CMATI

|
|
|
Compartir

Guía de Boas Práctricas para a Identificación e Acondicionamento de Miradorios

De acordo co Convenio Europeo da Paisaxe (Florencia, 2000), e consonte co artigo 3º da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, paisaxe é calquera parte do territorio tal e como a percibe a poboación, cuxo carácter é o resultado da acción e da interacción de factores naturais e humanos; por iso (tal como afirma o artigo 4º da mesma Lei), o concepto de paisaxe engloba todas as partes do territorio, xa sexan naturais, rurais, urbanas ou periurbanas.

Vemos que o concepto de percepción vai intimamente asociado ao de paisaxe, e máis directamente o sentido da vista. Contemplar a paisaxe sempre foi e seguirá sendo unha das manifestacións máis evidentes da interacción e a relación vital entre as persoas e a nosa contorna. Observar é un modo de participar na paisaxe, e tamén é unha vía fundamental para comprender a natureza e todo o que nos rodea, constituíndose nunha das labores básicas para acometer as funcións de protección, xestión e ordenación das paisaxes que demandan o Convenio Europeo da Paisaxe e a Lei galega 7/2008.

Pero a observación da paisaxe constitúe tamén, mesmo principalmente, un acto de lecer, unha apertura panorámica da vista e da alma, que produce satisfacción e íntima conxunción coa natureza. E cumpre unha importante función didáctica, como vía para o coñecemento da nosa contorna, base principal para valorala e utilizala de forma adecuada e respectuosa.

O paradigma da contemplación das paisaxes constitúeno os miradoiros, eses lugares singulares que debido á súa localización e relación topográfica coa contorna ofrecen as mellores vistas panorámicas. A diversidade de tipos de paisaxe, unida ás características particulares de cada lugar, da lugar tamén a unha diversidade de tipos de miradoiros.

O principal obxectivo da Guía de boas prácticas para a identificación e acondicionamento de miradoiros é establecer unhas pautas para a identificación e acondicionamento de miradoiros, de xeito que queden reflectidos uns criterios básicos de aplicación para a selección de novos puntos de observación, así como de boas prácticas para a integración paisaxística, tanto nas intervencións en novos miradoiros como nas actuacións de mellora dos existentes.

A tal fin, realízase unha análise dos miradoiros galegos de referencia, clasificados en varias categorías. En función do tipo de paisaxe observado analízanse as paisaxes de augas doces, as costeiras, as paisaxes agrícolas, as de montaña, o ceo nocturno, os bens do patrimonio cultural, as áreas urbanas e as zonas industriais. E atendendo á tipoloxía do lugar de observación distínguese entre sentadoiro, fiestra, refuxio, torre, balcón e área.

Para cada tipo na guía elabórase unha ficha caracterizadora, na que se detallan aspectos como a topografía, o tipo de cunca visual, a temática observada, a relación cos elementos presentes na contorna e o tipo de acondicionamento existente.

Para finalizar, a guía recolle un conxunto de criterios e recomendacións para as actuacións nos miradoiros, diferenciadas segundo a súa tipoloxía, así como unha análise moi detallada de casos e propostas de mellora do acceso, acondicionamento e sinalización de miradoiros.

A guía elaborouse en colaboración coa Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, e vai dirixida tanto ao público en xeral como ás entidades responsables da identificación, mantemento e divulgación dos miradoiros, coa mirada posta en fortalecer os valores das nosas paisaxes e aproveitar de forma sostible os recursos de lecer e didácticos que nos ofrecen.

Descargar:

Guía de Boas Práctricas para a Identificación e Acondicionamento de Miradorios