CMATI

|
|
|
Compartir

Uña de gato, Herba do coitelo (Carpobrotus edulis)

Descrición
Planta herbácea, perenne, con talos enraizantes e ramificados. As follas son suculentas, de sección triangular, alongadas e curvadas, de ata 13 cm. As fl ores son amarelas, rosadas ou purpúreas, de ata 10 cm de diámetro, dispostas en solitario. 5 tépalos verdes e estaminodios petaloideos lineares. Ovario con 10 estigmas. Numerosos estames. Froito carnoso, indehiscente, con numerosas sementes, estas comprimidas de ata 2 mm, mucilaxinosas.


Lugar de proveniencia
Sudáfrica, rexión do Cabo.


Propagación
A especie non parece producir sementes viables a pesar de que certos autores consideran que as sementes xeromolan abundantemente tras os incendios, poidendo permanecer no banco de sementes durante varios anos. A propagación vexetativa é moi intensa, fragmentándose a planta e enraizando os fragmentos.


Comportamento e problemática
É unha especie en franca progresión que ocupa zonas novas en medios alterados costeiros ou con uso humano intenso. Forma un tapiz ininterrompido que cobre o substrato e altera totalmente as condicións de insolación e ciclo de nutrientes. Describíronse problemas na polinización por competencia.


Introdución
A especie utilizouse en xardinaría pola súa capacidade de fixación e rexeneración, ademais de pola vistosidade das súas flores.


Hábitats en que aparece

Comunidades psamófi las costeiras; tamén afecta a comunidades casmofíticas de acantilado. Afecta polo tanto a un bo número de especies de vexetais raras ou ameazadas presentes nestes hábitats.

 

Distribución en Galicia

Toda a zona costeira galega.


Outras especies
Carpobrotus acianiformis (L.) L. Bolus citouse tamén en numerosas ocasións, aínda que a diferenciación taxonómica é pouco clara e, segundo autores, non está presente na flora ibérica. Outras especies desta familia tamén sudafricanas son Disphyma crassifolium (L.) L. Bolus, puntual en zonas costeiras, e Aptenia cordifolia (L. fil.) Schwantes, que se escapa de xardíns tamén en zonas costeiras. Tetragonia tetragonoides (Pallas) O. Kuntze, de Nova Celandia, aparece en zonas costeiras desde tempos recentes, desde Poio ata Corcubión.


Mecanismos de control


Control mecánico
Carpobrotus edulis pode ser facilmente eliminado mediante retirada manual. Non obstante, xa que esta planta pode desenvolver raíces ou gromos de calquera nódulo, será imprescindible retirar todos os anacos do terreo. Ademais, como en moitos casos quedan restos da planta enterrados no solo, será necesario repetir a operación polo menos unha segunda vez. Poboacións densas poden ser retiradas mediante enrolamento como se se tratase de placas de céspede ou rodais.


Control químico
Esta especie pode ser controlada mediante tratamentos con glifosato a un mínimo do 2%. A eficacia deste herbicida pódese ver incrementada coa adición dun 1% de surfactante co obxecto de romper a densa cutícula da planta. Tamén o uso de auga con pH acedo ou a acidificación artificial desta favorecen a súa eficacia. As plantas tratadas poden tardar varias semanas en morrer, e tras varios meses poderíase producir o reabrollamento de individuos aparentemente mortos, polo que cómpre realizar un seguimento da zona.

Na Albufera de Valencia levouse a cabo un estudo sobre as consecuencias da aplicación de glifosato para o control de Carpobrotus en terreos areosos a unha dose de 2,5 kg glifosato/ha. De acordo con este estudo, aos 7 días comezan a aparecer gromos amarelados nas plantas. Tras 10 días, a maior parte da planta está afectada, e despois de 15, só un 10% non presenta síntomas. Tras 4 semanas comezan a aparecer gromos que morrerán unha semana máis tarde. Aos tres meses do tratamento considérase que a planta é totalmente inviable, e comezan a aparecer gromos de flora autóctona que colonizan o espazo deixado por Carpobrotus. Non obstante, como conclusión, non se recomenda o uso de glifosato en areais debido á súa persistencia e ao efecto nocivo que ten sobre a flora autóctona. Obviamente, ao non ser un herbicida selectivo, o glifosato afectará a calquera planta con que entre en contacto, polo que é necesario realizar aplicacións puntuais dirixidas. O problema da persistencia pódese solucionar reducindo a dose aplicada. Por exemplo, se se utilizase un produto típico con glifosato ao 10-12% a unha dose mínima (para eses produtos) de 6 L/ha (recomendada polo fabricante), isto suporía 0,6 kg de glifosato/ha, case a cuarta parte do aplicado no tratamento na Albufera. De feito, graves invasións desta planta foron erradicadas xa nos anos 80 das dunas do parque natural de Bodeha Head, en California, utilizando control químico. Neste caso, e aínda que non se dan datos sobre o herbicida aplicado nin da concentración usada, si se indica que as plantas tardaron moito tempo en morrer e que progresivamente foron substituídas por sucesión natural por plantas autóctonas, un proceso idéntico ao observado no estudo da Albufera.


Control biolóxico

Na actualidade non existe ningún axente que se comercialice contra esta planta, pero observouse como algunhas especies de cochinillas algodonosas, Pulvinariella mesembryanthemi e Pulvinaria delottoi, tiveron certo impacto nas poboacións de Carpobrotus.


Bibliografía
Washburn & Frankie, 1985; Guitián & Guitián, 1986; Soñora 1991: 99; Castroviejo, 1990; Hueso, 2005; Moragues & Traveset, 2005.

Nome común Uña de gato, Herba do coitelo Nome científico Carpobrotus edulis Clase Plantas superiores Familia Aizoaceae

Documento/s relacionados
Subir