CMATI

|
|
|
Compartir

Documentos normativos vixentes

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aprobou as Normas técnicas de planeamento de Galicia, por Orde do 10 de outubro de 2019 (DOG núm. 224 do 25/11/2019). A súa formulación e aprobación axustouse ao procedemento previsto no artigo 48 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 88 e 89 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento.

Esta normativa ven a complementar o actual marco lexislativo en materia de urbanismo co que o goberno da Xunta pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio, co propósito de garantir un territorio ordenado na totalidade dos concellos de Galicia.

As Normas técnicas de planeamento teñen por obxecto unificar os criterios técnicos para a elaboración dos documentos de planeamento urbanístico, a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, así como calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica nesta materia. Asemade, facilitará a integración da información do planeamento nas infraestruturas dixitais de datos espaciais e, posibilitará un acceso sinxelo aos documentos de planeamento a todos os actores que participan na planificación do territorio e ao público en xeral.

Esta normativa nace principalmente da necesidade dunha simplificación e normalización técnica dos instrumentos de planeamento, co obxecto de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento. Compre entendela e asumila como unha oportunidade de mellora no proceso de formulación e aprobación dos documentos, sempre na procura dunha maior transparencia e lexibilidade destes.

As Normas técnicas de planeamento están compostas por unha serie de disposicións reguladoras e un anexo que contén o seu texto articulado, distribuído nun título preliminar e tres títulos, complementado á súa vez por nove anexos de tipo técnico.

Entre outros aspectos, as NNTTPP regulan os criterios, formatos e contidos a ter en conta durante a elaboración dos diferentes documentos que compoñen os instrumentos de planeamento; armonizan a estrutura e codificación dos documentos dixitais; establecen os aspectos técnicos requiridos para a elaboración da cartografía temática urbanística en soporte SIX e para o seu tratamento informático; ordenan nun título específico a elaboración da base cartográfica que sirva de soporte para a formulación do planeamento, e regulan o proceso de dilixenciado dixital dos documentos de planeamento.

As Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia entraron en vigor o 25 de maio de 2020, aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.




MODIFICACÓN 2022

A experiencia acumulada na aplicación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia puxo de manifesto algunhas dificultades interpretativas na súa aplicación e detectáronse unha serie de insuficiencias na regulación ou determinacións susceptibles de ser revisadas para facilitar o traballo dos equipos redactores e dos concellos.

Asemade, tendo en conta que os Sistemas de Información Xeográfica (SIX) se apoian nunha infraestrutura tecnolóxica en constante evolución, cumpría actualizar determinados parámetros técnicos para adaptalas a estes cambios.

Neste contexto, apróbase a Orde do 8 de abril, pola que se modifica a Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (DOG núm. 78, 25.04.2022).

Esta norma estrutúrase nun artigo único e unha disposición transitoria que regula, entre outras cuestións, a adaptación dos instrumentos de ordenación do territorio a ela, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

Modifica o texto articulado das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia e actualiza os seus anexos técnicos, engadindo un novo anexo 9B.

Respecto dos anexos técnicos, coa modificación regulase que a partir de agora poderán ser obxecto de actualización mediante resolución administrativa da persoa titular do órgano autonómico competente en materia de urbanismo, que será publicada mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia con indicación dos cambios operados.

En todo caso, nesta web manteranse os anexos actualizados con indicación da data da súa modificación.

A entrada en vigor da Orde do 8 de abril, de modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia fíxase o 26.04.2022, ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Documento/s relacionados
  • Orde do 10 de outubro, pola que se aproban as Normas técnicas de planeamento (DOG núm. 224, 25/11/2019) Descargar
  • Orde do 8 de abril, pola que se modifica a Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (DOG núm. 78, 25.04.2022) Descargar
  • Anexo 1. Listado de abreviaturas - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 2. Simboloxía gráfica - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 3. Modelo de datos dos arquivos vectoriais - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 4. Estrutura e codificación de arquivos e carpetas - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 5. Modelo de cartela e formato A1, A2, A3 e A4 - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 6. Modelo de extracto ambiental - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 7. Ficha de vixencia de planeamento trala aprobación do documento en tramitación - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 8. Catálogo mínimo de obxectos xeográficos da base topográfica do planeamento urbanístico - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 9. Declaración responsable - Modificación abril 2022 Descargar
  • Anexo 9B. Declaración responsable do proceso de dilixenciado - Novo abril 2022 Descargar
Contacto/s relacionados
  • Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo :
    sxurb@xunta.gal

    Teléfono: 981 544 356