CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora)

Descrición
Xeófito cormófito con follas planas, paralelinervias de ata 90 cm. Pedicelos florais de ata 1,2 m, inflorescencia dunha espiga non ou pouco ramificada con varias flores. Flores zigomorfas, sésiles, alaranxadas. Tépalos unidos basalmente nun tubo de 1-1,5 cm, lixeiramente curvado, os lóbulos subiguais, estendidos, lanceolados, filamentos de 15-22 mm, anteras de 6-8 mm, estilo filiforme, con 3 ramas curtas, angostas. Cápsulas de 7 x 9 mm, deprimido-globosas. Sementes normalmente non-viables.


Lugar de proveniencia
Obtida a partir do cruzamento de dúas especies nativas de Sudáfrica [C. aurea (Pappe ex Hook.) Planch. x C. pottsii (Baker) N. E. Br.] en Nancy (Francia) en 1880.


Propagación
Sempre vexetativa, por fragmentación e dispersión da estrutura de reserva subterránea.


Comportamiento e problemática
Moi estendida na costa, con comportamento claramente expansivo. Invade medios naturais como os ameneirais, onde pode formar horizontes monoespecíficos limitando outras especies autóctonas. Está considerada unha invasora en gran parte de Europa, Australia, Estados Unidos, Xapón ou Chile. Na península está presente en Portugal e no litoral cantábrico.


Introdución
Como ornamental, o seu uso en xardinaría está moi estendido. As primeiras citas en Galicia son moi recentes, de 1986.


Hábitats en que aparece
Principalmente medios alterados nitrófilos, próximas a zonas habitadas pero tamén en ambientes sombríos, principalmente fragas mixtas de ribeira, ameneirais e salgueirais. Necesita solos frescos, tolerando inundacións temporais que poden favorecer a súa expansión por diseminación dos talos subterráneos.


Distribución en Galicia
Toda a zona costeira galega, máis abundante nas Rías Baixas. Para o interior, seguindo o trazado dos vales fluviais como o Tambre, Eo ou Masma e, sobre todo, o eixe Miño-Sil.


Mecanismos de control
Esta especie é unha das plantas invasoras máis difíciles de controlar, especialmente cando se trata de eliminar poboacións extensas e establecidas. Neste caso é unha tarefa que requirirá moitísimo tempo (anos) e un esforzo continuado.


Control mecánico
O control mecánico de Crocosmia non é unha tarefa sinxela. Á hora de retirar a planta será necesario escaravellar no solo ata sacar a raíz e os tubérculos de cada un dos individuos, algo que é preferible facer cando a terra estea mollada, xa que será necesario eliminar a complexa masa de raíces fibrosas e bulbiños formada pola planta. Esta masa pode chegar a ter un tamaño considerable, co que dificilmente será retirada por completo nun só intento. En certos casos, substituír a totalidade do solo pode ser unha opción. Outra alternativa é realizar segas repetidas da planta nada máis reabrollar para intentar extenuar os bulbos.


Control químico

Esta planta non é moi susceptible aos tratamentos herbicidas, xa que estes non se translocan con moita efectividade aos seus rizomas e tubérculos. En Australia permitiuse o uso en parques naturais de glifosato coa intención de controlala. Así, está permitido aplicar o produto sen diluír no caso de fumigación puntual dirixida (spot) ou untando a planta. No caso de fumigación estándar, a dilución recomendada é de 1:70. Nun estudo realizado en 1992 por Santos en Hawai, observouse que aplicacións de Garlon® ao 40% non tiveron ningún efecto sobre esta planta.


Bibliografía
Izco & Amigo, 1986: 131; Soñora, 1991: 113; Santos et al., 1992; Silva-Pando et al., 2000: 30; Amigo 2005: 72 (táboa).

Nome común
Crocosmia
Nome científico
Crocosmia x crocosmiiflora
Clase
Plantas superiores
Familia
Iridaceae

Documento/s relacionados
Subir