CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Alcaraván (Burhinus oedicnemus)

Descrición

De tamaño medio, destaca polo seu aspecto descoidado, con ollos moi grandes e amarelos. Ten o corpo acastañado claro, con manchas escuras repartidas polo dorso e as ás. Bico forte, coa base amarela e a punta de cor negra. A parte ventral é cremosa, con manchas pardas no peito. Nas ás destaca unha banda branca rodeada de negro nas cobertoras. Patas longas e amarelas.

Gusta de correr rápido, en movementos fugaces, e logo ficar inmóbil, mirando fixamente.

Reprodución

O niño é unha depresión no chan entre pedras. A partir de marzo incuban 2 ovos de cor crema con pintas acastañadas. Os polos abandonan o niño nada máis nacer.

Unhas 40 parellas reprodutoras en Galicia.

Alimentación

Aliméntase principalmente de escaravellos (coleópteros) e saltóns (ortópteros).

Hábitat

Gústanlle os sistemas dunares, campos ermos, pasteiros e áreas de cultivo.

Distribución

Especie cunha ampla distribución na península Ibérica, pero que está practicamente ausente na franxa húmida do norte. En Galicia distribúese fundamentalmente na comarca da Limia e en certos areais costeiros (especialmente no Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carrexal e Vixán). Ocupa terreos chans, con pouco ou sen arborado; nas zonas de cultivo prefire a vexetación natural a estes.

Estado de conservación

A ameaza principal de conservación é a intensificación agrícola, que prexudica o hábitat de reprodución da especie. O uso excesivo de insecticidas tamén supón un factor significativo de ameaza.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Alcaraván Nome científico Burhinus oedicnemus Clase Aves Familia Burhinidae

Documento/s relacionados
Subir