CMATI

|
|
|
Compartir

Modificación das NNTTPP en información pública

As Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia naceron da necesidade dunha simplificación e normalización técnica dos instrumentos de planeamento urbanístico, co obxecto de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento.

Esta normativa supuxo un cambio na linguaxe formal e técnica empregada para a elaboración do planeamento que se concibiu coma unha oportunidade de mellora no proceso de redacción e aprobación dos instrumentos de planeamento, sempre na procura dunha maior transparencia e lexibilidade.

Neste troco tivo especial relevancia a determinación de elaborar a documentación gráfica do planeamento en formato compatible cos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) que garantan a interoperabilidade da información xeográfica urbanística, así como a súa difusión.

Con todo, a experiencia acumulada na aplicación das Normas técnicas de planeamento de Galicia puxo de manifesto algunhas dificultades interpretativas na súa aplicación e detectáronse unha serie de insuficiencias na regulación ou determinacións susceptibles de ser revisadas e melloradas.

Asemade, tendo en conta que os Sistemas de Información Xeográfica (SIX) se apoian nunha infraestrutura tecnolóxica en constante evolución, compre actualizar determinados parámetros técnicos para adaptalas a estes cambios.

Por todo isto, resulta preciso abordar unha reforma das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia co obxectivo de garantir unha mellor comprensión e aplicación da norma.

Mediante a Resolución do 6 de maio de 2021, da Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, acordouse o inicio da tramitación da modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que se somete a información pública, durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia. (DOG núm.96, 25.05.2021 e corrección de erros no DOG núm.98, 27.05.2021)

Durante o referido prazo, que remata o 28.06.2021, calquera persoa poderá examinar o documento, en horario de oficina, nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sitas no Edificio Administrativo San Caetano s/n, en Santiago de Compostela, e presentar ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou a través do correo electrónico sxurb@xunta.gal, as alegacións, observacións e xustificacións que se consideren pertinentes.

Pode consultarse a Modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia a través da seguinte ligazón á páxina web de documentos en información pública.

Contacto/s relacionados
  • Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo :
    sxurb@xunta.gal

    Teléfono: 981 544 356