CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Caracol de Quimper (Elona quimperiana)

Descrición

Caracol terrestre de cuncha aplanada e delgada, lisa e brillante. A coloración que máis abunda é o marrón claro. Podemos coñecer o seu crecemento grazas a unhas franxas máis claras, case brancas, que presenta na súa cuncha. As cunchas dos exemplares xuvenís teñen "pelos" curtos caedizos.

Reprodución

Son hermafroditas e ovíparos; adoitan poñer os ovos en pequenos buratos na terra. Os individuos novos eclosionan xa formados.

Alimentación

Herbívoro e coprófago. Aliméntase sobre todo de fungos e cogomelos.

Hábitat

Especie exclusiva de zonas de clima oceánico e atlántico, que en Europa só se distribúe nas illas británicas e norte da península Ibérica. Presenta numerosas poboacións en Galicia, asociadas fundamentalmente a bosques caducifolios mixtos, con elevada humidade ambiental, abundancia de follas e brións; entre ortigas e fieitos, zonas próximas a cursos de auga con abundante vexetación herbácea. Tamén en covas e as súas entradas. Presente desde a costa ás serras occidentais, ata 1600 m de altitude.

Distribución

En Europa extinguiuse recentemente no suroeste de Francia. É unha especie propia do occidente europeo, costeiro-atlántica, de distribución disxunta. Na península distribúese polo litoral cantábrico, malia que a súa presenza é moi localizada.

Estado de conservación

O tamaño poboacional parece reducido e con tendencia á diminución debido ás repoboacións forestais. Presumiblemente, o tamaño da súa poboación sexa pequeno. A súa área de ocupación puido verse fortemente minguada a causa das repoboacións e os incendios forestais.

A súa conservación pasa pola protección do seu hábitat, estudos sobre a súa bioloxía e requirimentos ecolóxicos, estudos demográficos, etc.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Caracol de Quimper Nome científico Elona quimperiana Clase Moluscos Familia Elonidae

Documento/s relacionados
Subir