CMATI

|
|
|
Compartir

Ámbito de aplicación

Para protexer o medio no seu conxunto resulta apropiado facilitar unha formulación integrada á prevención e ao control das emisións á atmosfera, á auga e ao chan, á xestión de residuos, á eficiencia enerxética e á prevención de accidentes.

A autorización ambiental integrada (AAI) é unha figura de intervención ambiental creada para a protección do medio no seu conxunto e na que se integran as diferentes autorizacións ambientais contidas na lexislación sectorial.

A Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Lei IPPC) define a autorización ambiental integrada como a "resolución do órgano competente da Comunidade Autónoma na que se sitúe a instalación, pola que se permite, aos sós efectos da protección do medio e da saúde das persoas, explotar a totalidade ou parte dunha instalación, baixo determinadas condicións destinadas a garantir que esta cumpre o obxecto e as disposicións desta Lei".

Sométense a autorización ambiental integrada a construción, montaxe, explotación ou traslado, así como a modificación substancial, das instalacións nas que se desenvolva algunha das actividades incluídas no anexo 1 da Lei IPPC.

Os titulares destas instalacións deberán:

  • Dispoñer da autorización ambiental integrada e cumprir as condicións establecidas nela.
  • Cumprir as obrigas de control e subministración de información previstas pola lexislación sectorial aplicable e pola propia autorización ambiental integrada.
  • Comunicar ao órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada calquera modificación, substancial ou non, que se propoña realizar na instalación.
  • Comunicar ao órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada a transmisión da súa titularidade.
  • Informar inmediatamente ao órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada de calquera incidente ou accidente que poida afectar ao medio.
  • Prestar a asistencia e colaboración necesarias aos que realicen as actuacións de vixilancia, inspección e control.
  • Cumprir calquera outra obriga establecida nesta Lei e demais disposicións que sexan de aplicación.

 

Contacto/s relacionados
  • Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación