CMATI

|
|
|
Compartir

Funcións do Instituto de Estudos do Territorio

  • Sostibilidade e paisaxe

En consonancia co seu obxecto, o Instituto de Estudos do Territorio exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das que correspondan aos órganos urbanísticos da Xunta de Galicia:

a) Realizar traballos de investigación, análise, estudo e difusión sobre urbanismo, ordenación do territorio, en particular:

  1. A realización de investigacións metodolóxicas, bases de datos e indicadores para o seguimento do desenvolvemento territorial de Galicia, co obxectivo de alcanzar a xestión dinámica das súas paisaxes.
  2. A realización de análises e diagnósticos e a formulación de propostas e alternativas para a ordenación e xestión do territorio desde unha perspectiva global de cara ao desenvolvemento sostible e a cohesión territorial de Galicia.
  3. A participación en foros especializados, redes e proxectos, de carácter nacional e internacional, en materia de urbanismo, ordenación do territorio, sostibilidade e paisaxe.
  4. A promoción, deseño, execución e seguimento de programas ou accións e actividades formativas de concienciación para a sostibilidade dirixidas ao conxunto da sociedade de Galicia e nas súas institucións, públicas e privadas, en especial mediante a educación e formación nas materias de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe.
  5. A posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, tales como os catálogos e as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entendera como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores, en tanto non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.
  6. O impulso, coordinación e seguimento da elaboración das iniciativas e programas de sostibilidade local, tales como as Axendas 21 locais, así como aqueles outros proxectos de similar fin na aplicación das directrices e plans de ordenación de ámbito autonómico.
  7. A elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do medio ambiente e da sostibilidade no currículo educativo das ensinanzas regradas para os efectos da súa proposta á Administración educativa e fomento da implantación das Axendas 21 escolares nos centros educativos.
  8. O impulso da cooperación con todas as administración públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación anteriormente sinalados.

b) Prestar asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia, para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento, nas seguintes materias:

  1. No desenvolvemento, xestión e execución dos diferentes instrumentos de planificación con incidencia sobre o territorio
  2. No seguimento dos efectos no medio ambiente da aplicación ou execución dos mesmos que prevé o artigo 8 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia

c) Prestar apoio a Consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, nas seguintes materias:

  1. Na programación da ordenación do territorio e do litoral.
  2. Na elaboración de estratexias e programas que contribúan a conseguir o apropiado nivel de desenvolvemento sustentable, o establecemento das medidas necesarias para a súa efectiva implantación e aquelas que fomenten a participación cidadá.
  3. Na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial, o que inclúe o seguimento das directrices de ordenación do territorio que prevé o apartado 10 do artigo 10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

d) Recompilar e tratar a información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural, o que inclúe, en particular:

  1. Coordinación e difusión da información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dos estudos territoriais e urbanísticos das diferentes consellerías e organismos públicos da comunidade autónoma, así como o apoio técnico á difusión e formación de actuacións en materia de información xeográfica desenvolvidas pola Xunta de Galicia ou en coordinación con ela.
  2. Xestionar os sistemas de información corporativos vinculados ao territorio a partir das bases de datos cartográficas e espaciais existentes na consellería e o resto de organismos da Xunta de Galicia que así o demanden, así como calquera outra información que poida localizarse sobre o territorio e que sexa susceptible de ser incorporada coa súa referencia xeográfica para a xestión da Infraestrutura de Datos Espaciais. de Galicia (IDEG) Neste ámbito, prestaráselle especial atención á recolleita exhaustiva e ao tratamento adecuado de datos en materia de toponimia. Para iso, o Instituto de Estudos do Territorio ofrecerá o apoio técnico necesario á consellería competente en materia de toponimia e mais á Comisión de Toponimia e velará especialmente pola correcta utilización da toponimia na produción cartográfica da Xunta de Galicia.
  3. Elaboración, mantemento e actualización da información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dos estudos da consellería, así como a xestión das encomendas recibidas doutros departamentos ou organismos da Xunta de Galicia, ou administracións relacionadas con esta materia
  4. O arquivo e o tratamento dos datos referidos aos indicadores do territorio establecidos nos instrumentos de ordenación territorial.
  5. Incentivar a innovación, adopción e desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas propias nos campos de información xeográficas do territorio galego. Así mesmo abordarase a planificación e desenvolvemento de servizos de valor engadido e de novos sistemas e aplicacións en materia de información xeográfica para Galicia.
  6. Facilitar o acceso público á información e a tecnoloxías xeográficas para promover o coñecemento do territorio e os seus valores, contribuíndo así a conservación, protección e desenvolvemento sostible de Galicia.

e) Calquera outra que teña relación co seu obxecto e fins.