CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Humidais de Importancia Internacional (Convenio Ramsar)

Convenio sobre os Humidais (Ramsar, 1971)

O Convenio sobre os Humidais, ou Convenio relativo aos humidais de importancia internacional especialmente como hábitat de aves acuáticas (Ramsar, 1971), é un tratado intergobernamental que proporciona o marco para a acción nacional e a cooperación internacional en favor da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos. Adoptouse na cidade Ramsar (Irán) en 1971, entrou en vigor a finais de 1975 e ratificado por Instrumento do 18 de marzo de 1982 por España. É o único tratado ambiental mundial que trata dun ecosistema en particular. Neste Convenio, ratificado por 154 países, foron inscritos máis de 1.600 humidais que cobren unha superficie de máis de 145 millóns de hectáreas.

O obxectivo principal do Convenio é "a conservación e o uso racional dos humidais mediante accións locais, rexionais e nacionais e grazas á cooperación internacional, como contribución ao logro dun desenvolvemento sostible en todo o mundo".

O Convenio define de forma ampla os humidais, que segundo o Artigo 1.1 consisten en: "as extensións de marismas, pantanos e turbeiras, ou superficies cubertas de augas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doce, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariñar a profundidade da cal en marea baixa non exceda de seis metros. Ademais, poderán comprender as súas zonas ribeirás ou costeiras adxacentes, así como as illas ou extensións de auga mariña dunha profundidade superior aos seis metros en marea baixa, cando se atopen dentro do humidal".

O Convenio adoptou un Sistema de Clasificación de Tipos de Humidais que inclúe 42 tipos, agrupados en tres categorías: humidais mariños e costeiros, humidais continentais e humidais artificiais.

 

A Lista de Humidais de Importancia internacional

A Lista de Ramsar estableceuse conforme ao parágrafo 1 do artigo 2 do Convenio sobre os Humidais, que di o seguinte: "Cada Parte Contratante designará humidais idóneos do seu territorio para ser incluídos na Lista de Humidais de Importancia internacional, que mantén a secretaría da Convención establecida en virtude do Artigo 8".

O Convenio estipula que "a selección de humidais que se inclúan en Lista deberá basearse na súa importancia internacional en termos ecolóxicos, botánicos, zoolóxicos, limnolóxicos ou hidrolóxicos ". Cos anos a Conferencia das Partes Contratantes adoptou criterios máis precisos para interpretar o texto do Convenio, así como unha Ficha Informativa dos Humidais de Ramsar.

 

Criterios para a identificación de humidais de importancia internacional

Aprobados pola Conferencia das Partes Contratantes nas súas Reunións 7ª (1999) e 9ª (2005) en substitución dos Criterios aprobados previamente pola COP nas súas Reunións 4ª e 6ª (1990 e 1996), para orientar a aplicación do artigo 2.1 do Convenio sobre designación de sitios Ramsar.

Grupo A dos Criterios. Sitios que comprenden tipos de humidais representativos, raros ou únicos

Criterio 1: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se contén un exemplo representativo, raro ou único dun tipo de humidal natural ou case natural achado dentro da rexión bioxeográfica apropiada.

Grupo B dos Criterios. Sitios de importancia internacional para conservar a diversidade biolóxica

Criterios baseados en especies e comunidades ecolóxicas

Criterio 2: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se sustenta especies vulnerables, en perigo ou en perigo crítico, ou comunidades ecolóxicas ameazadas.

Criterio 3: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se sustenta poboacións de especies vexetais e/ou animais importantes para manter a diversidade biolóxica dunha rexión bioxeográfica determinada.

Criterio 4: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se sustenta especies vexetais e/ou animais cando se atopan nunha etapa crítica do seu ciclo biolóxico, ou lles ofrece refuxio cando prevalecen condicións adversas.

Criterios específicos baseados en aves acuáticas

Criterio 5: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se sustenta de xeito regular unha poboación de 20.000 ou máis aves acuáticas.

Criterio 6: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se sustenta de xeito regular o 1% dos individuos dunha poboación dunha especie ou subespecie de aves acuáticas.

Criterios específicos baseándose en peixes

Criterio 7: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se sustenta unha proporción significativa das subespecies, especies ou familias de peixes autóctonas, etapas do ciclo biolóxico, interaccións de especies e/ou poboacións que son representativas dos beneficios e/ou os valores dos humidais e contribúe dese xeito á diversidade biolóxica do mundo.

Criterio 8: Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se é unha fonte de alimentación importante para peixes, é unha zona de desova, unha área de desenvolvemento e crecemento e/ou unha ruta migratoria da que dependen as existencias de peixes dentro ou fóra do humidal.

Criterios específicos baseados noutros taxóns

Criterio 9: Un humidal deberá considerarse de importancia internacional se sustenta habitualmente o 1% dos individuos da poboación dunha especie ou subespecie dependente dos humidais que sexa unha especie animal non aviaria.

Criterios adicionais

Valores culturais: Un humidal tamén se pode considerar como de Importancia Internacional cando, ademais dos correspondentes valores ecolóxicos, dispón de exemplos que ilustran importantes valores culturais, xa sexa materiais ou non relacionados coa súa orixe, conservación e/ou funcionamento ecolóxico.

  

Protocolo de inclusión dun humidal na Lista Ramsar

A Autoridade administrativa competente remitirá ao Comité de Humidais, dependente da Comisión Nacional de Protección da Natureza, a solicitude de inclusión dun humidal na Lista de Humidais de Importancia Internacional do Convenio de Ramsar. A devandita solicitude acompañarase da documentación técnica completa que xustifique a importancia do humidal segundo os Criterios de Importancia Internacional tipificados polo Convenio, así como da cartografía necesaria.

Tras a valoración técnica positiva do Comité de humidais, a Autoridade administrativa competente remitirá ao Ministerio de Medio Ambiente unha proposta oficial de inclusión. Finalmente a devandita inclusión será aprobada por Acordo do Consello de Ministros e publicada no BOE.

Á Secretaría Ramsar remitirase a solicitude de inclusión xunto coa documentación técnica, así como o Acordo do Acordo Consello de Ministros, para que a inclusión sexa efectiva. Con posterioridade a Secretaría Ramsar emitirá unha Comunicación oficial da inclusión e un Título Ramsar do humidal.

 

Lista de sitios Ramsar de Galicia

Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira
Rías de Ortigueira e Ladrido
Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo
Lagoa e areal de Valdoviño
Ría do Eo
 

Na actualidade a delimitación destes lugares atopa nun proceso de revisión, apoiándose na Resolución VIII.21 que recorda no seu parágrafo 3 que a Resolución VII.23 recoñeceu que pode ser necesario definir os límites dos sitios Ramsar con maior precisión, por exemplo cando os límites foron definidos de xeito erróneo ou incorrecto (escala inadecuada) no momento da designación.

Como resultado deste proceso, xa se produciu e publicado o axuste de límites do sitio Ramsar Lagoa e areal de Valdoviño, por medio da Resolución do 17 de xaneiro de 2006 (BOE nº 47, 24 de febreiro de 2006).

 

Normativa relativa á designación de sitios Ramsar en Galicia.

- Anuncio de designación de novos humidais por parte de España. Convenio relativo a humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas (Ramsar, 1971). (BOE nº 110, 8 de maio de 1990).
- Resolución do 15 de marzo de 1993 (BOE nº 73, 26 de marzo de 1993).
- Resolución do 4 de novembro de 1994 (BOE nº 273, 15 de novembro de 1994).
- Resolución do 17 de xaneiro de 2006, (BOE nº 47, 24 de febreiro de 2006).