CMATI

|
|
|
Compartir

Organización e recursos

Para realizar as tarefas e funcións asignadas, o LMAG conta cun equipamento científico moderno e adecuado ás análises nos diversos ámbitos ambientais, así como grupos de profesionais cunha dilatada experiencia na realización de estudos nos diversos campos da investigación ambiental, de forma que lle permite abordar tarefas tan diversas como a xestión da Rede de Calidade do Aire de Galicia, a análise microbiolóxica das augas, a utilización de indicadores biolóxicos (fauna e flora), ou a aplicación de métodos instrumentais baseados en espectrometría e espectroscopia atómica e molecular, para detectar e cuantificar de contaminantes en auga e aire ambiente.

O laboratorio está acreditado por ENAC como laboratorio de ensaio na área de augas, e de atmosfera de acordo cos requisitos da Norma UNE-EN-ISO/IEC 17025:2005 e o seu sistema de xestión da calidade para a prestación do servizo de avaliación de información dos datos oficiais procedentes da rede galega de vixilancia da calidade do aire ambiente e, para o mantemento das estacións da rede automática de vixilancia da calidade do aire propiedade da Xunta de Galicia, está certificado de acordo á Norma ISO 9001:2008

Actualmente o LMAG ten dúas sedes, unha na Coruña -especializada en análise química e control do aire ambiente- e outra en Lourizán (Pontevedra) -especializada en análises biolóxicas e control e vixilancia da calidade das augas-.

O LMAG está a traballar para afianzarse como un centro de referencia estatal na área de medio ambiente, tanto no que se refire a tarefas de vixilancia e control da contaminación do aire e a auga coma no referente á investigación aplicada ao campo do medio ambiente. Neste sentido, durante ao ano 2011 abordou novos retos analíticos e de xestión derivados da lexislación recentemente aprobada en materia de mellora da calidade o aire e de control de emisións e da recente sinatura dun convenio de colaboración entre a Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Augas de Galicia segundo o cal o LMAG vai participar na explotación das redes de control de substancias perigosas en augas continentais superficiais e en augas costeiras e de transición na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.