CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Saramaganta (Chioglossa lusitanica)

Descrición

Unha das xoias, non só da herpetofauna, senón de todo o patrimonio natural galego. Especie rara e singular, é xenuína representante da natureza ancestral galega: bosques densos e húmidos con regatos cheos de liques.

Mide uns 150 mm de lonxitude, dos que máis de dúas terzas partes corresponden á cola. Corpo alongado e estreito, con patas moi pequenas. Cabeza pequena e deprimida, con fociño redondeado e ollos grandes, escuros e saltóns. Pel moi lisa e de cor castaña-bronceada, escura, onde destacan no dorso dúas liñas douradas lonxitudinais que se xuntan nunha soa na cola.

Reprodución

As poboacións residentes na zona norte do noso país fan as postas no verán, mentres que as da zona sur prefiren facelo no outono. Teñen necesidade de altas temperaturas e dun microclima saturado de humidade para reproducirse. Os apareamentos acontecen en terra ou en augas superficiais, de maneira similar ao das píntegas.

As femias poñen os ovos (de 12 a 17) en foxos ou ocos profundos, e incluso en covas.

Alimentación

Colle presas moi pequenas coa súa lingua, que actúa a xeito de pinza. Na súa dieta aparecen arañas, moscas, mosquitos, larvas de insectos, escaravellos e eirugas de bolboreta.

Hábitat

Vive en zonas de monte e de relevo accidentado, con regatos e densa vexetación que proporcione un microclima saturado de humidade. Gusta de solos rochosos e con liques e follaxe. A maioría das veces encóntrase preto de pequenas correntes de auga limpa e ben osixenada. Penetra en minas abandonadas e covas.

Distribución

É un endemismo do noroeste ibérico, só ausente nas zonas máis secas do SE de Ourense. Precisa unha precipitación anual media superior aos 1000 mm/m2, e non aparece polo alto dos 1000 m de altitude.

Estado de conservación

Só abunda onde o noso medio natural está en excelentes condicións, isto é, augas limpas non contaminadas e bosques densos. Moi sensible á contaminación das augas e ás cortas masivas de bosque autóctono.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Subir