CMATI

|
|
|
Compartir

Juncia olorosa (Cyperus eragrostis)

Descrición
Planta perenne, herbácea, con rizomas curtos e grosos. Talos de sección trígona, de ata 90 cm. Follas basais, lineares de ata 1 cm de longo, algo coriáceas. Inflorescencia en umbela de 8-10 raios e 5-11 brácteas longas. Espiguiñas alongadas con 14-30 flores de cor verdella amarelada. Froito en aquenio.


Lugar de proveniencia
América tropical e subtropical.


Propagación
Tanto por sementes como por rexeneración a partir do rizoma.


Comportamiento e problemática
Na maioría dos casos atópase en hábitats alterados, aínda que tamén aparece en medios naturais ou seminaturais. É tamén unha invasora en Australia, así como no Reino Unido en Europa.


Introdución
Accidental, probablemente como mala herba en cultivos.


Hábitats en que aparece
Diferentes tipos de comunidades herbáceas asociadas a alta humidade edáfica, marxes de ríos e praderías encharcadas, costeiras ou non, en sotobosque de ameneirais alterados ou salgueirais e outros.


Distribución en Galicia
Principalmente a zona costeira galega, aínda que non falta nas provincias de Ourense e interior de Lugo.


Outras especies
C. longus L. é tamén moi frecuente, pero o seu carácter alóctono foi discutido. C. esculentus L. e C. rotundus L. son tamén alóctonas presentes en Galicia. C. flavescens L. tamén está presente en colas de pantano do interior de Galicia. C. involucratus Rottb. (= C. alternifolius L.) é unha especie proveniente de Madagascar que se utiliza como planta ornamental e se asilvestra ocasionalmente. Noutros lugares como Estados Unidos ou o Levante español considérase unha especie invasora, polo que debe vixiarse.


Control mecánico
O control mecánico por retirada manual é unha boa opción para eliminar poboacións de plantas do xénero Cyperus. A mellor maneira é arrancalas usando un pequeno sacho (de tres picos, por exemplo) co que penetrar uns 20 cm no terreo para arrancar tamén os rizomas. Nalgúns casos, como en C. esculentus, esta tarefa vese dificultada pola existencia nos rizomas de bulbos ou tubérculos. O control por arranque neste caso pode ser igualmente eficaz, pero vai levar máis tempo, pois hai que repetilo en varias ocasións. Para asegurar o éxito desta medida, e tras a primeira limpeza, as novas plántulas emerxentes deben ser retiradas antes de que desenvolvan cinco ou seis follas. Desta maneira evitarase a produción de novos tubérculos e ao tempo redúcense progresivamente as reservas dos antigos, xa que se ven forzados a usar repetidamente as súas enerxías no desenvolvemento dunha nova planta. Tras sucesivas retiradas, e como as reservas non se ven renovadas, o tubérculo extenuarase e a planta non reabrollará máis. Os tubérculos maduros poden reabrollar ata en dez ocasións.

Como xa se indicou noutras ocasións, no caso de plantas con bulbos ou tubérculo non é recomendable o uso de técnicas de arado para a eliminación desta planta, xa que se favorece a dispersión destes órganos. No caso de C. esculentus esta técnica poderíase utilizar en áreas pequenas sempre que se leve a cabo antes de que a planta desenvolva cinco follas.


Control físico
Outra estratexia válida para a eliminación destas invasoras é o recubrimento da zona cunha cuberta que evite o crecemento da planta. As típicas cubertas de polietileno plástico non son moi recomendables, xa que as afiadas follas destas especies son capaces de traspasalo. É máis recomendable utilizar teas de filamentos soldados de polipropileno, que ademais son permeables á auga e ao aire. Estas teas poden ser asemade recubertas con material orgánico no caso de que se poida repoboar a zona. Algúns exemplos destas teas son Dupont Typar 307 e Dupont Typar 312, que, segundo estudos realizados nos anos noventa, 30 días despois da súa instalación non deixaron pasar nin un só gromo.

Control cultural: Distintas especies invasoras de Cyperus non medran ben á sombra. Se existe a posibilidade de repoboar unha área con especies de porte superior a Cyperus, poderase reducir o nivel de invasión deixando a zona ocupada pola devandita planta en sombra.


Control químico
O control químico destas plantas non resulta especialmente efectivo. Herbicidas non selectivos aplicados en postemerxencia, como glifosato ou acedo pelargónico, teñen unha eficacia moi relativa. Algo máis efectivos se mostran o halsulfuron e o metano arsonato monosódico (MSMA), aínda que non están rexistrados en España. Para que estes herbicidas sexan efectivos, deben ser aplicados antes de que a planta bote cinco follas. Tamén se pode obter certo grao de control con tratamentos de preemerxencia, usando herbicidas con dichlobenil (Casoron G) ou metolacloro (Dual Gold), aínda que este último está rexistrado só para usos agrícolas.


Control biolóxico

O xénero Cyperus inclúe algunhas das malas herbas máis problemáticas do planeta. Por isto e por ser un grave problema nos cultivos de arroz, son moitos os intentos que se levaron a cabo para atopar controladores biolóxicos.

Nos Estados Unidos, a partir dos anos noventa estase a desenvolver un micoherbicida contra Cyperus esculentus empregando o fungo (Puccinia canaliculata). Este axente comercializarase baixo o nome de ''Dr. Biosedge''. Porén, en Holanda, tests preliminares indicaron que quizais este fungo non sexa o suficientemente específico.

Outro axente testado é o fungo patóxeno Dactylaria higginsii, recentemente descuberto no sueste dos Estados Unidos, e que ocorre de forma natural en Cyperus rotundus. Polo momento non se ten constancia de que se realizasen probas con C. eragrostis, pero tendo en conta o espectro de infección que ten no xénero Cyperus, é moi probable que tamén sexa efectivo contra esta especie. Os efectos deste axente comezan a manifestarse catro días despois da súa aplicación en forma de pequenos puntos mouros nas follas. Estes puntos medrarán de xeito progresivo ata necrosar parcialmente a maioría das follas. En estudos de invernadoiro observouse que aplicacións de 106 conidia/ml reducen ata nun 75% o número de plántulas e o peso dos tubérculos. En estudos de campo, con 3 aplicacións de 106 conidia/ml conseguiuse un 90% de control. Tamén hai que destacar que este fungo é moi específico, xa que non se observou que infectase outras especies adxacentes.

Por último, outra técnica con que se experimentou para o control de Cyperus é a alelopatía. Preparados acuosos con extractos das partes subterráneas de Ophiopogon japonicus (a concentracións de 1, 2, 4 e 8%) reduciron significativamente a xerminación e o crecemento de Cyperus difformis.


Bibliografía
Phatak et al., 1983; Martin et al., 1991; Scheepens& Hoogerbrugge, 1991; Phatak, 1992; Kadir & Charudattan, 2000; Lin et al., 2004; Sanz Elorza et al., 2004: 142-143.

Nome común
Juncia olorosa
Nome científico
Cyperus eragrostis
Clase
Plantas superiores
Familia
Cyperaceae

Documento/s relacionados
Subir