CMATI

|
|
|
Compartir

Paisaxe e sustentabilidade (Plan Proxecta)

Paisaxe e Sustentabilidade é unha iniciativa educativa promovida dende o IET en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se enmarca dentro do Plan Proxecta

http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta  

Este programa educativo parte da idea de que vivimos inmersos nun territorio e nunha paisaxe que configura o escenario da nosa vida cotiá. As accións de cada individuo, aínda que sexan mínimas, poden mellorar ou empeorar o espazo que habitamos. O obxectivo xeral de Paisaxe e Sustentabilidade diríxese a proporcionar ao alumnado e ao profesorado, recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas, identificando os seus elementos constitutivos, a diversidade, o valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sustentabilidade.

Os obxectivos específicos son os seguintes:

  1. Desenvolver a comprensión da paisaxe onde vive o alumnado a través do recoñecemento dos seus elementos constitutivos, da diversidade natural e cultural, do valor simbólico e da importancia da preservación do territorio e da paisaxe.
  2. Fomentar o estudo e a análise multidisciplinar da paisaxe, relacionando os coñecementos curriculares das diferentes materias para que sexa, na medida do posible, un proxecto de centro, que poña en marcha propostas innovadoras que desenvolvan a capacidade interpretativa sobre os espazos próximos e cotiáns.
  3. Implementar pequenos proxectos de estudo, interpretación e intervención na contorna próxima que, liderados polo alumnado, incorporen a paisaxe como obxecto de aprendizaxe e constitúan unha mellora para a súa posta en valor.
  4. Empregar ferramentas gráficas que permitan representar o espazo: cartografía, fotografía, audiovisual.
  5. Potenciar o traballo en equipo e a iniciativa persoal, coordinada co profesorado e integrando a participación da comunidade escolar e local no desenvolvemento do proxecto (familias, veciños, etc).

O IET proporciona apoio e asesoramento aos centros educativos no desenvolvemento dos distintos proxectos, facilitando material cartográfico e apoio bibliográfico e documental. En cada curso os mellores traballos reciben un premio (que outorga uns recoñecementos engadidos aos docentes).