CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio urbán

O ser humano foi transformado os ecosistemas naturais, afastándoos cada vez máis das súas características orixinais, creando un ambiente novo, totalmente artificial, conformado por edificios, redes de sumidoiro, xardíns, parques, pavimentos, etc. Estas modificacións do medio implican cambios substanciais na estrutura das poboacións de animais e plantas. Aínda así, e malia á súa falta de naturalidade, este medio é aproveitado por algunhas especies de animais e vexetais que logran adaptarse a estas novas condicións de vida, que atopan aquí unha boa fonte de alimento e acubillo.

Moitas plantas propias de ambientes naturais desapareceron, mentres outras se adaptaron ás novas condicións ambientais. Algunhas delas colonizan, ben polos seus propios medios, ben transportadas polo home, terreos sen cultivar como gabias, entulleiras ou paredes.

Os xardíns, parques e estanques son algúns dos medios urbanos que acollen a maior diversidade de fauna. Aos parques acoden animais procedentes de áreas naturais próximas que buscan as proximidades de asentamentos humanos para alimentarse como raposos, xenetas ou aves rapaces. Entre a fauna que podemos encontrar no medio urbano son moi familiares os gorrións (Passer domesticus), omnipresentes habitantes das cidades, onde atopan abundante alimento; os avións comúns (Delichon urbica), que constrúen os seus curiosos niños de barro nas cornixas de casas e edificios; e os estorniños (Sturnus unicolor e Sturnus vulgaris ) e lavandeiras (Motacilla alba), que adoitan reunirse en dormitorios como o arborado dos xardíns públicos, onde se encontran a salvo de depredadores. Así mesmo, nos parques e xardíns tamén é frecuente escoitar a avelaiona (Strix aluco), que nidifica nos ocos das árbores vellas, así como as curuxas (Tyto alba), cuxo grito nocturno mentres voa non deixa a ninguén indiferente. As gaivotas (Larus spp.) tamén están presentes en moitas vilas e cidades, mesmo en áreas de interior, onde se abastecen da comida que atopan nos vertedoiros de lixo. Unha imaxe típica das cidades, aínda que cada vez más escasa, é a presenza de morcegos, como o morcego común (Pipistrellus pipistrellus), que podemos ver alimentándose dos pequenos insectos que son atraídos pola luz dos farois. Cabe mencionar tamén a existencia dun importante tramado de sumidoiros no subsolo da urbe, un hábitat propio de animais como a rata gris (Rattus novergicus) ou as cascudas (Blatta orientalis, Periplaneta americana).

Ademais da fauna urbana, cómpre destacar a presenza dun bo número de especies vexetais ligadas a terreos sen cultivar (ricos en nitróxeno), como por exemplo as ortigas (Urtica spp.), e as comunidades propias de muros e paredes integradas por especies tan características como: Cymbalaria muralis, Umbilicus rupestris, Sedum spp., Parietaria judaica, Polypodium spp., entre outras.