrices de paisaxe. En particular, en todos os supostos en que se esixa un EIIP, este deberá someterse a informe do órgano autonómico competente en materia de paisaxe, que velará pola súa integridade documental e pola adecuación das medidas de integración paisaxística adoptadas consonte co disposto no artigo 11.2, letra d da Lei 7/2008.

Estas directrices prevén un conxunto de medidas e accións, encomendadas a departamentos concretos da administración autonómica, para seren desenvolvidas ben de forma individual, ben en colaboración con outras administracións, departamentos ou organismos, para o mellor cumprimento  dos obxectivos de calidade paisaxística nos que se fundamentan estas directrices de paisaxe. Cando fose preciso, os departamentos autonómicos promoverán os oportunos mecanismos de concertación con outros departamentos ou administracións.

A primeira letra, NE ou R O, do código das directrices indica o seu carácter excluínte ou de consideración de  norma ou recomendación respectivamente, de conformidade co previsto no artigo 10.3 da Lei 7/2008, do 7 xullo, de protección da paisaxe de Galicia (en adiante Lei 7/2008).

Documento/s relacionados
  • Decreto de aprobación das Directrices de paisaxe de Galicia Descargar