CMATI

|
|
|
Compartir

Memoria do proceso de participación pública

Tras o proceso de participación pública desenvolvido para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia e o inicio da exposición pública do mesmo, retomouse o programa de participación cidadá para a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, neste caso orientado á elaboración das Directrices de Paisaxe. No caso das Directrices este proceso participativo responde a un requirimento legal establecido no artigo 10 da Lei de Protección da Paisaxe da Galicia, que establece que as Directrices de Paisaxe deben recoller os obxectivos de calidade paisaxística, os cales “deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e o grado de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos farase mediante un proceso de participación pública”.

Este proceso de participación pública tivo lugar entre o 25 de Febreiro e o 21 de Abril deste ano coa finalidade de recoller a opinión da cidadanía en relación aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, ás preferencias da poboación para a paisaxe da súa contorna, así como sobre as accións de protección, xestión e ordenación da paisaxe desexadas pola xente. Para acadar unha participación pública o máis efectiva posible, leváronse a cabo diferentes tipos de accións a través de diversos medios, entre elas, obradoiros presenciais, unha plataforma web participativa e un cuestionario presencial e online.

Co obxectivo de incrementar a participación acadada no proceso de elaboración do Catálogo, durante o cal se levaron a cabo 12 obradoiros oficiais, un por cada Grande Área Paisaxística, para o desenvolvemento das Directrices de Paisaxe preveuse, como mínimo, a realización de 50 obradoiros participativos, un por cada Comarca Paisaxística. Deste xeito buscábase acadar unha maior equidade espacial no proceso participativo e a recollida de achegas para un ámbito territorial máis local. Se ben a planificación inicial incluíu a realización destes 50 obradoiros, finalmente o número total de obradoiros realizados foi de 64, xa que se realizaron 14 obradoiros a maiores, fundamentalmente froito do interese de administracións locais ou asociacións por recoller, e así trasladar ao equipo técnico a opinión da súa masa social.

Nos 64 obradoiros realizados participaron un total de 776 persoas, repartidos en 634 participantes nos 50 obradoiros iniciais (81,7%) e 142 persoas nos 14 obradoiros complementarios (18,3%). O perfil dos participantes foi moi variado, xa que o 35 % correspondeu a persoal tanto técnico como político da administración, o 30 % a persoas que formaban parta dalgunha asociación, o 13 % a representantes de empresas ou profesionais e o 21 % a outros perfís (o 1 % non respondeu a este dato).

Ao remate de cada obradoiro pediuse aos participantes que cubrisen un cuestionario de satisfacción no que a valoración dos obradoiros en termos xerais foi considerada como “moi ben” ou “ben” polo 86% das persoas asistentes e o 93% consideraron “moi importante” ou “bastante importante” contar con procesos de debate público. Estes datos foron confirmados pola porcentaxe de persoas que manifestaron que, en caso de celebrar un novo obradoiro, si tería interese en asistir, que foi do 87%. Neste cuestionario tamén se avaliou a plataforma web, de xeito que o 94% das persoas que cubriron o cuestionario manifestaron que a plataforma web empregada fora útil para a participación e un 75% consideraron que podía ser facilmente empregada por calquera persoa.

Nesta plataforma web, na que participaron 882 persoas, implementáronse dúas actividades: unha enquisa fotográfica e un Sistema de Información Xeográfica para a Participación Pública. A partir da enquisa fotográfica, que foi cuberta 988 veces, calculouse un índice de satisfacción coa paisaxe actual para cada tipo de paisaxe en cada comarca paisaxística e analizáronse as aspiracións da cidadanía en canto á paisaxe desexada para o futuro.

A través do visor xeográfico os participantes valoraron 948 escenas paisaxísticas predeterminadas, correspondentes a exemplos representativos dos tipos de paisaxe identificados no Catálogo das Paisaxes de Galicia, e localizaron e valoraron outras 1.254 escenas, en total 2.202. Para estas escenas seleccionaron 25.616 medidas de protección, xestión e ordenación da paisaxe entre as propostas e propuxeron 1.399 novas medidas, a partir das cales se calculou un índice de intervención desexada para cada un dos tipos de paisaxe en cada comarca paisaxística.

Finalmente, realizouse unha enquisa tradicional sobre obxectivos de calidade paisaxística e medidas de protección, xestión e ordenación da paisaxe que foi cumprimentada por 1.451 persoas.

A partir do índice de satisfacción e do índice de intervención desexada na paisaxe obtido para cada tipo de paisaxe en cada comarca paisaxística definiuse un escenario de planificación para esa comarca, do seguinte xeito:

  • Índice de satisfacción alto e índice de intervención baixo: escenario de protección, é dicir, o obxectivo é protexer e conservar a paisaxe no seu estado actual.
  • Índice de satisfacción baixo e índice de intervención alto: escenario de ordenación, é dicir, o obxectivo é cambiar e planificar unha nova paisaxe.
  • Índice de satisfacción alto e índice de intervención alto: escenario de xestión, é dicir, de conservación da paisaxe actual pero xestionándoa de forma activa cunha tendencia á protección.
  • Índice de satisfacción baixo e índice de intervención baixo : escenario de xestión pero con tendencia á ordenación.

A definición dun tipo de escenario ou outro determina a redacción dos obxectivos de calidade paisaxística para cada comarca e grande área paisaxística."

Documento/s relacionados
  • Memoria do proceso de participación pública Descargar  (52,195 Kb)