CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Uceiras e formación de mato

En termos da ecoloxía da paisaxe, considérase o ambiente dominante no territorio galego. Son hábitats abertos, constituídos por unha comunidade arbustiva na que as uces xénero Erica e os toxos (Ulex spp.) son as especies dominantes. Estes ambientes adoitan estar enriquecidos con outras especies como algunhas xaras (Cistus spp., Halimium alyssoides), herba das doas (Lithodora postrata) e outros breixos como Daboecia cantabrica e Calluna vulgaris, ademais dalgunhas especies de gramíneas.

Dominadas por condicións extremas pódense considerar as formacións de matogueira existentes nos acantilados costeiros (A Capelada, Ortegal) e nas áreas de maior altitude do territorio galego (O Xurés, Trevinca, Os Ancares-O Courel).

Este tipo de hábitat representa etapas seriais do bosque potencial, que en Galicia é, maioritariamente, unha carballeira. Os incendios, as cortas indiscriminadas e a explotación do territorio favorecen o seu desenvolvemento. Só as matogueiras de acantilados costeiros e de braña son independentes destes procesos.


Dos 22 tipos de hábitats de matogueiras tipificadas como de interese comunitario pola Directiva Hábitat, 5 están presentes no territorio galego, e dos 7 tipificados como hábitats de interese prioritario, 2 están presentes en Galicia: uceiras secas costeiras e uceiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix. Nas uceiras higrófilas, ligadas maioritariamente a zonas de certa altitude, adoitan estar presentes outras especies como as xestas Genista berberidea, G. micratha e G. falcata ou outras plantas de carácter hidrófilo, como Potentilla erecta, Eriophorum spp., Rhynchospora spp.,ou as carnívoras dróseras(Drosera rotundifolia ou D. intermedia), así como brións do xénero Sphagnum, moi habituais neste tipo de ambientes. En canto á fauna destes espazos de matogueira edafohigrófila, cabe destacar a presenza da lagarta das brañas (Lacerta vivipara).


Estas formacións son ambientes utilizados por numerosos organismos. Adoitan constituír importantes áreas de nidificación para aves como as tartarañas (Circus cyaneus, C. pygargus), rapaces amparadas pola Directiva Aves (79/409/CEE), frinxílidos como o liñaceiro (Carduelis cannabina), papuxas (Sylvia undata, Sylvia cantillans), a carriza (Troglodytes troglodytes) e certas galiñáceas, que encontran neste ambiente un lugar seguro en que reproducirse.

Nestes ecosistemas de matogueira as especies de réptiles mellor representadas son o esgonzo común (Chalcides striatus), o lagarto arnal (Lacerta lepida),a cobra lagarteira común (Coronella austriaca) ou a endémica víbora de Seoane (Vipera seoanei).


Entre os mamíferos destacan o corzo (Capreolus capreolus), o raposo (Vulpes vulpes), a donicela (Mustela nivalis), o xabaril (Sus scrofa) ou o coello (Oryctolagus cuniculus).